Simeón Uroš Nemanjić, alcumado Siniša (en cirílico serbio: Симеон Урош Синиша Немањић), tamén coñecido en grego como Symeōn Uresēs Palaiologos (Συμεών Ούρεσης Παλαιολόγος), foi o déspota de Epiro desde 1359 até 1366, e de Tesalia desde 1359 até a súa morte en 1370. Gobernou Epiro e Acarnania baixo o seu medio irmán o emperador Estevo Uroš IV Dušan desde 1348, e nos anos posteriores á morte do emperador, afirmouse como un gobernante independente destas rexións do sur do Imperio serbio, sendo autoproclamado emperador dos serbios e os gregos en rivalidade co seu sobriño Estevo Uroš V.

Traxectoria Simeón Uroš, alcumado Siniša, era o fillo do rei Estevo Uroš III Dečanski de Serbia coa súa segunda esposa, María Paleóloga, a filla de Xoán Paleólogo, un neto do emperador Miguel VIII Paleólogo.

O seu medio irmán Estevo Uroš IV Dušan proclamouse emperador de Serbia en 1346, e conquistou Epiro e Acarnania en 1348. Nomeou a Simeón gobernador destas rexións e concedeulle o título de déspota, tradicionalmente reservado aos irmáns e fillos menores dos emperadores bizantinos. Simeón Uroš consolidou a súa posición coa aristocracia local casando con Tomasina Orsini, a filla do antigo gobernante de Epiro Xoán II Orsini. esquerda|miniatura|Os Balcáns a mediados do século xiv. Os territorios dominados por Simeón Uroš quedan ao sur da zona. dereita|miniatura|Os dominios de Simeón Uroš durante o período en que dominou a costa oriental adriática. O goberno relativamente pacífico de Simeón Uroš interrompeuse cando, pouco despois da morte de Dušan en 1355, o seu cuñado Nicéforo II Orsini, deposto gobernante de Epiro, reapareceu en Grecia e obtivo o apoio da nobreza de Tesalia e Epiro. En 1356 Nicéforo entrou en Epiro e obrigou a Simeón Uroš a fuxir a Kastoria. Alí Simeón proclamouse «emperador dos serbios e os gregos», converténdose así en rival do seu sobriño Estevo V. A pesar de que o apoiaron algúns magnates importantes como Xoán Comneno Asen (o irmán da viúva de Estevo IV), rexeitouno a nobreza da Serbia central e Macedonia.

Despois que se viu obrigado a abandonar o seu intento de invadir Zeta (actual Montenegro) en 1358, Simeón Uroš perdeu a esperanza de facerse con Serbia. Ao ano seguinte, con todo, Nicéforo II Orsini morreu nunha escaramuza contra os albaneses, e isto deu unha boa oportunidade a Simeón Uroš de se refacer. En consecuencia, acudiu presto a Tesalia, da que o recoñeceron como señor en 1359. Logo invadiu Epiro, onde as cidades, angustiadas pola invasión do territorio polos clans albaneses, tamén recoñeceron a súa autoridade.

Mentres Simeón Uroš estaba en Epiro, Radoslav Hlapen de Vodena tentou tomar Tesalia en nome do seu fillastro Tomé Preljubović. Simeón Uroš viuse obrigado a recoñecer as conquistas de Radoslav Hlapen, entregarlle Kastoria e casar á súa filla María con Tomé. Hlapen recoñeceu a soberanía de Simeón Uroš nalgunhas destas terras e proporcionoulle unha barreira entre el e os nobres serbios do norte. Simeón Uroš estableceuse en Trikala, en Tesalia, e pasou a última década do seu reinado en relativa paz. Pronto nomeou a dous dos caudillos albaneses de Epiro, Gjin Bua Shpata e Pedro Losha, déspotas de Arta e Angelokastro. En 1366 cedeu Ioánina, a súa última posesión importante en Epiro, ao seu xenro Tomé, que reinou alí como déspota vasalo.

En Trikala Simeón Uroš presidiu unha corte que incluía nobres bizantinos, serbios e albaneses, pero mostrou preferencia polos parentes bizantinos da súa esposa. Tamén fundou e dotou xenerosamente os mosteiros de Meteora. Morreu entre 1369 e 1371.

Matrimonio Polo seu matrimonio con Tomasina Orsini, Simeón Uroš tivo tres fillos:

Xoán Uroš, quen o sucedeu como gobernante de Tesalia. Estevo Uroš, gobernador de Farsalo. María, que casou con Tomé Preljubović, quen o sucedeu como gobernante de Epiro.

Devanceiros Devanceiros de Simeón Uroš

Véxase tamén Bibliografía Fine, John Van Antwerp (c1987),The Late Medieval Balkans: A Critical Survey from the Late Twelfth Century to the Ottoman Conquest, University of Michigan Press, ISBN 0472100793   Kazhdan, Alexander, ed. (1991), Oxford Dictionary of Byzantium, Oxford University Press, ISBN 978-0-19-504652-6  Miller, William (1908), The Latins in the Levant, a History of Frankish Greece (1204–1566), Nova York: E.P. Dutton and Company  Nicol, Donald MacGillivray (2010), The Despotate of Epiros 1267–1479: A Contribution to the History of Greece in the Middle Ages, Cambridge University Press, ISBN 978-0-521130899  Soulis, George Christos (1984), The Serbs and Byzantium during the reign of Tsar Stephen Dušan (1331–1355) and his successors, Dumbarton Oaks, ISBN 0-88402-137-8  Politikin Zabavnik

Categoría:Dinastía Paleólogo Categoría:Finados en 1370 Categoría:Nados no século XIV