O Presidente de Bangladesh (: — ) é o Xefe de Estado de Bangladesh.

O cargo de presidente foi mudado tres veces dende a independencia de Bangladesh en 1971. No ano 1991, coa restauración dun goberno democraticamente elixido, Bangladesh adoptou unha democracia parlamentaria. O Presidente cumpre agora un papel practicamente cerimonial e é elixido polo parlamento.

En 1996, o parlamento aprobou unha nova lexislación que aumentaba a autoridade executiva do Presidente, segundo o establecido na Constitución, despois de que o Parlamento fose disolto. O Presidente reside en Bangabhaban, onde ten o seu despacho e a residencia. O Presidente é elixido polos 300 parlamentarios nunha votación aberta, e xeralmente representa ao partido maioritario da lexislatura. Continúa no seu cargo despois de caducar o prazo de cinco anos até que un sucesor sexa elixido para a presidencia.

Poderes e deberes Actualmente, a pesar de que a posición do Presidente ostenta importancia de iure, os seus poderes de facto son maiormente cerimoniais. A Constitución permite ao Presidente actuar só baixo consello do Primeiro Ministro e o seu gabinete.

Poderes de nomeamento O Presidente pode nomear os seguintes cargos:

Polo Artigo 56 (2), ao Primeiro Ministro e o seu gabinete, coa limitación de que o Primeiro Ministro debe ser un parlamentario que reciba a confianza da maioría da Cámara. O Presidente tamén pode destituír un membro do gabinete a petición do Primeiro Ministro. Polo Artigo 95, ao Xefe de Xustiza e outros xuíces do Tribunal. Polo Artigo 118, o Comisión Electoral de Bangladesh, incluíndo o Xefe.

Prerrogativa de indulto O Presidente ten a prerrogativa de indulto polo Artigo 49 da Constitución, que lle permite conceder o perdón a calquera, por riba de calquera veredicto dado por calquera tribunal de Bangladesh.

Poderes lexislativos Segundo o Artigo 80, o Presidente pode rexeitar sancionar calquera proxecto de lei aprobado polo parlamento, devolvéndoo para revisión. Unha lei é promulgada só despois de que o Presidente a sancione. Mais cando o proxecto de lei é levado outra vez ao parlamento, se o presidente volve rexeitar a sanción, despois dun certo período de días, o proxecto será automaticamente transformado en lei e será considerado sancionado polo presidente.

Chanceler en Universidades O chanceler é unha posición titular nas Universidades de Bangladesh, sempre ocupada polo Presidente de Bangladesh baixo a Acta de Universidades Privadas de 1992. A posición nas universidades públicas non está asignada ao presidente baixo ningunha acta ou lei (xa que a construción dunha universidade estatal en Bangladesh require un decreto para ser aprobada), mais foi o costume até agora nomear o presidente do país como chanceler de todas as universidades estatais.

Proceso de selección

Elixibilidade A Constitución de Bangladesh establece os requisitos necesarios para ser elixible como presidente.

Unha persoa non poderá postularse á elección como Presidente se:

ten menos de trinta e cinco anos de idade, ou non cumpre os requisitos para ser elixido parlamentario, ou foi destituído da presidencia segundo os mecanismos indicados na Constitución.

Requisitos para a presidencia Segundo o Artigo 27 da Constitución, certas condicións exclúen a calquera cidadán de ser elixible nas eleccións presidenciais. Estas condicións son:

Ningunha persoa pode ostentar o cargo Presidente durante máis de dúas lexislaturas, sexan ou non consecutivas. O Presidente non pode ser parlamentario, e se un parlamentario é elixido como Presidente debe deixar o seu escano en Parlamento no día no que acceda ao seu cargo como Presidente.

Proceso de elección Cando o cargo queda vacante, o novo Presidente é escollido polos membros do parlamento. A pesar de que as eleccións presidenciais implican votos reais dos deputados, estes tenden a votar para o candidato apoiado polos seus respectivos partidos. O presidente pode ser destituído por unha maioría de dous terzos do parlamento.

Xuramento ou declaración O Presidente ten que facer e subscribir na presenza do Portavoz do Jatiya Sangsad (o Parlamento), un xuramento ou declaración de que protexerá, preservará e defenderá a Constitución como segue:

Inmunidade O Presidente ten garantida inmunidade para todas as súas accións polo Artigo 51 da Constitución e non ten que responder ante ninguén polas súas accións, e non se lle poden imputar cargos criminais. A única excepción a esta inmunidade é se o Parlamento busca a destitución do Presidente.

Sucesión O artigo 54 da Constitución de Bangladesh articula a sucesión do Presidente. Expón que en caso de ausencia debido a enfermidade ou outras razóns, o Portavoz do Jatiya Sangsad actuará como Presidente de Bangladesh até que o Presidente volva ás súas funcións. Este artigo foi utilizado durante a ascensión do Portavoz Jamiruddin Sircar como Presidente en funcións do Estado tras a dimisión do presidente anterior A. Q. M. Badruddoza Chowdhury, e cando o Presidente Zillur Rahman non puido traspasar os seus poderes debido á súa enfermidade, e máis tarde, morte.

Como Bangladesh é un sistema parlamentario, non ten vicepresidente. Con todo, durante o sistema presidencial de exercicio do poder, Bangladesh tivo un vicepresidente que asumía a función do Presidente na súa ausencia. O cargo foi abolido pola duodécima emenda á Constitución en 1991.

Cesamento Un Presidente pode dimitir do seu cargo escribindo unha carta a man ao Portavoz. O Presidente tamén pode ser destituído polo Parlamento. En caso de destitución, o Parlamento debe acusar ao Presidente de cargos específicos, e investigalo o mesmo Parlamento, ou referilo a calquera outra institución para que o investigue. O Presidente terá o dereito a defenderse a si mesmo. Segundo a lei, o Presidente é destituído inmediatamente con dous terzos dos votos do Parlamento a favor, e o Portavoz ascende ao poder.

Residencias oficiais e despacho A residencia presidencial principal en Bangabhaban está localizada en Dacca. Hai tamén un Palacio Presidencial en Uttara Ganabhaban no distrito de Natore.

Historia do despacho

República parlamentaria (1971–74) Ao principio da guerra de independencia de Bangladesh en abril de 1971, establecéronse as Forzas Armadas de Bangladesh e o goberno no exilio. Despois de que se celebrase a cerimonia de xuramento en Meherpur, Kushtia, o goberno no exilio estableceu a súa sede central en Calcuta. O primeiro Presidente de Bangladesh en xurar no despacho foi Syed Nazrul Islam con Tajuddin Ahmad como Primeiro Ministro. Despois de acabada a guerra, Sheikh Mujibur Rahman converteuse en Primeiro Ministro coa elección do primeiro parlamento un ano máis tarde en xaneiro de 1972.

Máis tarde, en 1973, baixo unha constitución nova, quedou establecido un sistema parlamentario de goberno onde o presidente era o xefe de Estado nominal mentres todos os poderes executivos eran exercidos polo primeiro ministro. En 1974, o goberno do Primeiro Ministro Sheikh Mujibur Rahman cambiou do parlamentarismo a un sistema presidencial de partido único que prohibiu toda a prensa, actividades e partidos políticos baixo o Estado de Emerxencia.

Sheikh Mujibur Rahman

Sheikh Mujibur Rahman foi o aparente Presidente en funcións dun Estado aínda non chamado Bangladesh (durante a guerra de Liberación de Bangladesh, cando era aínda coñecido como Paquistán Oriental, antes de que se proclamara a súa captura e se levara presuntamente a Paquistán do Oeste e se encerrara nunha prisión paquistaní. O seu encarceramento por tanto resultou na súa ausencia durante a todo tempo que durou a guerra, que foi case un ano. Na súa ausencia, Syed Nazrul Islam, Vicepresidente do Goberno Provisional de Bangladesh foi nomeado Presidente en funcións). Foi o fundador de Bangladesh e recoñecido como o 'Pai da Nación de Bangladesh'. Encabezou a Liga Awami, exercendo como Presidente dende abril de 1971 a 1972; foi Primeiro Ministro dende 1972 e Presidente en 1975. Coñécese popularmente como "Xeque Mujib", e co título honorífico de Bangabandhu (বঙ্গবন্ধু, "Amigo de Bengala"). A súa filla máis vella Sheikh Hasina Wajed é a actual dirixente da Liga Awami e Primeira Ministra de Bangladesh. Sheikh Mujibur Rahman estableceu a política estatal de Bangladesh segundo catro principios básicos: nacionalismo, secularismo, democracia e socialismo.

A Liga Awami gañou unha maioría masiva nas primeiras eleccións parlamentarias de Bangladesh en marzo de 1973, en gran parte debido ao carisma de Mujib. Con todo, o goberno de Mujib afrontou grandes desafíos, como a rehabilitación das millóns de persoas desprazadas en 1971, a organización das subministracións de comida, axudas de saúde e outras necesidades. Os efectos do ciclón de 1970 aínda se sentían, e a economía do estado quedou inmensamente deteriorada polo conflito. Economicamente, Mujib embarcouse nun programa de nacionalización enorme. A finais de ano, miles de bengalís chegaron dende Paquistán, e miles de non bengalís migraron a Paquistán, e aínda así moitos miles ficaron en campos de refuxiados.

Ditaduras e Sistema Presidencial (1974–91) En 1974, Mujib proclamou un Estado de Emerxencia. O parlamento de entón emendou a constitución para limitar os poderes das ramas lexislativas e xudiciais, estabeleceu unha presidencia executiva de partido único. Estes cambios foron acuñados como a "Segunda Revolución," por Sheikh Mujib. Sheikh Mujib asumiu a presidencia. Todos os partidos políticos foron disoltos e un novo partido único foi creado como o 'Partido Nacional'. Foi chamado Bangladesh Krishak Sramik Awami League (BAKSAL), e todos os parlamentarios, asociacións e institucións semi-autónomas do goberno tiñan a obrigación de se uniren a el.

Despois de que Bangladesh conseguira o recoñecemento da a maioría de países, Sheikh Mujib axudou a Bangladesh a entrar nas Nacións Unidas e o Movemento de Países Non Aliñados. Viaxou aos Estados Unidos, o Reino Unido e outras nacións europeas para obter asistencia humanitaria e de desenvolvemento para a nación. Asinou un tratado de amizade coa India, o cal prometía unha extensa asistencia económica e humanitaria e empezou a adestrar as forzas de seguridade de Bangladesh e as forzas persoais do goberno. Mujib forxou unha amizade próxima con Indira Gāndhi, loando a decisión da India de interceder, e profesando admiración e amizade para coa India.

Fixo que o parlamento provisional escribise unha constitución nova, e proclamou os catro principios fundamentais de "nacionalismo, secularismo, democracia e socialismo," o cal sería coñecido como "mujibismo". Mujib nacionalizou centos de industrias e empresas así como terras e capitais abandonados e comezou unha reforma agraria en que favorecese aos millóns de labradores pobres. Fixo grandes esforzos para rehabilitar os 10 millóns estimados de refuxiados. A economía comezou a recuperarse e a fame foi reducida. Unha constitución foi proclamada en 1972 e celebráronse eleccións, nas que resultou gañador Sheikh Mujib e o seu partido cunha maioría absoluta. Ampliou os programas estatais deseñados para expandir a educación primaria, a sanidade, a alimentación, a sanidade, e o acceso á auga e á electricidade a través do país. Un plan de cinco anos presentado en 1973 centrou os investimentos estatais na agricultura, na infraestrutura rural e nas industrias do algodón.

Asasinato de Mujibur Rahman