Eleanor Marie Robertson, nada en Silver Spring (Maryland) o 10 de outubro de 1950, é unha escritora de best-sellers estadounidense, dentro do xénero da novela romántica e de suspense co nome de Nora Roberts e de literatura fantástica co nome de J. D. Robb. Foi a primeira escritora incluída no Salón da Fama dos Escritores Románticos dos Estados Unidos. A partir de 2011, as súas novelas totalizaron 861 semanas na Lista de Best-Sellers do New York Times, incluíndo 176 semanas na posición número un.
Publicou tamén unha historia nunha revista co pseudónimo de Jill March. Ademais, na súa publicación no Reino Unido, a serie Born In foi editada co pseudónimo de Sarah Hardesty, mais non volveu traballar con ese editor.
Traxectoria Eleanor Marie Robertson foi a menor e única nena de cinco irmáns. Foi educada durante un tempo nunha escola católica antes de casar moi nova con Ronald Aufem-Brinke contra os desexos dos seus pais e establecerse en Keedysville, Maryland. Traballou como secretaria legal, mais despois do nacemento dos seus dous fillos permaneceu na casa. O matrimonio acabou en divorcio en 1983.
Comezou a escribir durante unha tormenta en febreiro de 1979, e a súa primeira novela, Irish Thoroughbred, apareceu en 1981, publicada por Silhouette. Para asinar as súas novelas románticas empregou o diminutivo do seu nome e apelidos, Nora Roberts.
Coñeceu o seu segundo marido, Bruce Wilder, cando o contratou para que lle fixese unhas baldas. Casaron en xullo de 1985.
Baixo o pseudónimo de J. D. Robb, Roberts tamén escribe a serie In Death de ciencia ficción sobre temas policíacos. Protagonízanas a detective Eve Dallas e o seu home Roarke e teñen lugar a mediados do século XXI en Nova York. As iniciais "J. D." son dos seus fillos, Jason e Dan, mentres que "Robb" é unha forma apocopada de Robertson. Ao comezar a serie, escollera o pseudónimo de D. J. MacGregor, mais cambiouno porque xa o empregara outro autor.
Roberts é célebre por ser moi prolífica. En 1996 superou as cen novelas con Montana Sky. Escribe oito horas cada día, todos os días. Moitos lectores e estudosos da ficción romántica atribúen a transformación cara a unha heroína romántica máis forte en parte á habilidade de Roberts para desenvolver personaxes e narrar unha boa historia.
En 1997, outra novelista romántica, Janet Dailey, admitiu que copiou repetidamente a obra de Roberts. Esta práctica descubriuse cando unha lectora de Roberts leu Sweet Revenge, de Roberts, e Notorious, de Daley; ao comparalas, notou os parecidos e colgou en Internet as pasaxes parecidas. Roberts recibiu unha compensación económica que dedicou a causas literarias.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Little, Denise and Laura Hayden, The Official Nora Roberts Companion, Berkley Books, 2003, ISBN 0-425-18344-0. "Stolen Kisses", Entertainment Weekly Issue #392 Ligazóns externas Páxina oficial Páxina oficial de J.D. Robb Blog oficial Forum in Death, foro de fans de J.D.
Universo Romance Nora Roberts Nora Roberts e J.D. Robb en e-románticos
Categoría:Nados no condado de Montgomery, Maryland Categoría:Nados en 1950 Categoría:Escritores dos Estados Unidos de América Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Estadounidenses de ascendencia irlandesa