Irene González Basanta, nada na Coruña o 26 de marzo de 1909 e finada na mesma cidade o 9 de abril de 1928, foi unha deportista galega, considerada a primeira xogadora galega de fútbol.

Traxectoria Ao principio da súa carreira, no equipo infantil Racing-Athletic, Irene xogaba de dianteira centro. Porén, cando fundou o seu club Irene C.F. (do que pasou a ser capitá), cambiou á posición de porteira por motivos descoñecidos. No equipo, que estaba federado, xogaba xunto aos homes. A súa fama fixo que o seu club disputase encontros na Laracha, Betanzos, Ferrol, Sada, Oleiros, Culleredo, Monforte ou Noia, con importante presenza de público.

Quen a viron xogar afirmaron que Irene era unha gran porteira, a quen era moi difícil meter un gol.

A comezos de 1925, só uns meses antes de que fixese 16 anos, sacáronlle a única fotografía súa coñecida.

Co Irene F.C. participou en competicións infantís da Coruña e de xuño a setembro de 1925 organizou un campionato en que participaron dezaoito clubs. Tamén interveu en varios encontros amigables.

En outono de 1927 enfermou de tuberculose, doenza que a afastou do terreo do xogo. Tivo que empeñar as súas escasas posesións para poder pagar a medicación, a alimentación e o alugueiro.

En novembro dese ano os xornais locais difundiron o seu grave estado e os apuros polos que pasaba, ante o que axiña xurdiu a solidariedade da xente. Na Coruña, Ferrol e Betanzos fixéronse colectas entre as afeccións durante os partidos de fútbol e celebráronse varios partidos benéficos, dos que se lle entregou toda a recadación. Irene puido recuperarse, mais uns meses despois faleceu de súpeto no seu domicilio por mor das secuelas que lle deixou a tuberculose.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Rodríguez Anair (2018). Pioneiras. Galegas que abriron camiño. Xerais. 32 páxs. Ilustracións de Nuria Díaz. ISBN 978-84-9121-310-9. Rubén Ventura Neira e Juan Luis Rodríguez Cudeiro (2020). "IRENE Y LAS PUERTAS DEL FÚTBOL". EDITA: Vía Láctea S.L. Outros artigos Fútbol feminino María Antonina Sanjurjo Aranaz

Ligazóns externas

Irene y las puertas del fútbol. Historia de una pionera.

Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Futbolistas femininas Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1909 Categoría:Finados en 1928 Categoría:Finados por tuberculose