Pranciškus Petras Būčys,Tamén Franciszek Buczys. nado o 20 de agosto de 1872 en Šilgaliai (Lituania) e finado o 25 de outubro de 1951 en Roma (Italia), foi un relixioso greco-católico lituano, bispo e superior da Congregación dos Padres Marianos. Traxectoria Naceu o 20 de agosto de 1872 en Šilgaliai, unha poboación de Lituania, situada entón na gobernación de Suwałki da Polonia do Congreso e na diocese de Sejny. Cursou os estudos secundarios en Marijampolė, e posteriormente entrou no seminario en Sejny para continualos na Academia Teolóxica de San Petersburgo e na Universidade de Friburgo. O 25 de marzo de 1899 foi ordenado sacerdote da arquidiocese de Mahilioŭ polo bispo auxiliar Karol Antoni Niedziałkowski, e comezou a traballar como profesor de Apoloxética na Academia Teolóxica de San Petersburgo.

En 1908, xunto con Jurgis Matulaitis-Matulevičius, foi un dos inspiradores da renovación da Congregación dos Padres Marianos. O 29 de agosto de 1909, en presenza de Wincenty Sękowski e Kazimierz Ruszkiewicz, foi admitido en segredo ao novizado da congregación, e o 15 de setembro de 1910 profesou como sacerdote da Congregación dos Padres Marianos, facendo os votos perpetuos sete anos máis tarde, o 11 de xuño de 1917.

O 27 de xullo de 1927 foi elixido Superior Xeral da súa congregación. Dedicado ao apostolado entre os cristiáns orientais, colaborou en 1929 co xesuíta Michel d'Herbigny en elaborar unha confesión de fe a ser empregada para a recepción de conversos rusos, da que foron enviadas copias a Pie Eugène Neveu.

O 3 de xullo de 1930 foi nomeado bispo titular de Olympus. Recibiu a consagración episcopal o 6 de xullo do mesmo ano, de mans do exarca apostólico de Sofía Kiril Kurtev.

O 21 de xullo de 1933 renunciou como superior da súa orde, sendo sucedido por Andrej Cikota. O 22 de xullo de 1939 foi reelixido superior dos Padres Marianos.

Retirouse o 14 de maio de 1951 e finou meses máis tarde, o 25 de outubro, en Roma.

Obra

Notas

Categoría:Nados en 1872 Categoría:Nados no condado de Tauragės Categoría:Finados en 1951 Categoría:Relixiosos católicos de Lituania Categoría:Marianos da Inmaculada Concepción Categoría:Bispos católicos de Lituania Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina rusa Categoría:Escritores de Lituania Categoría:Escritores en lingua lituana Categoría:Escritores en lingua polaca Categoría:Escritores de literatura cristiá