María de los Remedios Alicia Rodriga Varo e Uranga, nada en Anglès, Xirona o 16 de decembro de 1908 e finada na Cidade de México o 8 de outubro de 1963, coñecida como Remedios Varo, foi unha pintora surrealista, escritora e artista gráfica española, exiliada política en México.
Foi unha das primeiras mulleres que estudaron na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. En 1932 estableceuse en Barcelona, onde traballou como deseñadora publicitaria, sumándose ao grupo surrealista catalán Loxicofobista. En 1937 viaxou a París xunto ao poeta surrealista francés Benjamin Péret e en 1941, coa chegada dos nazis á capital francesa, exiliouse a México e nunca regresou a España.
A obra de Varo evoca un mundo xurdido da súa imaxinación onde se mestura o científico, o místico, o esotérico e o máxico.
Traxectoria Primeiros anos Naceu en Anglès, na provincia de Xirona e creceu dende os 9 anos en Madrid onde a súa familia trasladou a súa residencia. O seu pai, Rodrigo Varo y Zejalvo, era un enxeñeiro librepensador estudoso do esperanto, preocupado polas cuestións sociais e amante da mineraloxía, de orixe andaluza. A súa nai, Ignacia Uranga y Begareche, era de ascendencia vasca. Remedios era a segunda de tres irmáns, sendo os outros dous varóns, Rodrigo e Luis.
María de los Remedios Alicia Rodriga Varo y Uranga levou o seu nome máis popular, Remedios, debido a que o seu nacemento veu a "remediar" a súa nai a recente perda dunha das súas fillas. Tivo unha vida enfermiza con problemas cardíacos e mostrou dende pequena unha natural inclinación pola pintura.
A profesión de Rodrigo Varo obrigou a familia a desprazar a súa residencia. Primeiro a Marrocos e en 1917 a Madrid onde Remedios recibiu unha instrución básica en colexios católicos e posteriormente se formou artisticamente.
Período de 1924 a 1941 En 1924, aos quince anos, alentada polo seu pai, ingresou na Academia de San Fernando, converténdose nunha das primeiras mulleres estudantes da academia. Nese período compartiu parladoiros e vivencias na Residencia de Estudantes con artistas como García Lorca e Dalí. En 1930 participou nunha exposición colectiva organizada pola Unión de Debuxantes de Madrid.
Ao finalizar os seus estudos casou cun compañeiro da Academia, Gerardo Lizarraga, e ambos establecéronse en París durante un ano.
En 1932 volveu a España e estableceuse na Barcelona republicana, no barrio de Gràcia, onde tiña a súa casa e o seu estudio, na praza de Lesseps, desenvolvendo o seu traballo tamén como debuxante publicitaria. En Barcelona viviu intensamente o clima político libertario e creativo.
En 1935 compartiu o estudio co tamén pintor surrealista Esteban Francés, quen a introduciu ao círculo surrealista de André Breton. En xullo, Marcel Jean chegou a Barcelona con Óscar Domínguez. Todos eles realizaron preciosos cadáveres exquisitos, debuxos colectivos comezados por un participante do xogo, tapados e continuados polo seguinte xogador dando como resultado colaxes sorprendentes. Ese mesmo ano expuxo os seus debuxos en Madrid xunto con Josep-Lluís Florit e entre as súas pinturas atopábase Composición.
Integrouse no grupo surrealista catalán Logicofobista, que pretendía representar os estados mentais internos da alma, empregando formas suxestivas de tales estados. Durante a súa colaboración con este grupo, Remedios Varo pintou L’Agent Double, obra que anticipaba o seu estilo persoal. En maio de 1936 participou nunha histórica exposición Loxicofobista da librería Catalònia de Barcelona xunto a Artur Carbonell, Leandre Cristòfol, Àngel Ferrant, Esteve Francès, Gamboa-Rothwoss, A.G. Lamolla, Ramon Marinel•lo, Joan Massanet, Maruxa Mallo, Àngel Planells, Jaume Sans, Nadia Sokolova e Joan Ismael.
Durante a guerra civil española, situoouse do lado republicano. Nese período e durante o seu apoio activo aos republicanos, coñeceu en 1936 o poeta surrealista francés Benjamin Péret, afiliado ao POUM, que chegou a Barcelona para loitar na guerra e considerado nas crónicas da vida da artista como "o seu grande amor". En 1937 rompeu a relación con Gerardo Lizarraga e marchou con Péret a Francia, residindo por segunda vez en París, onde ambos permaneceron ata a invasión nazi de 1941. Ademais de André Breton en Francia coñeceu a Max Ernst, Victor Brauner, Joan Miró, Wolfgang Paalen e Leonora Carrington.
En cantáballe unirse aos bohemios surrealistas para fotografarse vestida de toureiro, vender pasteis na rúa ou mandar cartas a descoñecidos cuxos nomes escollía ao chou no listín telefónico, un de seus “actos surrealistas” favoritos sinalou Isabel Navarro en 2007 rememorando a súa figura.
En 1937 participou na Exposición Internacional do Surrealismo en Tokyo e a súa obra Le désir (1935) foi reproducida no número 10 da revista surrealista de Francia Minotaure.
Etapa mexicana A artista abandonou Francia en 1941 tras ser detida polos nazis por ser a compañeira de Péret. Tras múltiples peripecias, ela e Péret puideron fuxir finalmente a México coa axuda de Varian Fry, onde grazas á política do presidente Lázaro Cárdenas de acollida de refuxiados políticos, puideron naturalizarse e desenvolver unha actividade laboral.
Na Exposición Internacional do Surrealismo en México de 1940 dirixida por Inés Amor na Galería de Arte Mexicana, exhibírase xa un dos seus cadros titulado Recordo da Walkyria. Xa establecidos en México, Péret e Varo integráronse nun círculo de amigos e artistas entre os que se atopaban César Moro, Esteban Francés, Gerardo Lizárraga, Leonora Carrington, Octavio Paz e Eva Sulzer quen foi unha importante mecenas dos artistas exiliados. Durante os anos corenta, Varo realizou diferentes traballos artesanais, de decoración e publicidade entre os que estivo unha colaboración con Marc Chagall no vestiario para o ballet Aleko que se estreou no Palacio de Belas Artes.
En 1947, separouse de Benjamin Péret, que volveu a París, aínda que Varo mantivo o contacto co poeta apoiándoo economicamente e acompañándoo no seu leito de morte en 1959. Grazas aos seus contactos anteriores e ás súas actividades en México, Varo partiu ese ano a Venezuela, como integrante dunha expedición científica do Instituto Francés de América Latina onde realizou estudos microscópicos de mosquitos como parte da campaña de salubridade antipalúdica. En Venezuela, ademais do seu traballo de ilustradora entomolóxica, puido continuar a enviar carteis publicitarios para Bayer, así como traballar un curto lapso para o instituto de malarioloxía venezolano.
O ano 1949 regresou a México, onde continuou co seu labor de ilustradora publicitaria. En 1952 casou de novo, esta vez co político austríaco Walter Gruen, con quen permaneceu ata o seu pasamento. En 1955, presentou ao público os seus traballos nunha primeira exposición colectiva, na galería Diana da Cidade de México, seguida o ano seguinte dunha exposición individual.
Durante a súa estadía en México, coñeceu artistas como Frida Kahlo e Diego Rivera, mais trabou nexos de amizade máis fortes con outros intelectuais no exilio, en particular coa tamén pintora surrealista británica Leonora Carrington. A súa amizade foi fundamental para ambas tanto na obra pintada como na escrita.
En 1952 casou con Walter Gruen, un político refuxiado austríaco devoto da súa obra, que a convenceu para que se dedicase exclusivamente á pintura e lle proporcionou a estabilidade.
En 1955 México acolleu a súa primeira exposición. En 1958 Varo obtivo o primeiro lugar no Primeiro Salón da Plástica Feminina nas Galerías Excélsior.
Destacou durante a época do muralismo mexicano, non como muralista senón coas súas pinturas exhibidas en diversas institucións mexicanas, entre elas no Instituto Nacional de Cardioloxía onde está a pintura Retrato do doutor Chávez (1957), homenaxe ao médico mexicano Ignacio Chávez, cardiólogo da pintora.
A vida de Varo viuse rodeada de misticismo, os seus temas de interese ían dende a teoría psicanalítica ata a alquimia, tal como se expresa en múltiples cadros seus.
Por exemplo, no tríptico que fixo en 1961, que consta das obras Cara á torre, Bordando o manto terrestre e A fuxida, traduce a súa propia historia de vida a unha representación surrealista.
Un servizo ao que tivo acceso foi á práctica do psicanálise, de feito, o misticismo nas súas pinturas estaba influído pola psicanálise de Sigmund Freud, Carl Jung e Alfred Adler. Resulta claramente visible no cadro de 1960 Muller saíndo do psicanalista, do que, nunha carta ao seu irmán mencionou o seguinte:
Ata o final da súa vida non conseguiu vivir da pintura. Sempre realizou traballos artísticos de supervivencia, sobre todo como ilustradora publicitaria. Tamén pintou instrumentos musicais e mobles; realizou os decorados do filme La aldea maldita, de Florián Rey; falsificou por encargo cadros de Giorgio de Chirico e deseñou traxes e tocados para teatro e ballet xunto a Leonora Carrington e Marc Chagall.
Faleceu o 8 de outubro de 1963 na Cidade de México dun infarto de miocardio. No seu estudio atopábase a última obra que pintou, Natureza morta resucitando, e o esbozo do que ía ser o seu seguinte cadro, Música do bosque. Á súa morte, André Breton escribiu: “O surrealismo reclama toda a obra dunha feiticeira que se foi demasiado pronto”.
Obra miniatura|Exposición de Varo en México. Remedios Varo está considerada unha artista da alquimia dedicada a facer revivir mundos que na súa pintura xorden dos contos de fadas do inconsciente, destaca na recuperación da súa memoria a xornalista cultural e investigadora española Mercè Ibarz. A obra da pintora é vasta e complexa cun estilo característico e facilmente recoñecible.
Na súa obra aparecen con frecuencia figuras humanas estilizadas realizando tarefas simbólicas, nas que se teñen á vez elementos oníricos e arquetípicos. Da súa obra, Ascensión ao monte análogo de 1960 a artista comentou:
A súa obra completa está tinxida dunha atmosfera de misticismo, plasmado nas figuras representativas do mundo secular moderno. A súa pintura está puntualizada por un marcado interese pola iconografía científica, por iso anos despois as obras da pintora foron retomadas cada vez con máis frecuencia na literatura de divulgación.
Os seus lenzos están realizados coa minuciosidade dun ourive e reflicten a unidade cósmica e as interconexións entre diferentes planos da realidade: a materia e o espírito, o mundo animal, o humano e o vexetal. Outro dos seus grandes temas, que fascinou os surrealistas, é o da muller maga, máis ligada ao inconsciente cós homes e dotada de poderes superiores. A súa orixinalidade reside en que as empraza no ámbito doméstico.
Remedios Varo foi das primeiras mulleres artistas que introduciu e popularizou o seu traballo en México, grazas ás súas relacións persoais con outras artistas radicadas aló, como a pintora británica Leonora Carrington, con quen mantivo unha boa amizade, e outros membros da elite artística e intelectual mexicana de mediados do século XX.
Os seus cadros, moitos dos cales están conservados no Museo de Arte Moderno da Cidade de México, foron expostos en numerosas ocasións en exposicións temporais. Xunto coa obra doutras mulleres surrealistas presentáronse cadros populares de Varo en In Wonderland, exposición do Museo de Arte Moderno a finais do 2012 e principios do 2013.
A súa obra tivo un grande impacto no mundo da arte especialmente en México, o país que a acolleu e onde a imaxe de Remedios Varo se popularizou. En España a pesar dalgunhas homenaxes en Barcelona en 2008 a súa obra é menos coñecida.
Traballos representativos miniatura|Roulotte, 1955. miniatura|Detalle de A fuxida, 1961. 1935 O Tecido dos Soños 1942 Gruta Máxica 1947 Paludismo (Libélula) 1947 O Home da Gadaña (Morte no Mercado) 1947 A Batalla 1947 Insomnio I 1947 Amibiasis ou os Vexetais 1955 Simpatía ou a Rabia do gato 1955 Ciencia inútil ou o Alquimista 1955 Ermitán meditando 1955 A Revelación ou o Reloxeiro 1955 Trasmundo 1955 O Frautista 1955 O Paraíso dos Gatos