Iosif Vissarionovich Stalin (en ruso Иосиф Виссарионович Сталин; nado Ioseb Besarionis je J̌uḡašvili, en xeorxiano: იოსებ ბესარიონის ძე ჯუღაშვილი, AFI: [iɔsɛb bɛsariɔnis dze dʒuɣaʃvili]), nado en Gori (Xeorxia) o 18 de decembro de 1878 e finado en Moscova o 5 de marzo de 1953, foi un político e revolucionario marxista-leninista soviético, segundo líder da Unión Soviética.
Tamén foi coñecido coma Koba (nome dun heroe popular de Xeorxia) e empregou varios pseudónimos: David, Nijeradzé, Chijikov, Ivanóvich, ata adoptar o de Stalin que usou despois da Conferencia Bolxevique de Tammerfors (Finlandia). O nome Stalin deriva da palabra rusa stal (aceiro) co mesmo sufixo posesivo persoal -in que tamén empregara o seu predecesor Lenin.
Traxectoria
Ós 15 anos Iosif Stalin entrou no seminario ortodoxo de Tiflis. Influído polas ideas revolucionarias, en 1898 ingresou no Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso (POSDR). Un ano despois foi expulsado do seminario por realizar propaganda marxista e, a partir de entón, converteuse nun revolucionario “profesional”. Deportado a Siberia (1903), escapou ó ano seguinte e uniuse á facción bolxevique do POSDR. Novamente deportado a Siberia (1907-08), volveu escapar. En 1913 foi enviado a Viena como emisario do Comité Central para tomar contacto cos grupos bolxeviques do exterior. Alí escribiu a súa primeira obra, O marxismo e o problema das nacionalidades.
Elixido membro do Comité Central, participou na Revolución Rusa de 1917 e formou parte do primeiro Goberno de Lenin (novembro de 1917) como comisario das Nacionalidades. Elixido Secretario Xeral do Comité Central (1922), comezou o dominio do aparato do Partido Comunista. Despois da morte de Lenin (1924) acumulou progresivamente a meirande parte dos órganos de dirección política. Fronte a tese de Lev Trotski sobre a Revolución permanente, mantivo as teses de Lenin da Revolución ininterrompida e, polo tanto, a posibilidade do socialismo nun só país (Acerca dos principios do leninismo, 1924) e canalizou tódolos criterios políticos cara á consolidación do réxime socialista dentro da URSS. Apoiado maioritariamente pola gran masa do Partido, composta polos revolucionarios "do interior" –é dicir aqueles que non se exiliaran nas décadas previas á revolución–, apartou das súas funcións a Trotski, Kamenev e Zinoviev no XV Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética (1927).
miniatura|dereita|300px|Conferencia de Ialta, febreiro de 1945.
En 1928 iniciou un programa de industrialización intensiva e de colectivización da agricultura soviética, impoñendo unha gran reorganización social. Na década de 1930 consolidou a súa posición a través dunha política de modernización da industria. Como arquitecto do sistema político soviético, creou unha poderosa estrutura militar. Mandou prender e deportar opositores, ó mesmo tempo que cultivaba o culto da personalidade como arma ideolóxica. A acción persecutoria de Stalin estendeuse mesmo a territorio estranxeiro, imputándoselle o asasinato de Trotski, entón exiliado en México. Por máis que Trotski tomase todas as medidas para se protexer de axentes secretos, Ramón Mercader, membro do Partido Comunista Mexicano, conseguiu gañar a confianza do disidente para executalo cun golpe na cabeza.
Desconfiando de que as reformas económicas que implantara producían descontento entre a poboación, Stalin dedicouse, nos anos 30 a consolidar o seu poder persoal. Tratou de expulsar toda a oposición política. En 1934, Sergei Kirov, principal líder do Partido Comunista en Leningrado (actual San Petersburgo), apareceu morto. Foi o inicio dunha serie de presións que pasaron á historia coma a "Gran Purga", que tivo lugar entre 1934 e 1937. Stalin concedeu un trato duro a todos os que tramasen contra o estado soviético. Entre as vítimas máis destacadas desta acción estaban os oficiais e membros de maior importancia do Exército Vermello, incluíndo trece dos quince xenerais, coma Mikhail Tukhachevski, unha das súas máis famosas vítimas, quen sufriu a acusación de ser axente do servizo secreto alemán, razón pola que foi executado, mentres que outros moitos foron deportados a Siberia, co que se enfraqueceu o mando militar soviético.
Cambios na sociedade soviética (1927-1939): Industrialización miniatura|300px|esquerda|Stalin nunha entrevista. A primeira guerra mundial, a guerra civil rusa, a intervención por parte das 14 potencias estranxeiras despois da toma do poder polos bolxeviques e a mesma revolución, tiveron un efecto devastador na economía do país. A produción industrial de 1922 foi un 13 % menor cá de 1914. Baixo a Nova Política Económica (NEP), impulsada por Lenin perante a situación urxente, que permitía certo grao de flexibilidade no mercado dentro do contexto do socialismo, produciuse unha recuperación. Esgotada a NEP, esta política foi substituída por un sistema centralizado e suxeito aos plans quinquenais a partir de 1928. Estes plans perseguían ambiciosos programas de industrialización e de colectivización e estatalización da agricultura.
O obxectivo da industrialización era tanto reacondicionar as vellas fábricas e empresas industriais, de tecnoloxía atrasada e en estado de práctico abandono, coma construír unha poderosa industria pesada. A industrialización era considerada fundamental na construción do socialismo, xa que garantiría a alianza de obreiros e campesiños coma base da ditadura do proletariado e a defensa da URSS, e elevaría notablemente o nivel de vida da poboación.
Sen capitais iniciais, con escaso comercio internacional e virtualmente sen infraestrutura moderna, o goberno de Stalin financiou a industrialización a partir das ganancias obtidas polas fábricas e empresas do Estado, polo comercio, os bancos e o transporte. Entre 1926 e 1927, investíronse na industria preto de mil millóns de rublos; tres anos despois, puideron investir xa nela uns 5.000 millóns.
miniatura|dereita|Stalin xunto a Maxim Gorki cara a 1931.
A década de 1930 conseguiu a produción por primeira vez na historia da Unión Soviética dunha ampla gama de novos produtos coma motocicletas, reloxos e cámaras fotográficas, así como as máquinas e ferramentas necesarias para producir estes e outros bens. Na industria química produciuse o desenvolvemento da industria dos plásticos, na metalurxia desenvolvéronse novos tipos de aliaxes de alta calidade e diversos metais non ferrosos foron manufacturados por primeira vez.
Tamén mellorou notablemente a escala e a eficiencia coa que se fabricaban os produtos existentes. Na industria do ferro e do aceiro, a finais da década de 1930 o tamaño medio dos novos fornos de fundición era un 40 % maior con respecto a dez anos antes. Moitas innovacións estaban baseadas exclusivamente en desenvolvementos técnicos locais. Na industria aeronáutica, por exemplo, os enxeñeiros soviéticos produciron avións que eran comparables a deseños estranxeiros; na industria militar, pola súa parte, desenvolvéronse tanques que non tiñan equivalentes no mundo occidental. A Unión Soviética foi tamén o primeiro país en producir goma sintética de polibutadieno.
Colectivización da agricultura O goberno de Stalin promoveu a colectivización da agricultura co fin de aumentar a produción agrícola a partir das granxas mecanizadas a grande escala, o que permitía manter os campesiños baixo un control político máis directo e para que a recadación de impostos fose máis eficiente. A colectivización significou cambios sociais drásticos nunha escala nunca vista dende a abolición da servidume en 1861.
A colectivización forzada da agricultura comezou a inicios da década de 1930, formándose a asociación obrigatoria de todas as granxas nos chamados koljós (ou granxas colectivas), unha estrutura fortemente centralizada. A supresión dos dereitos da propiedade sobre a terra foi unha consecuencia da forma como se decidiu resolver o antigo conflito da loita de clases. Ademais, de acordo coa visión económica da época, os koljós debían traballar con maior eficiencia debido á aplicación da tecnoloxía e a división do traballo. Nos primeiros anos da colectivización estimábase que a produción agrícola e industrial debería aumentar un 200 % e un 50 % respectivamente; porén, a produción agrícola diminuíu.
240px|dereita|miniatura|Sergei Kirov e Stalin en 1934. Os campesiños ricos, os chamados kulaks, con independencia de se resistían ou non aos cambios impostos e a colectivización, eran postos a traballar directamente nos campos, ou ben eran trasladados a Siberia ou ao leste do país. A política de industrialización da agricultura seguida por Stalin requiriu grandes cantidades de equipamento e maquinaria, que se conseguiu exportando trigo e outros bens agrícolas ao estranxeiro. Os koljós foron obrigados mediante plans específicos a entregar ao Estado a súa produción agrícola. Estas medidas trouxeron como consecuencia unha drástica caída na calidade de vida do campesiñado e na produción agrícola.
Consolidación internacional e interna Para evitar o illamento do réxime soviético, Stalin decidiu a entrada da URSS na Sociedade de Nacións (1934), e a aproximación a Gran Bretaña e Francia. Na política interior procurou eliminar calquera tipo de oposición: entre 1936 e 1938 organizou os chamados procesos de Moscova e deportacións contra os principais mandos militares e contra toda oposición no seo do Partido e do Estado. Baseándose nos datos subministrados trala perestroika e documentados polo Gulag, foron detidas máis de 1 300 000 persoas por motivos políticos. Delas case 700.000 foron fusiladas. Durante o seu goberno iniciouse un controvertido programa para rusificar os diferentes estados da URSS, enviando rusos ás distintas repúblicas soviéticas para que casasen cos locais e así aumentar a porcentaxe de rusos na rexión.
Por outra parte, xa durante o primeiro período stalinista, antes incluso da década de 1930, amplos sectores da sociedade soviética aceptaron con optimismo os grandes avances da Revolución. Rusia era o único país do mundo onde se pagaba ás mulleres o mesmo que ós homes por un traballo similar. Tamén neste primeiro período, existían grandes facilidades para obter un divorcio ou mesmo abortar.
Segunda guerra mundial (1939-1945) dereita|miniatura|175px|Stalin e Mólotov. O 23 de agosto de 1939 asinou con Hitler o Pacto Ribbentrop-Molotov, un pacto de non-agresión que recibiu o nome dos ministros de exteriores alemán e soviético. Stalin esperaba gañar tempo e reorganizar a forza industrial-militar da cal a Unión Soviética non podería prescindir con vistas a un enfrontamento coa Alemaña nazi, que para algúns sempre fora inevitable. Por outra parte, Hitler estaba ansioso por evitar un enfrontamento inmediato cos soviéticos, pois naquel momento ía ocuparse de Gran Bretaña e Francia. Mais a invasión da Unión Soviética polas forzas alemás en 1941 levouno a aliarse co Reino Unido e os Estados Unidos durante a segunda guerra mundial. Baixo a súa forte dirección, o exército soviético conseguiu facer recuar os invasores –non sen terribles perdas humanas– e ocupar terras na Europa Oriental, contribuíndo decisivamente á derrota da Alemaña nazi.
Os seus críticos, como Lev Trotski, denunciaron o pacto co goberno nazi coma unha traizón imperdoable e un máis dos crimes do stalinismo contra o movemento obreiro internacional. O stalinismo sempre o considerou unha xenial manobra de Stalin argumentando que impediu o avance nazi, gañando tempo, o que lle permitiu vencer na segunda guerra mundial.