Manuel González López, nado en Rates (San Cosme de Outeiro, Outes) en novembro de 1975, é un doutor en economía e político galego de Compromiso Outes. Foi alcalde de Outes entre 2019 e 2025.
Traxectoria
Formación e carreira profesional Licenciado e doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela, ampliou estudos na Universidade de Manchester no Reino Unido, e é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Ten unha ampla experiencia investigadora, con múltiples artigos en revistas nacionais e internacionais, participando tamén en proxectos europeos.
No ámbito profesional ten experiencia no sector da consultoría, nas áreas de proxectos europeos e de cooperación ao desenvolvemento. Foi socio fundador da empresa Devalar Consultoría Europea, xurdida ao abeiro dos programas de apoio ao emprendemento da USC.
Carreira política No eido político, estivo afiliado ao BNG dende a mocidade, foi concelleiro en Outes tralas eleccións municipais de 2003, como número 2 da candidatura. Volveu ser elixido en 2007. En 2011 non resultou elixido, se ben os nacionalistas conseguiron pasar de 2 a 3 concelleiros (el ía de 5) e ser a segunda forza política no municipio.
Membro da corrente interna Máis Galiza, tralo abandono desta do BNG en marzo de 2012 tamén deixou a fronte nacionalista, xunto con outros militantes de Outes e 2 dos 3 concelleiros, para participar na fundación de Compromiso por Galicia, sendo membro da súa primeira executiva nacional. Nas eleccións municipais de 2015 encabezou a candidatura de CxG e logrou 4 concelleiros, consolidando o proxecto como alternativa ao PPdeG en Outes. De cara ás eleccións municipais de 2019 o seu equipo abandonou CxG e encabezou a candidatura independente Compromiso Outes á alcaldía, logrando ser a forza máis votada con 5 concelleiros, polo que foi elixido alcalde con maioría simple.
Moción de censura Nas municipais de 2023 obtivo 4 concelleiros e foi reelixido alcalde grazas a un pacto de goberno co BNG e o PSdeG. En febreiro de 2025 o seu goberno quedou en minoría tras abandona-lo único concelleiro socialista o goberno,El PSOE de Outes abandona el gobierno local: «Non podemos continuar dando o noso apoio a un barco que vai á deriva». Dúas semanas despois o edil socialista presentou, xunto cos concelleiros do PP e en contra do criterio do seu partido, unha moción de censura, polo que Manuel González deixou o cargo, que asumiu Francisco Calo Abelleira do PPdeG.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Outes
Categoría:Alcaldes de Outes
Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Outes Categoría:Nados en 1975 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alcaldes de Galicia de candidaturas independentes