O anduriñón mongol ou andoriñón mongol (Hirundapus caudacutus) é un cirrio de gran tamaño do xénero Hirundapus.

Descrición É un cirrio grande cun corpo robusto con forma de barril. Mide uns 20 cm e pesa entre 110 e 120 g. É de cor marrón cincenta excepto na gorxa, que é branca, e unha mancha branca que se estende desde a base da cola aos flancos. Ten unha cola que termina nunha prolongación fina como unha espiña; a cola non está forcada como é o típico nas especies do xénero Apus.

Historia natural Constrúe os seus niños en gretas entre as rochas en cantís ou en árbores ocos. Non lle gusta estar en terra e pasa a maior parte do tempo no aire. Teñen patas moi curtas, que usan esencialmente para agarrarse a superficies xeralmente inclinadas e verticais. Aliméntase de insectos voadores como escaravellos, moscas, abellas e avelaíñas.

É unha ave migratoria que se reproduce en Asia central e sur de Siberia, e pasa o inverno no sur no subcontinente indio, sueste asiático e Australia. É unha rara ave errante en Europa occidental e foi rexistrada en Noruega, Suecia e Gran Bretaña, e tamén hai rexistros dela en Galicia como ave accidental rara.

Atribúenselle velocidades en voo horizontal de ata 170 km/h, pero non están ben verificadas porque os métodos usados para medir a súa velocidade non foron publicados.

Etimoloxía e nome Foi descrito polo ornitólogo inglés John Latham en 1801 co nome binomial Hirundo caudacuta. O seu xénero actual Hirundapus formouse a partir dos nomes do xénero das anduriñas, Hirundo, e do xénero dos cirrios, Apus. O nome específico caudacutus significa en latín 'cola aguda ou en punta', do latín cauda e acutus.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Categoría:Apódidos Categoría:Animais descritos en 1801