Raquel Lesteiro López, nada en Pontevedra o 29 de agosto de 1902 e finada en Bilbao o 24 de xullo de 1967, foi unha hispanista e arquiveira galega, membro da Sección Hispanoamericana do Centro de Estudos Históricos e Directora do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.

Traxectoria Formación e docencia Filla de Manuel Lesteiro Martínez e Ramona López Franco. En 1921 trasladouse a Madrid para instalarse na Residencia de Señoritas de María de Maeztu. Licenciouse na Sección de Historia de Filosofía e Letras pola Universidade de Madrid en 1925, sendo unha das poucas mulleres universitarias da súa época, e só un ano despois obtivo o grao de doutora en Filosofía e Letras. Durante a súa etapa como estudante converteuse nunha das primeiras cen socias do Ateneo de Madrid e compartiu vivenda por un breve espazo de tempo con Victoria Kent antes de fixar a súa residencia definitivamente no número 64 da rúa Núñez de Balboa.Ateneo de Madrid. Listado de socios anteriores a 1 de abril de 1939. Referencia: ES 28079 AAM 01.01-03

Ao rematar o doutoramento, exerceu durante dous anos como profesora de Lingua Española no Instituto-Escuela de Madrid, onde ademais de compartir claustro con Dámaso Alonso, Navarro Tomás, Sánchez-Albornoz, Gili Gaya e Amado Alonso coñeceu ao historiador Ramón Iglesia, con quen casou en 1928. Ese mesmo ano, ao gañar o seu home e ela cos números dous e un respectivamente as prazas convocadas pola Junta de Ampliación de Estudios para leitorados no estranxeiro, trasladáronse a Suecia como lectores de Lingua Española na Universidade de Gotemburgo, onde permaneceron durante dous cursos.

Etapa americanista De regreso a Madrid entrou a formar parte do Centro de Estudios Históricos, dirixido por Menéndez Pidal, que fora o seu profesor na universidade. Foi con Ramón Iglesia e Ángel Rosenblat un dos tres especialistas en estudos lingüísticos e literarios que Américo Castro elixiu para encabezar a recentemente fundada Sección Hispanoamericana e compoñer o equipo de redacción da súa revista, Tierra Firme, co cometido de fomentar a memoria cultural dos pobos de fala española.

En 1932 comezou a traballar co seu home na primeira edición crítica da Historia verdadera de la conquista de la Nueva España de Bernal Díaz del Castillo. O proxecto quedou inconcluso a causa do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, e coa desaparición do Centro de Estudios Históricos pasou a mans do CSIC.

Actividade como arquiveira En 1933 iniciou a súa carreira de arquiveira ao acceder por oposición ao Corpo Auxiliar de Arquiiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, adscrita en comisión á Biblioteca de Dereito e á Biblioteca de Filosofía e Letras da Universidade de Madrid, e dende 1935, ao Arquivo Histórico de Ávila. Durante esta etapa converteuse nunha das socias fundadoras da Asociación de Bibliotecarios e Bibliógrafos de España, e participou activamente na difusión das Misións Pedagóxicas en Galicia. En 1941 por oposición, entrou no Corpo Facultativo e regresou a Pontevedra como Xefa do Arquivo da Delegación de Facenda na cidade, cuxa dirección alcanzou en 1954.

En 1955 foi nomeada directora do Arquiivo Histórico Provincial de Pontevedra, sucedendo no cargo a Enrique Fernández-Villamil como segunda directora na historia da institución ata a súa xubilación. Como directora do Arquivo publicou varios artigos sobre os seus fondos e traballos de catalogación, incorporou os libros das antigas Contadurías de Hipotecas, e deixou o legado de ter emprendido e supervisado o traslado do Arquivo á súa sede actual na Casa dos Fonseca en 1960, o que permitiu a incorporación de protocolos centenarios e documentación da Delegación de Facenda, especialmente a correspondente ao Real de Legos do Catastro de Ensenada.

Obra El Archivo Histórico Provincial de Pontevedra (1962). Madrid: Tipografía Moderna.

Vida persoal

Irmá de Manuel Lesteiro López. Casou con Ramón Iglesia Parga en xuño de 1928.El Diario de Pontevedra, 28-6-1928, p. 2. Foi tía terceira do médico e político José María David Suárez Núñez. Amiga persoal de Dámaso Alonso, que foi padriño da súa primeira filla. A súa filla María-Fernanda Iglesia Lesteiro, casou co poeta Gregorio San Juan, foi profesora da Universidade de Madrid e da Universidade de Deusto, e a primeira directora da Biblioteca da Universidade do País Vasco. Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Raquel Lesteiro na páxina web do proxecto Do Gris ao violeta.

Categoría:Arquiveiros de Galicia Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1902 Categoría:Finados en 1967 Categoría:Misiones Pedagógicas Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes