O dominio PAN é un tipo de dominio proteico. Ten unha significativa verstilidade funcional realizando diversas tarefas biolóxicas ao mediar en interaccións proteína-proteína e interaccións proteína-carbohidrato. Estes dominios conteñen unha estrutura de bucle de forquita, similar á que se encontra nas knottinas (do inglés knot = nó) pero cun padrón diferente de pontes disulfuro.
Pertencen á mesma superfamilia de módulo PAN os dominios N-terminais de membros da familia do plasminóxeno/factor de crecemento de hepatocitos, os dominios mazá da familia da precalicreína/factor de coagulación XI do plasma, e os dominios de varias proteínas de nematodos. O dominio PAN contén un núcleo conservado de tres pontes disulfuro. Nalgúns membros da familia hai unha cuarta ponte disulfuro adicional que liga o N- e C-terminal do dominio.
Un exemplo de dominio PAN é o dominio mazá. O dominio mazá, así como outros exemplos de dominio PAN, consta de 7 cadeas β que se dobran nunha folla curvada antiparalela na que se sitúa unha hélice α. Dúas pontes disulfuro cerran a hélice nas follas β4 e β5 centrais, mentres que unha terceira conecta os dominios N- e C-terminais. No dominio mazá, o bucle β4-β5 e o bucle cruzado β5-β6 xeran un pequeno peto no lado oposto da folla desde a hélice α.
No plasminóxeno nativo o dominio PAN está asociado a cinco dominios kringle. As interaccións entre o dominio PAN e os kringles xogan un papel fundamental na estabilización do complexo cuaternario do plasminóxeno nativo.
Notas
Categoría:Dominios proteicos