Poesía perdida (1993, Ediciós do Castro) é un libro póstumo de Ricardo Carballo Calero no que se recollen os seus poemas en lingua castelá, en edición de Claudio Rodríguez Fer.
Características A Introdución é de Claudio Rodríguez Fer e está escrita en galego. Os poemas de Carballo Calero están en castelán.
Carballo Calero publicou en vida dous libros de poesía en castelán Trinitarias (1928) e La soledad confusa (1931). Non reeditou estes libros nin publicou máis libros poéticos en castelán pero deixounos todos perfectamente reagrupados, organizados e datados en cinco volumes: Versos para olvidar, Versos para romper, Romancero de apócrifos y canónicos, Teoría de Eva e Avena loca. Son máis de trescentos poemas que van de 1925 a 1947.
Claudio Rodríguez Fer sinala que a poesía de Carballo Calero foi editorialmente monolingüe desde 1934 (O silenzo axionllado), todos os seus libros de versos están en galego. Este monolingüismo “ilustra o seu compromiso co idioma de Galcia, que tantas veces defendeu política, cultural e cientificamente, do mesmo xeito que o seu bilingüismo creativo evidencia a súa autenticidade á hora de escribir. O castelán foi a súa lingua materna e formativa, así como a íntima en moitas das súas relacións, fenómeno que, unido a circunstancias biográficas, motivou que o cultivase tamén literariamente con xenerosidade” .
Versos para olvidar Son sesenta poemas escritos entre 1925 e 1930, entre os quince e os vinte anos da vida do autor. Por iso xa no Prólogo de Trinitarias Nicolás García Pereira falaba de poemas xuvenís, máis sentidos ca pensados.
Trinta e catro deses poemas xa foran publicados no libro Trinitarias, aquí aparecen corrixidos e aumentados con vinte e seis poemas máis.
Claudio Rodríguez Fer destaca un soneto que anticipa as tres dimensións na vida e na obra de Carballo Calero: a transcendente (centrada no filosófico e no relixioso), a erótica (centrada na muller) e a cultural (centrada no mítico, no histórico e no artístico):
Nestes poemas da época da adolescencia resultan evidentes as pegadas do Romantismo e do Modernismo. Sinala Claudio Rodríguez Fer que o rexeitamento da existencia, o sentimento de soidade, a atracción do irracional e misterioso, a tendencia á melancolía, a ambientación crepuscular e nocturna, a estima pola soño, a frustración amorosa e a atracción erótica son elementos tan románticos coma modernistas.
Formalmente semellan modernistas a riqueza léxica, o rexistro cultista, a variedade métrica e a busca da sensorialidade, da plasticidade e da musicalidade.
Versos para romper Son sesenta e tres poemas escritos entre 1929 e 1944. Dezaoito deles xa se publicaran en La soledad confusa, mais sete dos poema dese libro aparecerán agora no seguinte. Estes poemas foron escritos nos tempos da República (en Galicia), da guerra civil (na zona republicana) e na posguerra que pasou no penal de Xaén. Para Claudio Rodríguez Fer os poemas deste libro entroncan coa sensibilidade estética posmodernista de Juan Ramón Jiménez e cos poetas da promoción do 27 polo neopopularismo. Así no Romance de la novia o erotismo remítenos a García Lorca:
Ademais deste romance hai outros entroncados coa liña neopopularista do grupo do 27 e moitos son de ambientación andaluza, seguramente escritos na fronte durante a guerra ou despois na cadea andaluza. Mesmo algúns teñen elementos mouriscos, axitanados e andalucistas.
Romancero de apócrifos y canónicos Son trinta e cinco romances de asunto bíblico, apócrifo ou canónico escritos entre 1930 e 1943. Adán y Lilith, Satán y Miguel, Caín y Abel, Jog, Agar, Isaac, Dina y Sijem, Salija y José, Sansón, Ruth y Booz, Davi y Absalón, Judith y Olofernes, Salomé, Marta y María, Judas... son algúns dos protagonistas dos romances.
Romance de Dina y Sijem:
Teoría de Eva Son cen retratos femininos, cen sonetos escritos entre 1939 e 1941 na cadea de Xaén.
Claudio Rodríguez Fer sinala que os sonetos establecen un plural panorama de tipos femininos. Estilisticamente son máis ben modernistas, con grande riqueza léxica e de moi acusada expresividade plástica e sonora.
A maioría dos retratos participan, na descrición, da prosopografía, da etopeia, da hipotipose e da etoloxía:
Avena loca É o último libro de poesía en castelán escrito por Carballo Calero. Son cincuenta e catro poemas escritos entre 1945 e 1947, en plena posguerra e xa de volta en Galicia.
O título do libro pode estar relacionado con Libro del Buen Amor de Juan Ruíz, o Arcipreste de Hita. Segundo Claudio Rodríguez Fer no libro hai influencias, ademais de Juan Ruíz, de Alonso Martínez, Fernando de Rojas, Juan del Encina, Gil Vicente, Antonio Machado, Miguel de Unamuno...
Moitos dos poemas tratan do amor e da muller, algúns en clave humorística. Tamén aparecen o desalento e o pesimismo do home que acaba de volver da cadea
Notas
Categoría:Obras literarias de 1993 Categoría:Obras literarias de Carballo Calero Categoría:Obras literarias en castelán