Antía Jácome Couto, nada en Pontevedra o 22 de novembro de 1999, é unha piragüista galega. Compite na modalidade de augas tranquilas, na que foi catro veces campioa europea e catro veces subcampioa do mundo. Competiu en dous Xogos Olímpicos (Tokyo 2020 e París 2024), conseguindo tres diplomas olímpicos.

Traxectoria Comezou a practicar piragüismo aos 12 anos na Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, da súa cidade natal, e pouco despois xa destacaba nas diferentes competicións nas que participaba. No 2017 foi subcampioa do mundo júnior no campionato celebrado na cidade romanesa de Pitești, na que competiu xunto a María Pérez no C2 200 metros.

En 2018 competiu no Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas, celebrado en Belgrado, no C2 nas distancias 200 e 500 metros, finalizando en sexto e noveno lugar, respectivamente. Formou parella en ambas probas con Patricia Coco. Ese mesmo ano participou tamén no Campionato Mundial de Piragüismo en Augas Tranquilas, en Montemor-o-Velho, quedando sétima con María Pérez no C2 200 m e non logrando meterse na final do C1 200.

En 2019 gañou tres medallas de ouro e unha de prata na Copa de España de Piragüismo. No Campionato Mundial, en Szeged competiu con Patricia Coco no C2 500, buscando un pase aos Xogos Olímpicos de 2020, pero non o lograron, quedando fóra da final. Con todo, tralo adiamento dos Xogos ao 2021, logrou unha praza para a cita olímpica do C1 200m, ao superar á madrileña María Corbera no selectivo celebrado en Verducido.

Xa en Tokyo, logrou meterse na final despois de conseguir un terceiro posto na primeira serie, o primeiro lugar nos cuartos de final e un cuarto nas semifinais. Na final acadou o quinto posto, quedando a dúas décimas das medallas e regresando cun diploma olímpico. Un mes e medio despois proclamouse por primeira vez subcampioa do mundo de C1 200 m, no certame celebrado en Copenhague, onde quedou segunda por detrás da canadense Katie Vincent e por diante da polaca Dorota Borowska.

Nos Campionatos de Europa de 2022 en Múnic, conseguiu o ouro na proba de C1 200 metros e a prata no C2 da mesma distancia, onde competiu xunto a María Corbera. En 2023 participou nos Xogos Europeos en Cracovia, que no referente ao piragüismo funcionaron como un Campionato Europeo. Conseguiu o ouro na proba de C2 200 m mixto,, na que participou xunto ao cangués Pablo Graña, e a prata no C2 500 m, con Corbera como compañeira.

Ese mesmo ano disputou unha nova edición do Campionato Mundial, na cidade alemá de Duisburgo, onde sumou tres novas medallas de prata. A primeira delas chegou na final do C1 200, onde foi superada só pola cubana Yarisleidis Cirilo e na que quedou por diante da chinesa Lin Wenjun, resultado co que conseguiu praza para os Xogos Olímpicos de 2024. Unha hora máis tarde quedou de novo segunda na final do C2 200, xunto a María Corbera, só por detrás da parella chinesa formada por Lin Wenjun e Shuai Changwen. Ao día seguinte a parella Jácome-Corbera sumou a prata tamén no C2 500, así como outro billete olímpico.

Nos Campionatos Europeos de 2024 celebrados en Szeged conseguiu o seu terceiro ouro, no C2 200 xunto a Corbera, e levou tamén a prata do C1 200.

Nos Xogos Olímpicos de 2024 participou en dúas modalidades: C-1 200 metros e C-2 500 metros, nesta última xunto a María Corbera. Disputou primeiro o C-2, conseguindo sen problemas o pase á final. Nesta remataron na sexta posición, a máis de tres segundos das chinesas Xu Shixiao e Sun Mengya. No C-1 200 meteuse tamén na final, despois de ser segunda da súa serie na rolda inicial e terceira nas semifinais. Xa na tirada final cruzou a meta na cuarta posición, nun apertado final con seis deportistas en menos dun segundo.

En 2026 regresou do Europeo de Montemor-o-Velho coa medalla de ouro do C4 500 m mixto, proba na que participou xunto a Manuel Fontán, Diego Domínguez e Viktoriia Yarchevska.

Palmarés internacional

+Piragüismo en augas tranquilas Campionato do Mundo Ano Lugar Medalla Competición 2021 Copenhague Prata C1 200 m 2023 Duisburgo PrataC1 200 m PrataC2 200 m PrataC2 500 mCampionato EuropeoAnoLugarMedallaCompetición2022 Múnic OuroC1 200 m PrataC2 200 m2023 Cracovia OuroC2 500 m mixto PrataC2 200 m2024 Szeged OuroC2 200 m PrataC1 200 m2026 Montemor-o-Velho OuroC4 500 m mixto

Notas

Véxase tamén Outros artigos Piragüismo en augas tranquilas Galegos nos Xogos Olímpicos de 2020

Ligazóns externas

Datos da piragüista no sitio web da Federación Internacional de Piragüismo . Datos da piragüista no sitio web do Comité Olímpico Internacional .

Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1999 Categoría:Piragüistas de Galicia Categoría:Piragüistas olímpicos de Galicia Categoría:Piragüistas olímpicos de España Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2020 Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2024