Luci Tapahonso, nada en Shiprock, Novo México o 8 de novembro de 1953, é unha poetisa navagho e profesora de estudos amerindios. É a primeira poeta laureada da Nación Navagho, sendo sucedida por Laura Tohe.

Traxectoria Nada na reserva Navagho en Shiprock, Novo México filla de Eugene Tapahonso Sr. (Tódichʼíinii ou clan Auga Amarga) e Lucille Deschenne Tapahonso (Áshįįhí ou clan Auga Salgada), Luci Tapahonso foi educada na maneira tradicional con 11 irmáns. Na granxa familiar non falaban inglés e Tapahonso aprendeuna como segunda lingua, sendo a súa lingua materna o navagho. Estudou na Escola Metodista Navagho en Farmington, Novo México, e despois na Shiprock High School e graduouse en 1971. Embarcouse nunha carreira como xornalista e reporteira de investigación antes de comezar os seus estudos na Universidade de Novo México en 1976. Alí coñeceu á novelista e poeta Leslie Marmon Silko, quen era membro da facultade e que foi unha influencia importante nos primeiros escritos de Tapahonso. Ela tiña previsto inicialmente estudar xornalismo en Novo México, mais Silko convenceuna de cambiar a súa orientación cara a escritura creativa. Obtivo a súa licenciatura en 1980. En 1983, Tapahonso obtivo o seu máster en escritura creativa, e ensinou en Novo México, máis tarde na Universidade de Kansas e na Universidade de Arizona.

Escritos Silko axudou a Tapahonso a publicar a súa primeira historia, "The Snake Man", en 1978. A súa primeira colección de poesía, One More Shiprock Night (escrita cando aínda estana en pregrao), foi publicada en 1981, pero non tivo demasiado impacto. Seguindo o exemplo de Silko, o primeiro traballo de Tapahonso é místico e pon moita importancia na idea da feminidade como fonte de poder e equilibrio no mundo. Tamén emprega con frecuencia os seus familiares e amigos da infancia na súa poesía. Publicou diversas coleccións máis como One more Shiprock night (1981), Seasonal woman (1982), A breeze swept through (1989) e Navajo ABC: a Dine alphabet book (1995), así como moitos poemas individuais foron recollidos en antoloxías, noutras coleccións, literatura activista e en revistas como Diné Be Iina.

A súa colección de 1993 Saánii Dahataal (the women are singing), escrita en navagho e inglés, foi a primeira en conseguir repercusión internacional, unha reputación consolidada posteriormente con Blue horses in rush (1997).

Os escritos de Tapahonso, a diferenza dos da maioría dos escritores amerindios, son unha tradución da obra orixinal que creou na súa lingua nativa. O seu traballo navagho inclúe cancións orixinais e cantos deseñados para exhibición. Por este motivo, o seu traballo inglés é fortemente rítmico e emprega estruturas sintácticas habituais na poesía en inglés.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Biografía en ipl.org

Categoría:Nados en 1953 Categoría:Pobo navagho Categoría:Escritores en lingua navagho Categoría:Poetas dos Estados Unidos de América