O voo 612 de Air West era un servizo doméstico regular de pasaxeiros entre Khartún e Al-Fashir, no Sudán. O día 24 de xaneiro de 2007 o Boeing 737 que operaba a ruta, con 103 persoas a bordo, foi secuestrado pouco despois da engalaxe por un único home. O avión aterrou sen problemas en Xamena, Chad, onde o secuestrador se rendeu.
Secuestro O día do secuestro os ocupantes do avión eran todos sudaneses coa excepción dun cidadán británico e dun agregado militar italiano. Mohamed Abdu Altif, un home de 26 anos de Al-Fashir, entrou armado na cabina de mando do avión ás 09:00 hora local, unha media hora despois de engalar do aeroporto de Khartún. Ordenou ao piloto voar a Roma e despois a Londres. Inicialmente informouse que a súa arma era un fusil de asalto AK-47, pero realmente era unha pistola.
Despois de que o piloto lle explicase de que non había suficiente combustible para chegar a Londres accedeu a voar ata Chad. Non fixo ameazas ou comunicacións aos pasaxeiros, ningún dos cales se decatou de que o avión fora secuestrado. Cando o avión entrou no espazo aéreo do Chad foi interceptado por cazas franceses Mirage F-1 estacionados en Xamena, que escoltaron ao 737 ata que aterrou no aeroporto de Xamena, onde foi rodeado por tropas do Chad. Tras 20 minutos de negociacións o secuestrador liberou os ocupantes do avión antes de renderse.
Notas
Air West Categoría:Accidentes e incidentes de Air West Categoría:Accidentes e incidentes de Boeing 737 Air West Categoría:Secuestros de aeronaves