Kepler-90 é unha estrela na secuencia principal tipo-G, está situada a unha distancia aproximada de 2.545 anos luz (780 pc) respecto da Terra, na constelación de Draco. É moi coñecida por ter un sistema planetario co mesmo número de planetas có Sistema Solar.

O 14 de decembro do 2017, a NASA e Google anunciaron o descubrimento dun oitavo planeta, Kepler-90i, no sistema planetario de Kepler-90, este descubrimento foi feito usando un novo método de aprendizaxe automático desenrolado por Google.

Nomenclatura e historia Antes das observacións do Kepler, Kepler-90 dispoñía do número de catálogo 2MASS J18574403+4918185. Tiña a designación de KIC 11442793 no Kepler Input Catalog (Catálogo de entrada do Kepler) e recibiu o número KOI-351 coma obxecto de interese do Kepler, cando se soubo que a estrela era candidata a ter un sistema planetario.

A compañeira planetaria da estrela foi descuberta pola Kepler Mission da NASA, unha misión encargada do descubrimento de planetas en tránsito ó redor das súas estrelas. O método de tránsito que utiliza o Kepler implica a detección de baixóns no brillo das estrelas. Estas baixadas de brillo poden interpretarse como planetas cunhas órbitas se moven por diante das súas estrelas dende a perspectiva da Terra. O nome Kepler-90 derívase directamente do feito de que a estrela foi a estrela número 90 en ser descuberta polo Kepler e onde se confirmou a existencia de planetas.

A designación b , c , d , e , f , g , h e i deriva da orde de descubrimento. A designación de b é dada ó primeiro planeta en órbita dunha estrela determinada, seguido das outras minúsculas do alfabeto. No caso de Kepler-90, foron descubertos oito planetas, polo cal úsanse designacións iguais ou superiores a i.

Características estelares Kepler-90 é unha estrela tipo-G que ten aproximadamente un 120% da masa e o raio do Sol. Ten unha temperatura superficial de 6080 K, e unha idade estimada de ó redor de 2.000 millóns de anos. En comparación, o Sol ten uns 4.600 millóns de anos e ten unha temperatura superficial de 5.778 K.

A magnitude aparente da estrela, ou o brillante que aparece dende a perspectiva da Terra, é de 14. Polo tanto, é moi débil para ser vista a simple vista.

Sistema planetario

Kepler-90 é notable pola similitude da configuración do seu sistema planetario co do Sistema Solar, onde os planetas rochosos están máis preto da estrela e os xigantes gasosos máis lonxe. Os seis planetas internos son super-Terras ou mini-Neptunos debido ó seu tamaño. Dous dos planetas exteriores son xigantes gasosos. O penúltimo planeta coñecido orbita a súa estrela anfitrioa a aproximadamente a mesma distancia cá Terra respecto do Sol. O planeta máis afastado aínda ten que ser completamente investigado.

Kepler-90 foi usado para probar o método de confirmación "validación por multiplicidade" para os planetas investigados polo telescopio Kepler. Seis planetas internos cumpriron tódolos requisitos para a confirmación. O penúltimo planeta mostra variacións temporais de tránsito, indicando que tamén é un planeta real.

O sistema planetario de Kepler-90 é o único sistema candidato a oito planetas observado polo Kepler, e o segundo (con oito planetas) en ser descuberto despois do Sistema Solar. Tamén foi o único sistema candidato a sete planetas observado polo Kepler antes de que se lle descubrise un oitavo planeta no 2017 e un dos dous sistemas con sete planetas ou máis, xunto con TRAPPIST-1. Ademais, os seis planetas internos varían de tamaño, van dende o tamaño da Terra ata un pouco máis pequenos cá Neptuno, os dous planetas exteriores son do tamaño dos xigantes gasosos do noso Sistema Solar. Tódolos oito candidatos coñecidos do planeta orbitan dentro dunha UA respecto da súa estrela nai, Kepler-90. A proba de estabilidade de Hill e unha integración orbital do sistema amosan que é estable.

Os cinco exoplanetas máis internos, Kepler-90b, c, i, d e e, poderían estar ancorados orbitalmente, o que significaría que un lado dos exoplanetas enfrontaríase permanentemente cara a súa estrela, quedando ese lado exposto a un día eterno, mentres có lado contrario quedaría mirando cara a unha noite eterna.

Quasi-resonancias Até o momento descubríronse oito planetas no sistema planetario de Kepler-90, os cales teñen períodos que están preto de ter relacións orbitais en proporcións de enteiros cos períodos doutros planetas; é dicir, están preto de estar en resonancia orbital con outros planetas do seu sistema planetario. As taxas dos períodos entre b:c, c:i e i:d son aproximadamente de 4:5, 3:5 e 1:4, respectivamente (4:4.977, 3:4.97 e 1:4.13) e d, e, f, g e h están preto dunha relación orbital de 2:3:4:7:11 (2:3.078:4.182:7.051:11.102; e tamén 7:11.021). f, g e h están moi próximos a unha relación de 3:5:8 (3:5.058:7.964). É relevante para sistemas como este e Kepler-36, que os cálculos suxiran que a presenza dun planeta xigante gasoso exterior facilita a formación de resonancias moi axustadas entre as super-terras interiores.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos HD 10180 Unha estrela que posúe coma mínimo 7 planetas. TRAPPIST-1 Outra estrela da que se sabe que posúe tamén 7 planetas.

Ligazóns externas APOD - The Kepler 90 Planetary System (imaxe do día), 18-12-2017

Categoría:Kepler-90 Categoría:Estrelas na secuencia principal tipo-G