Paul-Marie François Rousset, nado o 27 de agosto de 1921 en Grièges (Francia) e finado o 9 de xaneiro de 2016 en Bourg-en-Bresse (Francia), foi un relixioso católico latino, primeiro bispo de Saint-Étienne entre 1971 e 1987.
Traxectoria Naceu o 27 de agosto de 1921 en Grièges, un pequeno concello do departamento do Ain, na rexión histórica da Bresse. Educado nunha familia cristiá de oito irmáns, dende novo tivo desexos de ser sacerdote, e en 1932 entrou no seminario menor de Meximieux e posteriormente no seminario maior de Belley; atraído pola espiritualidade de Antoine Chevrier entrou no Instituto do Prado en Lión, cidade na que completou a súa formación teolóxica na Universidade Católica de Lión. Foi ordenado sacerdote o 23 de febreiro de 1945 en Bourg-en-Bresse polo bispo Amédée Maisonobe, e foi profesor no seminario menor e, dende 1958, vigairo xeral da diocese de Belley. Foi tamén a partir de 1954 esmoleiro da JAC.
O 24 de xaneiro de 1966 foi nomeado polo papa Paulo VI bispo auxiliar de Lión e bispo titular de Utimma, con residencia en Saint-Étienne. Recibiu a consagración episcopal en Ars o 6 de marzo do mesmo ano, de mans do bispo de Belley René-Fernand-Eugène Fourrey, e tivo co-consagrantes principais ao arcebispo coadxutor de Bordeos Marius-Félix-Antoine Maziers e ao bispo auxiliar de Lión Alfred-Jean-Félix Ancel.
O 23 de febreiro de 1971 foi nomeado por Paulo VI bispo da nova diocese de Saint-Étienne. Como bispo, foi quen elixiu como catedral a igrexa de San Carlos de Saint-Étienne. Renunciou por motivos de saúde o 28 de setembro de 1987 ao goberno da diocese.
Logo do final do seu pontificado, exerceu como simple párroco en diferentes localidades (Ferney-Voltaire, Saint-Jean-de-Gonville, Thoiry, Collonges...) até os 75 anos, cando se retirou á súa diocese natal. Finou o 9 de xaneiro de 2016 en Bourg-en-Bresse, onde vivira os últimos meses. Foi enterrado na catedral de San Carlos de Saint-Étienne.
Notas
Categoría:Nados en Grièges Categoría:Nados en 1921 Categoría:Finados en 2016 Categoría:Relixiosos católicos de Francia Categoría:Membros do Instituto do Prado Categoría:Bispos católicos de Francia Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Alumnos da Universidade Católica de Lión