Mariola Lourido López, nada en Cedeira en 1964, é unha xornalista galega especialista en violencia de xénero, igualdade e dereitos sociais, que vén desenvolvendo a súa traxectoria profesional na Cadena SER. Dende 2007 é redactora xefa de sociedade dos servizos informativos desta cadea.

Traxectoria Licenciada en xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, iniciou o seu percorrido laboral en Radio Ferrol. Foi editora dos servizos informativos en Galicia. Trasladouse a Madrid en 2000, onde se integrou na sección de Sociedade e Cultura dos servizos informativos da cadena SER . Alí destacou especialmente pola súa información sobre violencia de xénero, igualdade e dereitos sociais. En 2007 foi nomeada xefa desta sección.

En 2013 recibiu o premio Ameco Prensa-Mujer polo seu traballo informativo sobre violencia de xénero e pola súa traxectoria profesional en favor da comunicación inclusiva con perspectiva de xénero. En 2016 foi destacada co premio "Móstoles ciudad contra la violencia de género".

En 2018 foi unha das promotoras do movemento As xornalistas paramos, iniciado o 8 de marzo para denunciar a "inxustiza laboral" que sofren as mulleres nos medios de comunicación, a falta de mulleres nos postos de dirección, a fenda salarial de xénero que existe no sector ou que os espazos de opinión e tertulias estean “copados” por homes, aínda que haxa "mulleres expertas que poden equilibrar”.

Notas

Véxase tamén Mariola Lourido, Cadena Ser

Categoría:Nados en Cedeira Categoría:Nados en 1964 Categoría:Xornalistas de Cedeira Categoría:Feministas de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Xornalistas radiofónicos da Cadena SER