José Fernández Vide, nado en Ourense o 23 de outubro de 1893 e finado na mesma cidade o 20 de novembro de 1981, foi un organista e compositor galego.
Traxectoria Fillo dun zapateiro, o neno Vide foi membro do coro na capela da Catedral ourensá con oito anos. Con cualidades musicais excepcionais rematou os seus estudos no Conservatorio de Madrid. Foi organista da catedral de Ourense entre 1911 e 1917, e foi profesor na Escola Normal de Maxisterio.
En 1924 casou con Sara García Limia e trasladouse a Cuba. Alí fora requirido como mestre na Academia de Belas Artes do Centro Gallego de La Habana. En 1930 foi nomeado director do Conservatorio deste centro. No tempo que permaneceu na illa intensificou o seu labor cunha obra abundante para piano e para voz e piano, con textos preferentemente en lingua galega e con dúas zarzuelas: Proba d'amor, con letra de Francisco Álvarez de Novoa e Miñatos de vran, con letra de Enrique Zas Simó. O libreto desta última contou cos arranxos de Ramón Otero Pedrayo na súa estrea en 1953 no Coliseo Xesteira de Ourense.
En 1932 regresou a Galicia, retomando o ensino na Escola Normal de Maxisterio e no Instituto As Lagoas ata a súa xubilación. O mestre Vide foi contemporáneo de Juan Montes (Lugo) e Angel Brage Villar (Santiago de Compostela), e coma eles tocaba nos numerosos cafés cantantes da cidade, como La Unión, o Royalty, o Lisardo ou La Bilbaina, o que explica o volume representado polas obras de salón dentro do seu repertorio. Para actuar nestes espazos e tamén no Liceo ou no Teatro Principal Vide exercía de pianista solista ou formando grupos que el mesmo dirixía. Isto non foi ben entendido pola igrexa o que fai que se decida por camiños diferentes aos relatados no seu comezo musical.
Foi director do Orfeón Unión Ourensana en dúas ocasións, en 1910 e entre 1932 e 1934. Con motivo do 75 aniversario da creación do Orfeón en 1887, o mestre Leonardo Cudeiro Loureiro (socio desde 1940) contou nunha entrevista publicada no programa de mau dos festexos que, xunto con Basoco, o mestre Vide deixou unha pegada moi importante, afirmando que a Masa Coral destacou dunha maneira especial. A herdanza que deixou floreceu no seu fillo Pepe Vide. Nunha entrevista en La Región, o 25/5/1996, describe como o marcou a vida musical na súa casa: “co biberón xa me deron as corcheas”.
Os seus restos descansan no Cemiterio de San Francisco de Ourense, no panteón que posúe o Orfeón para os seus directores.
Obras A montañesa Violetas A Belén camiña A alborada A ialma triste Aguas risueñas Alaláas Amor dondiño Arrorrou Auria bella Con letra de Noriega Varela. Ave María Bella mujer Camiñando pra Belén Cantan os galos Canto de arrieiro Carballiño Conchita Cor Jesu flagrans Cubana ideal D'a terra meiga Danzón Desengano Con letra de Curros Enríquez. Encomenda Espinas y rosas Eu xa non durmo sen verte Fiestas de oro Flor de pasión Gozos a San Francisco de Asís Gratitude Gref-Popeye Ilusiones La santa de Aguas Santas La tropical Libera me, Domine Los arenaleses Mariposa María de los Ángeles Miñatos de vran, zarzuela Con letra de Enrique Zas e arranxos de Otero Pedrayo. Morriña Nena d'as soledades Non dorme o neno O neno na cuna O sacrum Oferenda Orense Panadeiriñas de Cea Panis angelicus Partagás Peixe Polos outeiros Pontevedra Recordos Recuerdo triste Salve, Rosalía Sarita Saudade Serenata de amor Serenata romántica Serranía Sobrado Tantum ergo Un día n' aldea Vals X Villancico ó Neno Xesús Zaera ¡Miña nai! ¡Quero morrer! ¡Qué tarde tan meiga! Con letra de Carmiña Prieto. ¿Quen? Canciones Piano Proba d'amor, zarzuela Con letra de Álvarez de Nóvoa.
Premios e recoñecementos A balada Desengano, con letra de Curros Enríquez, obtivo o premio Juan Montes en 1934. No segundo Certame do traballo en Ferrol, no ano 1935 foron premiadas a muiñeira Auria Bella, con letra de Noriega Varela e Qué tarde tan meiga, con letra de Carmen Prieto. Cantan os galos, obra para piano e voz recibiu unha mención honorífica nos Xogos Florais do Círculo Mercantil de Santiago en 1937.
Levan o seu nome unha rúa (Paseo Mestre Vide), un colexio de educación infantil e primaria (CEIP Mestre Vide) e un equipo de fútbol sala da súa cidade natal.Páxina web do CEIP Mestre Vide
En 2018, co gallo do 125 aniversario do seu nacemento e baixo o impulso do músico Óscar Ibáñez, a Deputación e o Concello de Ourense, programáronse distintas actividades para poñer en valor a obra deste músico, entre elas a interpretación dunha muñeira inédita.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Diccionario de la música española e hispanoamericana. Sociedad General de Autores y Editores. ISBN 978-84-8048-303-2.
, Javier (compilación, revisión editorial e estudo) (2003-). Mestre Vide. Obra completa (5 vol,s). Deputación de Ourense.
Orfeón Unión Orensana. LXXVI aniversario. Arquivo Deputación de Ourense/ Biblioteca. Sección: prensa.
Outros artigos Órgano (instrumento musical) Ligazóns externas
. Información sobre o lugar de soterramento no cemiterio de San Francisco
Categoría:Compositores de Galicia Categoría:Organistas Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1893 Categoría:Finados en 1981 Categoría:Artigos creados co asistente para a creación de artigos Categoría:Pianistas de Galicia Categoría:Actividade cultural na emigración galega Categoría:Galegos de Cuba