Maksym Hermaniuk (en ), nado o 30 de outubro de 1911 en Nove Selo (Reino de Galicia e Lodomeria, hoxe Ucraína) e finado o 3 de maio de 1996 en Winnipeg (Canadá), foi un relixioso redentorista católico ucraíno, arcebispo de Winnipeg entre 1956 e 1992. Traxectoria Naceu nunha familia de granxeiros grecocatólica o 30 de outubro de 1911. O 29 de setembro de 1933 profesou como membro da Congregación do Santísimo Redentor, facendo os votos solemnes o 16 de agosto de 1936.

O 4 de setembro de 1938 foi ordenado sacerdote polo tamén redentorista Mykolai Charnetskyi, entón exarca apostólico de Volinia, Polesia e Podlasia.

O 13 de xaneiro de 1951 foi nomeado bispo auxiliar do exarcado apostólico de Manitoba e bispo titular de Sinna. Recibiu a consagración episcopal o 29 de xuño de mans do exarca Vasyl Ladyka. O 13 de marzo de 1955 foi nomeado coadxutor, e o 1 de setembro de 1956 sucedeu a Ladyka como exarca apostólico. Coa elevación da sé o 3 de novembro de 1956 pasou a ser arcebispo metropolita de Winnipeg.

Logo da institución da Pontificia Comisión para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental (Pontificia Commissio Codici Iuris Canonici Orientalis Recognoscendo) por Paulo VI, foi nomeado membro da mesma.

Retirouse o 16 de decembro de 1992, e finou en Winnipeg o 3 de maio de 1996.

Notas

Categoría:Nados en 1911 Categoría:Nados na rexión de Lviv Categoría:Finados en 1996 Categoría:Bispos católicos do Canadá Categoría:Bispos católicos de Ucraína Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Arcebispos da Igrexa católica bizantina ucraína Categoría:Redentoristas de Ucraína Categoría:Membros da Pontificia Comisión para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental