Eduardo I de Inglaterra, nado en Westminster o 17 ou o 18 de xuño de 1239 e finado en Burgh by Sands o 7 de xullo de 1307, tamén coñecido como Eduardo Pernas Longas ou o Martelo dos Escoceses (), foi Rei de Inglaterra desde 1272 ata 1307. Antes do seu ascenso ao trono tamén foi coñecido como O Señor Eduardo. Pasou gran parte do seu reinado reformando a administración real e a common law. A través dunha extenso proceso legal, Eduardo investigou a tenza de varias liberdades feudais, mentres que a lei foi reformada por medio dunha serie de estatutos reguladores das leis criminal e de propiedade. Porén, cada vez máis, a atención de Eduardo dirixiuse cara aos asuntos militares.
Como primeiro fillo de Henrique III, Eduardo estivo envolto desde moi cedo nas intrigas política do reinado do seu pai, incluída unha autentica rebelión por parte dos Baróns ingleses. En 1259, situouse brevemente xunto ao movemento de reforma dos baróns, apoiando as Provisións de Oxford. Tras a reconciliación co seu pai, porén, permaneceu leal a el durante o resto do conflito coñecido como a Segunda Guerra dos Baróns. Tras a batalla de Lewes, Eduardo foi feito refén polos rebeldes, pero escapou ao cabo duns poucos meses e volveu a retomar a loita contra Simón de Montfort. Montfort foi derrotado na batalla de Evesham en 1265, e ao cabo de dous anos a rebelión quedou reducida. Con Inglaterra pacificada, Eduardo uniuse á Novena cruzada na Terra Santa. A cruzada non durou moito e Eduardo encontrábase de camiño de regreso a Inglaterra en 1272 cando recibiu a noticia da morte do seu pai. Sen présa por volver, chegou a Inglaterra en 1274 e foi coroado na abadía de Westminster o 19 de agosto dese ano.
Tras conter unha pequena rebelión en Gales entre 1276 e 1277, Eduardo tivo que afrontar unha segunda rebelión entre 1282 e 1283 cunha guerra a grande escala de conquista. Tralo éxito da campaña, Eduardo subxugou Gales baixo o poder inglés, construíndo unha serie de castelos e cidades na rexión e establecendo nelas a colonos ingleses. A continuación, os seus esforzos tornáronse directamente cara a Escocia. Nun primeiro momento fora convidado a arbitrar na disputa sucesoria, pero acabou reclamando a soberanía sobre o reino. Desatouse unha guerra de independencia que durou máis alá da morte do rei. Ao mesmo tempo, Eduardo tivo que afrontar unha nova guerra contra Francia despois de que o monarca francés Filipe IV invadira o ducado de Aquitania, que ata entón mantivera unha unión persoal con Inglaterra. Aínda que Eduardo recuperou o seu ducado, o conflito aliviou a presión militar inglesa contra Escocia. Ao mesmo tempo o rei tivo que tratar cos problemas internos. A mediados da década de 1290, as numerosas campañas militares requiriron unha gran cantidade de impostos, e Eduardo tivo que afrontar a oposición do clero e o pobo. Cando o rei finou en 1307, deixou ao seu fillo Eduardo II de Inglaterra no medio dunha guerra e cheo de problemas financeiros e políticos.
Primeiros anos, 1239–63 Infancia e matrimonio miniatura|Unha inicial nun manuscrito do século XIV na que aparecen Eduardo e a súa muller Lionor. O artista quizais quixo representar a Eduardo con blefaroptose, un defecto herdado do seu pai. Eduardo naceu no palacio de Westminster a noite do 17 ao 18 de xuño de 1239. Os seus pais foron Henrique III de Inglaterra e Aliénor da Provenza.
Eduardo é un nome de orixe anglosaxón e non foi moi común entre a aristocracia inglesa despois da conquista normanda. Henrique III tiña especial devoción por Eduardo o Confesor polo que decidiu poñer este nome ao seu primoxénito. Entre os seus amigos da infancia estaban o seu curmán Henrique de Almain, fillo do irmán de Henrique, Ricardo de Cornualla. Henrique de Almain permaneceu xunto ao príncipe ao longo da guerra civil e despois durante a cruzada. Eduardo educouse baixo a tutela de Hugh Giffard (pai do futuro chanceler Godfrey Giffard) ata que Bartholomew Pecche o substituíu en 1246 tras a súa morte.
A pesar da preocupación pola súa saúde durante a súa infancia, xa que caeu enfermo en 1246, 1247 e 1251, o príncipe chegou a ser un home impoñente. Medía 1,88 m de altura, moi por riba da media dos seus contemporáneos, recibindo por isto o alcume de "Pernas Longas". O historiador Michael Prestwich afirmou:
En 1254, os temores ingleses cara a unha invasión por parte do Reino de Castela da provincia de Gascuña levaron ao rei Henrique III a acordar un matrimonio político entre Eduardo, por entón de 14 anos, e Lionor de Castela, de 13 anos e medio irmá do rei Afonso X o Sabio. Lionor e Eduardo casaron o 1 de novembro de 1254 no Mosteiro de las Huelgas en Burgos. Como parte do acordo do matrimonio, o príncipe recibiu subsidios de terras valorados en 15 000 marcos anuais. Aínda que o endebedamento do rei Henrique foi considerable, ofreceu a Eduardo unha pouca independencia. O príncipe xa obtivera Gascuña en 1249, pero Simon de Montfort fora nomeado tenente real un ano antes e, en consecuencia, quedou cos ingresos, polo que na práctica Eduardo nunca tivo autoridade nin ingresos desta provincia. Os ingresos recibidos en 1254 incluían a maior parte de Irlanda, grandes posesións en Gales e Inglaterra, incluído o señorío de Chester. O rei mantivo un gran control sobre a terra cedida, particularmente sobre Irlanda, polo que o poder de Eduardo estivo limitado alí tamén, xa que o rei quedaba con gran parte dos ingresos destas terras.
Desde 1254 ata 1257, Eduardo estivo baixo a influencia dos parentes da súa nai, coñecidos como os Savoianos, entre os que destacaba Pedro de Savoia, o tío da raíña. Despois de 1257, Eduardo comezou a recibir influencia das faccións pointevinas ou dos Lusignan (medio irmáns do seu pai). Esta asociación foi significativa, xa que dous grupos de estranxeiros privilexiados foron resentidos pola nobreza inglesa, e foron o centro das posteriores reformas dos baróns.
Primeiras ambicións Eduardo mostrou independencia nos asuntos políticos desde 1255, cando se situou xunto a familia Soler en Gascuña, durante o conflito entre esa familia e os Colomb. Isto supuxo todo o contrario á política do seu pai de mediar entre as faccións locais. En maio de 1258, un grupo de magnates elaboraron un documento para reformar o goberno do rei –as chamadas Provisións de Oxford– que se dirixían directamente na contra dos Lusignans. Eduardo permaneceu xunto aos seus aliados políticos e opúxose ás Provisións. O movemento de reforma tivo finalmente éxito en limitar a influencia dos Lusignans, e a actitude de Eduardo comezou a cambiar. En marzo de 1259, estableceu unha alianza formal cun dos principais reformadores, Richard de Clare, Conde de Gloucester. Entón, o 15 de outubro de 1259, anunciou o seu apoio aos baróns e ao seu líder, Simon de Montfort.
O motivo detrás do cambio de bando de Eduardo puido ser puramente pragmático xa que Montfort estaba nunha boa posición para apoiar a súa causa en Gascuña. Cando o rei marchou para Francia en novembro, o comportamento de Eduardo tornouse en insubordinado. Fixo varios movementos para avanzar na causa dos reformistas, o que provocou que o seu pai pensara que estaba promovendo un golpe de Estado. Cando o rei regresou de Francia, rexeitou ver ao seu fillo, pero grazas á mediación do conde de Cornualla e o arcebispo de Canterbury, acabaron reconciliándose. Eduardo foi mandado ao estranxeiro, e en novembro de 1260, uniuse de novo cos Lusignans, que estaban exiliados en Francia.
De regreso a Inglaterra, a comezos de 1262, Eduardo tivo que enfrontarse a algúns dos seus antigos aliados dos Lusignans por asuntos financeiros. Ao ano seguinte, o rei enviouno a unha campaña en Gales en contra de Llywelyn ap Gruffudd, na que non tivo grandes resultados. Por esa mesma época, Simon de Montfort, quen estivera fora do país desde 1261, regresou a Inglaterra e retomou o movemento de reforma dos baróns. Foi neste momento, mentres o rei parecía disposto a aceptar as demandas dos baróns, cando Eduardo comezou a tomar o control da situación. Mentres que ata entón fora un pouco imprevisible nos seus actos, a partir deste momento alzouse como un dos principais defensores dos dereitos reais do seu pai. Eduardo reuniuse con algúns dos homes aos que rexeitara o ano anterior –entre os que estaban o seu amigo da infancia, Henry de Almain, e John de Warenne – e reconquistou o Castelo de Windsord aos rebeldes. A través da arbitraxe do rei Lois IX de Francia, as partes lograron chegar a un acordo, o chamado Axuste de Amiens, que resultou moi favorable ao bando realista, e supuxo a semente de futuros conflitos.
Guerra civil e Cruzadas, 1264-1273 Segunda guerra dos baróns
Entre os anos 1264 e 1267 tivo lugar o conflito coñecido como a segunda guerra dos baróns, na cal as forzas dos baróns lideradas por Simon de Montfort loitaron contra aqueles que permaneceron leais ao rei. A primeira batalla do conflito tivo lugar na cidade de Gloucester, que Eduardo conseguiu recuperar de mans dos rebeldes. Cando Robert de Ferres, acudiu na axuda dos rebeldes, Eduardo negociou unha tregua con el, cuns termos que romperían máis adiante. Eduardo capturou Northampton de mans do fillo de Montfort, Simon, antes de embarcarse nunha vingativa campaña contra as terras de Derby. Os baróns e os realistas enfrontáronse finalmente na batalla de Lewes, o 14 de maio de 1264. Eduardo, comandando o franco dereito, actuou ben, e axiña derrotou ao continxente de Londres das forzas de Montfort. Porén, marchou en persecución do exército que se retiraba e, ao seu regreso, o resto do seu exército xa fora derrotado. Por medio dun acordo, coñecido como o Axuste de Lewes, Eduardo e o seu curmán Henry de Almain quedaron como reféns de Montfort. miniatura|esquerda|300px|Manuscrito medieval que representa o corpo mutilado de Simon de Montfort no campo da batalla de Evesham. Eduardo permaneceu retido ata marzo, e incluso despois da súa liberación permaneceu baixo estrita vixilancia. O 28 de maio, logrou escapar dos seus gardiáns e reunirse co conde de Gloucester, quen se unira recentemente ao bando do rei.
Os apoios de Montfort estaban diminuíndo e Eduardo reconquistou Worcester e Gloucester con relativa facilidade. Mentres, Montfort acordou unha alianza co galés Llywelyn e comezou a marchar cara ao leste para unir as súas forzas ás do seu fillo Simon. Eduardo logrou atacar por sorpresa no castelo de Kenilworth, onde o fillo de Montfort estaba acuartelado, antes de pasar a cortar o avance do conde de Leicester. Os dous exércitos reuníronse no segundo grande encontro da guerra, a batalla de Evesham, do 4 de agosto de 1265. Montfort tivo poucas oportunidades fronte ás superiores forzas realistas, e tras a súa derrota foi executado e mutilado no campo de batalla.
Tras varios episodios como o engano de Derby en Gloucester, Eduardo adquirira a reputación de ser de pouca confianza. Durante a campaña do verán, porén, comezou a aprender dos seus erros, e actuou de xeito que gañou o respecto e admiración dos seus contemporáneos. A guerra non rematou coa morte de Montfort, e Eduardo continuou participando nas seguintes batallas. No Nadal, chegou a un acordo co novo Simon de Montfort e os seus aliados na illa de Axholme en Lincolnshire e, en marzo levou a cabo o asalto a Cinque Ports. Un continxente de rebeldes refuxiáronse no case inexpugnable castelo de Kenilworth e non se renderon ata a redacción do conciliatorio Dictum de Kenilworth. En abril parecía que Gloucester ía cambiar de bando de novo aos reformistas e que a guerra civil continuaría, pero tras a negociación dos termos do Dictum de Kenilworth, as partes chegaron a un acordo. Eduardo, porén, non tivo grande envolvemento nas negociacións, xa que nese momento estaba preparándose para partir nunha Cruzada.
Cruzada e subida ao trono
miniatura|Operacións durante a Cruzada de Eduardo.