A terapia hormonal para transxénero é unha forma de terapia hormonal na que hormonas sexuais e outros medicamentos hormonais son administrados a individuos transxénero ou desconformes co seu xénero co propósito de aliñar mellor as súas características sexuais secundarias á súa identidade de xénero. Esta forma de terapia hormonal é dada como un de dous tipos, baseado en se o obxectivo do tratamento é para feminización ou masculinación:
Terapia hormonal de feminización, para mulleres transxénero ou persoas transfemininas; consistente en estróxenos e antiandróxenos Terapia hormonal de masculinización, para homes transxénero ou persoas transmasculinas; consistente en andróxenos
Algunhas persoas intersexo tamén se poden someter a terapia hormonal, ou no comezo da infancia para confirmar o sexo ó que foron asignados ó nacer, ou posteriormente, co fin de aliñar o seu sexo á súa identidade de xénero. Persoas de xénero non binario tamén se poden someter a terapia hormonal a fin de alcanzar un equilibrio hormonal de hormonas sexuais.
Requisitos Os requisitos formais para a terapia de substitución hormonal varían moito.
Os Standards of Care for the Health of Transsexual, Transgender, and Gender Nonconforming People, en galego "Normas de atención á saúde das persoas transexuais, transxénero e de xénero non conforme", (SOC) requiren que o paciente sexa enviado a un profesional da saúde mental que o diagnostique con disforia de xénero persistente. Os estándares requiren tamén que o paciente dea o consentimento informado, é dicir, que acepte o tratamento logo de estar plenamente informado dos riscos asociados.
Algunhas organizacións de saúde LGBT (especialmente o Howard Brown Health Center de Chicago) defenden un modelo de consentimento informado onde o paciente só debe demostrar que entende o risco e acepta o procedemento para acceder á terapia hormonal.
Algúns individuos optan por auto-administrar a súa medicación ("fágao vostede mesmo", DIY) porque non teñen acceso a atención médica axeitada (ou os médicos dispoñibles non teñen a experiencia necesaria ou o paciente non pode pagar a atención desde os procedementos relacionados coa transición xa que son prohibitivamente caros e raramente están cubertos por un seguro de saúde). Non obstante, a autoadministración das hormonas é potencialmente perigosa. Os individuos que buscan médicos que teñan coñecemento e que desexen tratar pacientes transxénero poden consultar grupos de apoio de transxéneros ou un directorio de médicos respectuoso con persoas LGBT.
Seguridade Na literatura médica demostrouse que a terapia hormonal para os individuos transxénero é segura cando é supervisada por un profesional médico cualificado.
Segundo informes, un estudo que se presentará en ENDO 2019 (a conferencia da Sociedade Endócrina) mostra que, mesmo despois dun ano de tratamento coa hormona testosterona, un home transxénero pode preservar o seu potencial de fertilidade.
Elexibilidade A elexibilidade determínase mediante unha ferramenta de diagnóstico importante, como a ICD-10 ou o Diagnostic and Statistical Manual of Mental Disorders, en galego "Manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais" (DSM).
ICD-10 O sistema ICD-10 require que os pacientes teñan un diagnóstico de transexualidade ou trastorno de identidade de xénero da infancia. Os criterios para a transexualidade inclúen: Un desexo de vivir e ser aceptado como membro do sexo oposto, normalmente acompañado dunha sensación de rexeitamento ou inadecuación do sexo anatómico. Un desexo de realizar cirurxía e tratamento hormonal para que o corpo sexa o máis congruente posible co sexo preferido.
Os individuos non poden ser diagnosticados con transexualidade se se cre que os seus síntomas son o resultado doutro trastorno mental, ou dunha anormalidade xenética ou cromosómica.
Para que un neno sexa diagnosticado con trastornos de identidade de xénero da infancia baixo criterios de ICD-10, debe estar pre-pubescentes e ter angustia intensa e persistente por ser do sexo oposto. A angustia debe estar presente durante polo menos seis meses. O neno debe: Ter unha preocupación polas actividades estereotipadas do sexo oposto -amosado por transformismo, simulando a roupa do sexo oposto ou un intenso desexo de participar nos xogos e pasatempos do sexo oposto- e rexeitar os xogos e pasatempos estereotipados do seu mesmo sexo, ou Ter unha negación persistente relacionada coa súa anatomía. Isto pódese demostrar a través da crenza de que crecerán para ser o sexo oposto, que os seus xenitais son desagradables ou desaparecerán, ou que sería mellor non ter os seus xenitais. DSM O DSM-5 afirma que polo menos dous dos seguintes criterios deben ser experimentados durante un período de polo menos seis meses para un diagnóstico de disforia de xénero:
Un forte desexo de ser de xénero distinto do xénero asignado. Un forte desexo de ser tratado como un xénero distinto do xénero asignado. Unha incongruencia significativa entre o xénero experimentado ou expresado e as características sexuais dunha persoa. Un forte desexo de ter as características sexuais dun xénero distinto do sexo asignado. Un forte desexo de desfacerse das características sexuais propias debido á incongruencia co xénero experimentado ou expresado. Unha forte convicción de que se teñen as reaccións e sentimentos típicos dun xénero distinto do xénero asignado.
Ademais, a afección debe estar asociada a sufrimento ou discapacidade clinicamente significativa.
Preparación
Algunhas organizacións, pero menos que antes, requiren que os pacientes pasen un determinado período de tempo vivindo no seu papel de xénero antes de comezar a terapia hormonal. Este período chámase ás veces experiencia de vida real. A Sociedade Endócrina declarou en 2009 que os individuos debían ter tres meses de documentados de experiencia de vida real (en inglés, Real Life Experience, RLE) ou ter unha psicoterapia durante un período de tempo especificado polo seu médico de saúde mental, xeralmente un mínimo de tres meses.
Os activistas transxénero e non conformes de xénero, como Kate Bornstein, afirmaron que a experiencia de vida real é psicoloxicamente prexudicial e é unha forma de "porteiro", impedindo ós individuos a transición durante o maior tempo posible, se non permanentemente.
Accesibilidade
Algunhas persoas transxénero escollen a autoadministración de medicamentos de substitución hormonal, moitas veces porque os médicos teñen pouca experiencia nesta área ou porque ningún médico está dispoñible. Outros autoadminístranse porque o seu médico non prescribirá hormonas sen unha carta dun psicoterapeuta afirmando que o paciente cumpre os criterios de diagnóstico e está tomando unha decisión informada de transición. Moitos terapeutas requiren polo menos tres meses de psicoterapia continua e/ou experiencia na vida real antes de escribir esa carta. Debido a que moitos individuos deben pagar a avaliación e coidados do seu propio peto, xa que non están cubertos polos seguros médicos, os custos poden ser prohibitivos.
O acceso á medicación pode ser pobre mesmo cando a asistencia sanitaria sexa gratuíta. Nunha enquisa a paciente realizada polo Servizo Nacional de Saúde do Reino Unido en 2008, o 5% dos enquisados recoñeceu que recorreron á automedicación e un 46% estaban insatisfeitos coa cantidade de tempo que tardaron en recibir terapia hormonal. O informe concluíu en parte: "O SNS debe proporcionar un servizo de fácil acceso para que os pacientes vulnerables non se sentan obrigados a recorrer a remedios de automedicación, como a compra de medicamentos en liña con todos os riscos que iso supón. Os pacientes deben poder acceder a axuda profesional e consellos para que poidan tomar decisións informadas sobre o seu coidado, tanto se desexen usar o SNS ou unha ruta privada sen poñer en perigo a súa saúde e, de feito, a súa vida". A autoadministración de medicamentos de substitución hormonal pode provocar efectos de saúde desfavorables e riscos.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Terapia hormonal Cirurxía de reasignación de sexo
Categoría:Transexualidade Categoría:Artigos sen imaxes