SonDaRúa (frecuentemente escrito Sondarua ou Son Da Rúa) foi un grupo de rap galego de Ponteareas, que estivo activo entre 2016 e 2023.

Traxectoria O grupo creouse formalmente a mediados do 2016 co lanzamento dos temas "Fóra" e "Estilo combativo" na plataforma YouTube. Antes da constitución do grupo como tal, os dous membros fundadores xa ofrecían directos nos que alternaban cancións de rap ao estilo clásico con DJ, e acústicos nos que Alex Arnoso tocaba a guitarra e Hugo Guezeta adoitaba ser a voz principal.

No ano 2017 lanzan a canción "En galego NON mola", coa que conseguiron o primeiro posto da III edición do concurso Novos Valores do Festigal, e tamén resultan gañadores do Concurso Sonidos Mans do Festival Revenidas con "Estilo combativo", o que lles permitiu actuar en ambos festivais.

A principios do 2018 lanzaron o seu primeiro traballo de estudio, Liberando mentes, un EP de 5 cancións editado tanto en formato físico coma en dixital. Posteriormente participan no sinxelo Cultura crítica da banda de metal NAO xunto coas Tanxugueiras. A mediados de ano editan en todas as plataformas dixitais un álbum recompilatorio en forma de EP que leva como título SonDaRúa Classics, formado por reedicións de antigos temas só subidos a Youtube e que foran gravados de forma caseira polo propio Alex Arnoso. En 2019 publicaron un novo videoclip do sinxelo Voz da resistencia, que contou cunha instrumental de dub do produtor Antxon Sagardui do colectivo vasco Crudo Bilbao.

En 2020 publicaron o seu único LP, co título Eterno combate. Este traballo constou de 12 temas e contou coas colaboracións de Ezetaerre, Skandalo GZ e Navia Rivas. Antes do lanzamento do disco xa se publicaran tres dos temas como sinxelos e con cadanseu videoclip a modo de adianto: "Éxodo", "Salsa galaica" e "Pontakas Antifa".

Tras anunciar a fin do grupo, en 2023 realizaron unha xira de despedida por distintas vilas e cidades galegas, así como en Bilbao, ofrecendo o seu último concerto o 14 de abril na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Tres días antes publicaron o seu último tema, titulado "En pé".

Tras a disolución da banda, Hugo Guezeta prosigue a súa carreira en solitario, e Alex Arnoso funda o grupo de Rap metal en galego Vimbio.

Membros Hugo Guezeta: MC Alex Arnoso: MC, guitarrista e beatmaker That Bass: DJ

Discografía

Álbums

Eterno combate (Playplan, 2020)

EPs

Liberando mentes, (Galunk Producións, 2018) SonDaRúa Classics (recompilatorio), (Galunk Producións, 2018)

Sinxelos

"Fóra" (Prod. Alex Arnoso) (2016) "Estilo combativo" (Prod. Alex Arnoso) (2016) "En galego NON mola" (Prod. Alex Arnoso) (2017) "Aceabé" (Prod. Alex Arnoso) (2017) "Liberando mentes" (Prod. Petrowski) (2018) "Meio tolos" (Prod. Alex Arnoso) (2018) "Cultura Crítica" con NAO e Tanxugueiras (2018) "Voz da resistencia" (Prod. Antxon Sagardui) (2019) "Éxodo" (Prod. Alex Arnoso) (2019) "Salsa galaica" (Prod. That Bass) (2019) "Pontakas Antifa" feat Skandalo GZ (2020) "Eterno Combate" (Prod. Javier Vicalo) (2020) "Duro" con O Pirata (Prod. Alex Arnoso) (2021) "Hardcore puro" (Prod. Alex Arnoso) (2021) "Rarezas" (Prod. Alex Arnoso) (2022) "En pé" (Prod. Alex Arnoso) (2023)

Notas

Categoría:Grupos musicais de Ponteareas Categoría:Grupos musicais en galego Categoría:Grupos musicais formados en 2016 Categoría:Grupos musicais separados en 2023 Categoría:Grupos de hip hop de Galicia