Star Wars Episode III: Revenge of the Sith é un filme de 2005 escrito e dirixido polo estadounidense George Lucas. É o sexto filme da saga A guerra das galaxias e o terceiro en orde cronolóxica interna da saga.

Sinopse

O destino de toda unha xeración decidirase agora. Anakin será tentado polo lado escuro, a través de Palpatine, quen utilizará a desesperación e o amor de Anakin por Padmé para conseguir o seu propósito.

A película comeza cunha batalla sobre o planeta Coruscant. O Chanceler Palpatine está retido polo Conde Dooku, e os Jedi Anakin Skywalker e máis Obi-Wan Kenobi teñen a misión de rescatalo. Durante o rescate, Anakin Skywalker mata o Conde Dooku. Padmé, casada en segredo con Anakin, está embarazada. O Chanceler nomea a Anakin o seu representante no Consello Jedi. Anakin ten un soño no que ve a Padmé morrer no parto. Padmé, ó escoitar o seu soño, cálmao e pídelle que o esqueza, que só é un mal soño.

Para evitar que o seu fatídico soño se converta en realidade, déixase seducir polo Lado Escuro da Forza, converténdose no discípulo do Lord dos Sith, Darth Sidious, que é o Chanceler da República Galáctica, quen o nomea Darth Vader.

Cando está a piques de rematar a Guerra dos Clons, despois dunha traizoeira batalla contra Mace Windu, o Chanceler autoproclámase no Senado como Emperador do novo Imperio Galáctico. Ordena executar a orde 66, coa que as tropas Clon asasinan todos os Jedi e os seus Padawans, excepto os mestres Yoda e Obi-Wan Kenobi, que estaban en misións de guerra. Yoda loita contra o Emperador, pero non consegue matalo e foxe ó exilio.

Obi-Wan descobre a traizón de Anakin e intenta buscalo a través de Padmé, quen desconsolada intenta negar a verdade que escoita de Obi-Wan.

Nun intento desesperado por retornar o seu amado Anakin ó lado do ben, Padmé viaxa a Mustafar, sen saber que Anakin asasinou non só parte dos Jedi e os seus padawans, senón tamén todos os conspiradores aliados a Palpatine, caendo así máis e máis profundo nas gadoupas do lado escuro.

Ó encontralo, Vader ofrecerá a Padmé que permaneza ó seu carón e xuntos gobernaren a galaxia. Padmé rexeita a oferta e suplica a Anakin que esqueza todo e fuxa canda ela a Naboo e críen xuntos o seu fillo mentres o ven medrar no seu fogar xunto ó lago, onde naceu o seu amor. Vader négase, obsesionado co poder e cegado polo lado escuro.

Obi-Wan, quen viaxaba oculto na nave de Padmé, encontra a Vader. Vader pensa que Padmé o traizoou e comézaa a asfixiar co terrible poder do lado escuro. Obi-Wan deteno só para comezar unha loita a morte con el. A loita será épica: o mestre contra o alumno. Os que antes eran amigos decidirán o destino da galaxia nesta batalla.

Obi-Wan fere gravemente a Vader e déixao para que arda nun río de lava. Posteriormente o Emperador rescátao e péchao nunha armadura negra, para que poida sobrevivir.

Finalmente, Padmé, sabendo que Anakin é xa un Lord dos Sith, perde as ganas de vivir e morre no parto. Antes de morrer, Padmé pode ver os seus fillos e ponlles os nomes de Luke e Leia... a nova e última esperanza contra as forzas escuras. Os seus dous fillos xemelgos son separados por decisión de Yoda e Obi-Wan. Leia será adoptada polo Senador Bail Organa de Alderaan, para criala xunto coa súa esposa. Mentres Obi-Wan leva a Luke cos seus tíos Owen e Beru, en Tatooine.

Obi-Wan parte só e ocúltase no deserto para prepararse e esperar a que os derradeiros folgos contra o malvado Imperio Galáctico crezan e poidan facerlle fronte e así volva a paz, a liberdade e maila xustiza á galaxia

Elenco Ewan McGregor (Obi-Wan Kenobi). Hayden Christensen (Anakin Skywalker / Darth Vader). Natalie Portman (Senadora Amidala / Padmé Naberrie-Skywalker). Ian McDiarmid (Chanceler Supremo / Emperador Palpatine / Darth Sidious). Samuel L. Jackson (Mace Windu). Christopher Lee (Conde Dooku / Darth Tyrannus). Anthony Daniels (C-3PO). Kenny Baker (R2-D2). Peter Mayhew (Chewbacca). Frank Oz (voz de Yoda). Jimmy Smits (Senador Bail Organa). Genevieve O'Reilly (Senador Mon Mothma). Ahmed Best (Jar Jar Binks). Jay Laga'aia (Capitán Typho). Joel Edgerton (Owen Lars). Oliver Ford Davies (Gobernador Whitesun-Lars). Temuera Morrison (Comandante Cody / Comandante Thire / Comandante Bly). Keisha Castle-Hughes (Raíña Apailana). Rebecca Jackson Mendoza (Raíña de Alderaan). Mary Oyaya (Luminara Unduli). Bruce Spence (Tion Medon). Kee Chan (Senador Male-Dee). Bai Ling (Senadora Bana Breemu). Warren Owens (Senador Fang Zar). Rena Owen (Senadora Nee Alavar). Christopher Kirby (Senador Giddean Danu). Matt Sloan (Plo Koon). Rohan Nichol (Capitán Antilles). Matthew Wood (voz do Xeneral Grievous). James Earl Jones (voz de Darth Vader). George Lucas (Barón Papanoida).

Véxase tamén Ligazóns externas Sitio oficial do Episodio III

Categoría:Filmes de 2005 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes con banda sonora de John Williams Categoría:Filmes de guerra e ciencia ficción dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes de Star Wars Categoría:Filmes de 20th Century Fox Categoría:Filmes de Elstree Studios Categoría:Filmes rodados en Tailandia Categoría:Filmes rodados na China Categoría:Filmes rodados en Australia Categoría:Filmes rodados en Sidney Categoría:Filmes rodados en Italia Categoría:Filmes rodados en Suíza Categoría:Filmes sobre vinganza Categoría:Filmes distópicos Categoría:Filmes sobre clonación Categoría:Filmes sobre o embarazo Categoría:Filmes dirixidos por George Lucas Categoría:Secuelas de filmes dos Estados Unidos de América