Joseph Werth, nado o 4 de outubro de 1952 en Karaganda (RSS de Kazakhstán), é un relixioso ruso-alemán, dende 1991 ao cargo da diocese da Transfiguración en Novosibirsk. Traxectoria Familia e primeiros anos Joseph Werth naceu en Karaganda o 4 de outubro de 1952; é o duodécimo fillo dunha familia de alemáns do Volga que foran deportados á RSS de Kazakhstán en 1929, no marco da campaña soviética contra os kulak. Logo de realizar o servizo militar no exército da Unión Soviética, entrou o 14 de agosto de 1975 no novizado da Compañía de Xesús en Lituania. Comezou posteriormente os seus estudos de teoloxía en Kaunas, e foi ordenado sacerdote o 27 de maio de 1984. Logo de pasar un ano en Lituania, foi vigairo patriarcal en Aqtöbe (Kazakhstán) e posteriormente na parroquia de Marks (provincia de Saratov, RSFS de Rusia).

Pontificado Coa caída da Unión Soviética, foi nomeado o 13 de abril de 1991 polo papa Xoán Paulo II administrador apostólico de Siberia e bispo titular de Bulna. Recibiu a consagración episcopal o 16 de xuño de mans do legado apostólico a Rusia, Francesco Colasuonno, e tivo como co-consagrantes principais ao administrador apostólico da Rusia europea Tadeusz Kondrusiewicz e ao bispo auxiliar de Vilnius Juozas Tunaitis. Cando o territorio foi dividido en dúas administracións apostólicas, o 18 de maio de 1999, permaneceu como administrador apostólico de Siberia occidental.

O 11 de febreiro de 2002 a administración foi elevada a diocese, tomando o nome de diocese da Transfiguración en Novosibirsk, e Werth foi nomeado bispo diocesano. O 20 de decembro de 2004 foi nomeado tamén ordinario do exarcado católico de Rusia. Entre febreiro de 2005 e xaneiro de 2011 foi presidente da Conferencia Episcopal Católica de Rusia. O 19 de febreiro de 2014 o papa Francisco nomeouno membro da Congregación para as Igrexas Orientais.

Notas

Categoría:Nados en 1952 Categoría:Nados en Qarağandı Categoría:Xesuítas Categoría:Relixiosos católicos de Kazakhstán Categoría:Bispos católicos de Kazakhstán Categoría:Bispos católicos de Rusia Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina rusa Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Bispos católicos do século XXI Categoría:Membros da Congregación para as Igrexas Orientais