Billene Seyoum Woldeyes (amhárico: ቢልለኔ ሥዩም ወልደየስ), nada en Adís Abeba en 1985, é unha escritora e activista etíope. Desde 2018 é secretaria de prensa da oficia do Primeiro Ministro do su país

Traxectoria A menor de tres irmáns, sendo nena a súa familia emigrou a Harare (Zimbabwe) e o Canadá. No seu libro Transformative spaces fala da pegada da educación multinacional na súa vida: «Pasei a metade da miña vida fóra do meu país de nacemento, Etiopía. Porén, algunhas normas de Ethiopiawinet ("Etiopeidade") inxectadas en min a través da socialización se mantiveron ao longo dos anos».

Fixo os estudos secundarios en Harare, e estudou dous anos de Xestión de Mercadotecnia na Universidade Comercial de Adís Abeba. Estudou Relacións Internacionais na Universidade de Columbia Británica, en Vancouver, entre 2004 e 2008. Na Universidade para a Paz estudou un mestrado en Xénero e Construción da Paz, e na Universidade de Innsbruck un mestrado en Paz, Seguridade, Desenvolvemento e Transformación dos Conflitos Internacionais.

A finais de 2010 regresou a Adís Abeba, e pouco despois comezou o blog EthiopianFeminism, renomeado en 2012 como AfricanFeminism. Desde esta plataforma difunde a obra de escritoras africanas feministas. Desde 2010 publicou en diversas publicacións, como Pambazuka News, sobre os dereitos da muller e os dereitos da nena.

En 2011 formou un colectivo poético de spoken word chamado Zemneged-Andinet, "desde un lugar de unidade" en lingua amhárica. Nel colaboran artistas en amhárico e inglés, e actúan en locais de Adís Abeba.

Entre 2011 e 2013 traballou no programa de formación no Instituto de Paz e Estudos de Seguridade - Africa Peace en Addis Ababa. En 2013 foi elixida presidenta da Association of Women in Business (AWiB) de Etiopía. Tamén traballou como editora da revista da Association for Women’s Sanctuary and Development (AWSAD).

Foi consultora no programa de desenvolvemento agrícola Agribusiness and Market Development (AGP-AMDe) da organización ACDI/VOCA, de cara a axudar labregos e labregas do seu país. É fundadora da compañía de impacto social Earuyan Solutions.

Billene foi unha das promotoras do equilibro de xénero 50-50 no Goberno de Etiopía. Nunha carta aberta ao Primeiro Ministro Abiy Ahmed publicada no xornal The Reporter, Billene Seyoum Weldeyes e Sewit Hailesellasie Tadesse defendían a equidade de xénero e facían algunhas propostas para levala a cabo. Entre elas, a creación dun equilibrio de xénero 50-50 no gabinete ministerial, no grupo de conselleiros do Primeiro Ministro, e no Foro de Defensa dos Dereitos da Muller. Ahmed nomeou 10 ministras cando formou goberno o 16 de outubro de 2018. En novembro de 2018 foi contratada como secretaria de prensa da oficina do Primeiro Ministro, despois da desaparición da Oficina de Asuntos de Comunicación do Goberno. En xaneiro de 2019 Nigussie Tilahun pasou a levar a sección de amhárico, e Billene seguiu coas seccións de lingua inglesa e medios dixitais.

Diversas plataformas sinalaron a preferencia de Billene por non ser nomeada co título de Weizero ou Weizerit (entendible como "Señora" ou "Señorita").

Obra

Transformative spaces: enabling authentic female leadership through self transformation - the case of AWiB (ensaio, 2014)

A súa obra poética inclúe poemas como "Things I Imagine Telling My Daughter", "Make It Happen", "From Foetus to Woman"., "Petals of Pride" ou "Cracking Fragility" Notas

Categoría:Nados en Adís Abeba Categoría:Nados en 1985 Categoría:Feministas de Etiopía Categoría:Escritores de Etiopía Categoría:Escritores en lingua inglesa