Rosa María Sánchez-Yebra Alonso, nada en Ourense o 20 de xullo de 1962, é unha farmacéutica e economista galega.

Traxectoria Sánchez-Yebra é doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e ten un mestrado en Dirección e Administración de Empresas polo Instituto de Empresa.

Pertence aos corpos de Técnicos Comerciais e Economistas do Estado Español, e da Oficina Española de Patentes e Marcas.

Tras iniciar a súa carreira profesional en 1990 como experta en patentes químicas e farmacéuticas da Oficina Española de Patentes y Marcas, en 1999 ingresou no corpo de Técnicos Comerciales y Economistas del Estado. Desde entón ocupou diversos postos vinculados ao Ministerio de Economía y Hacienda na Dirección General del Tesoro y Política Financiera, ou como asesora responsábel da Comisión Delegada de Asuntos Económicos no Gabinete do Ministro de Hacienda. Tamén foi directora de gabinete do Secretario de Estado de Economía (2002-2004), directora da Oficina Comercial na Embaixada de España en Romenia (2004-2009) e directora do gabinete do Ministro de Economía y Competitividad (2012-2014).

Entre 2014 e 2016 foi secretaria xeral de Tesoro y Política Financiera, membro do Comité Económico e Financeiro da Unión Europea e adxunta ao Ministro no Eurogrupo e o Ecofin. Foi conselleira do Banco de España e da CNMV e vicepresidenta do Fondo de Garantía de Depósitos. Desde 2017 é vicegobernadora de Estratexia de Desenvolvemento Social do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa.

En xuño de 2021 incorporouse ao Consello da recentemente creada Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, institución público-privada que canalizará os proxectos que optan aos millonarios fondos Next Generation da UE.

O 27 de outubro de 2021 o consello de administración de Abanca aprobou o nomeamento de Sánchez-Yebra como nova conselleira independente. Esta ourensá convértese así na cuarta conselleira independente da entidade, e a súa elección sitúa por riba dun terzo (36,3 %) a proporción de mulleres no máximo órgano de xestión de Abanca, o que supón «un novo paso adiante na estratexia de igualdade da entidade», tal e como destacaron desde o banco.

Notas

Categoría:Nados en 1962 Categoría:Nados en Ourense Categoría:Farmacéuticos de Galicia Categoría:Economistas de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Banqueiros de Galicia