A igrexa de Hemse (sueco: Hemse kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Hemse, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia A presente igrexa de pedra de Hemse data principalmente do século XIII. Porén, ao redor dun século antes había unha stavkirke no mesmo lugar. A sorprendentemente ben conservada igrexa de madeira foi atopada por casualidade baixo o chan da igrexa de pedra durante unha restauración en 1896, onde algunhas táboas de carballo serviran como anterior chan. A stavkirke é a mellor conservada atopada en Suecia. A igrexa de madeira probablemente construíuse na segunda metade do século XI ou cara ao ano 1100, e atópase no presente no Museo Histórico de Estocolmo dende 1941.

A igrexa de madeira foi probablemente substituída polo presente edificio románico ao facerse demasiado pequeno para a congregación. O coro e a súa ábsida construíronse primeiro a finais do século XII. É probable que os cimientos da nave se colocasen durante a construción desa primeira etapa, pero non se rematou ata principios do século XIII. Posteriormente, a mediados de século, engadíuse a torre. A sancristía, na cara norte do coro, é de 1896.

A igrexa ten tres portais, un na fachada sur do coro e os outros dous nos lados sur norte da torre. O portal sur da torre é a entrada principal e trátase do máis elaborado. Engadíuse durante unha modernización da igrexa ao redor do ano 1300, cando o portal sur da nave, no seu momento a entrada principal do edificio, transladouse ao norte da torre.

Durante a restauración anteriormente citada a igrexa foi bastante modificada interiormente dun xeito moi pouco sensible. Posteriormente levouse a cabo outra restauración entre 1962 e 1963 e recuperáronse os frescos medievais.

Arquitectura A igrexa é un edificio románico relativamente homoxéneo. No interior está decorada con frescos medievais. O máis antigo atópase na torre e representa centauros asaltando a árbore da vida. Debaixo hai dúa inscricións en latín. No coro e na ábsida hai pinturas do Xuízo Final do século XIV, e na nave frescos de mediados do XV que representan a Paixón de Cristo e dous santos: San Xurxo e o Dragón e San Martiño. Tamén hai unha inscrición rúnica na parede oeste do coro, unha repetición do futhark ou "alfabeto" rúnico.

Entre o mobiliario destaca a cruz triunfal, de finais do século XII. A pía bautismal ten un pé románico pero o resto é do século XIV. A campá é da primeira metade do século XV.

Galería de imaxes

Notas

Hemse