A batalla de Tampere tivo lugar entre o 15 de marzo e o 6 de abril de 1918 na cidade finlandesa de Tampere no marco da guerra civil finlandesa. A batalla, na que se enfrontaron Brancos e Vermellos, é a máis coñecida e a máis dura das libradas durante a contenda. Na batalla participaron máis de 30 000 combatentes, o que a converteu nunha das maiores batallas da historia dos países nórdicos. Hoxe é lembrada especialmente polas súas sanguentas consecuencias, xa que os Brancos executaron centos de Vermellos capitulados e tomaron 11 000 prisioneiros no campo de Kalevankangas.

A caída de Tampere, o maior centro industrial de Finlandia, marcou o principio da fin da República Socialista dos Traballadores de Finlandia, establecida no sur do país, e a guerra tornouse mesmo máis violenta con episodios de terror por parte de ambos os bandos, con masacres dunha parte e represalias como resposta pola outra.

Antecedentes Na década de 1910, Tampere era a terceira cidade máis grande de Finlandia cunha poboación de aproximadamente 60 000 habitantes, incluídos os suburbios. Era a cidade máis industrializada en Finlandia e era considerada a capital do movemento obreiro finlandés. Tampere xogara un papel central na folga xeral de 1905, e a cidade era unha fortaleza para os sindicatos e o Partido Socialdemócrata.

En Tampere a Garda Vermella fíxose co poder a máis tardar a finais de xaneiro de 1918. Xa en decembro a Casa dos Traballadores de Tampere acolleu unha reunión á que asistiron os líderes das Gardas Vermellas de todo o sur de Finlandia, na que e se encontraban entre os presentes Hugo Salmela e Viktor Ripatti da Garda Vermella de Lappeenranta. Durante os dous meses e medio de milicia as tropas de Tampere loitaron nas frontes de Vilppula e Ikaalinen. A poboación simpatizante co bando Branco foi sometida a inspeccións de vivendas e rexistros de armas en Tampere. Na cidade houbo pouco terror Vermello, mais producíronse algúns asasinatos cometidos por gardas de fóra da cidade. Con todo os ánimos, acendéronse principalmente polo masacre de Sinula o 28 de xaneiro. Tamén en Tampere o industrial Kaarlo Granat foi asasinado pola Garda Vermella de Turku. Ao mesmo tempo disparáronlle ao deputado Ernst Saari en Pyynikillä e ao propietario dunha vila en Pispala en nome dos Brancos o 29 de marzo.

Cando comezou a guerra civil a finais de xaneiro de 1918, os Vermellos atacaron o importante nó ferroviario de Haapamäki, situado 100 km ao norte de Tampere. A fronte axiña se estableceu a 50–60 km ao norte de Tampere e a fronte de Tavastia converteuse no principal escenario da guerra. A gran poboación de clase traballadora e as conexións ferroviarias fixeron de Tampere a principal base da Garda Vermella, anda que o goberno vermello traballaba en Helsinqui. A Garda Vermella de Tampere tiña máis de 6 000 membros, incluídas 300 mulleres.

En febreiro de 1918, o xeneral Mannerheim deliberou sobre onde poñer o foco da ofensiva xeral dos Brancos. Había dúas fortalezas inimigas estratéxicas vitais: Tampere, a maior cidade industrial de Finlandia no suroeste, e Viipuri, a principal cidade de Carelia. Aínda que apoderarse de Viipuri ofrecía moitas vantaxes, o seu exército falto de habilidades de combate e o potencial dun gran contraataque polos Vermellos na área ou no suroeste facíano demasiado arriscado.

A batalla Mannerheim decidiu atacar primeiro Tampere. Lanzou o principal asalto o 16 de marzo de 1918, en Längelmäki, a 65 km ao nordeste da cidade, a través do flanco dereito da defensa dos Vermellos. Ao mesmo tempo, os Brancos atacaron a través da primeira liña da fronte norte de Vilppula–Kuru–Kyröskoski–Suodenniemi. Aínda que os Brancos non estaban afeitos á guerra ofensiva, algunhas unidades da Garda Vermella colapsaron e retrocederon en pánico baixo o peso da ofensiva, mentres que outros destacamentos Vermellos defenderon as súas posicións ata o final e foron capaces de frear o avance das tropas Brancas. Finalmente, os Brancos sitiaron Tampere. Cortaron a conexión dos Vermellos cara ao sur en Lempäälä o 24 de marzo e cara ao oeste en Siuro, Nokia, e Ylöjärvi o 25 de marzo.

Na batalla de Tampere loitaron entre 16 000 soldados Brancos e 14 000 Vermellos. Foi a primeira batalla urbana a grande escala de Finlandia e un dos catro enfrontamentos militares máis decisivos da guerra. A loita pola área de Tampere comezou o 28 de marzo, na véspera da Pascua de 1918, posteriormente chamado "Xoves Santo sanguento", no cemiterio de Kalevankangas. O Exército Branco non conseguiu unha vitoria decisiva no feroz combate e sufriu máis do 50 % de perdas nalgunhas das súas unidades. Os Brancos tiveron que reorganizar as súas tropas e plans de batalla, logrando atacar o centro da cidade nas primeiras horas do 3 de abril.

Logo dun bombardeo de artillaría pesado e concentrado, as Gardas Brancas avanzaron de casa en casa e de rúa a rúa, mentres que as Gardas Vermellas se retiraban. Na tardiña do 3 de abril os Brancos chegaron á beira oriental dos rápidos do Tammerkoski. Os intentos dos Vermellos de romper o asedio de Tampere dende o exterior a través da liña ferroviaria Helsinqui-Tampere fracasaron. As Gardas Vermellas perderon as partes occidentais entre o 4 e o 5 de abril. A casa do concello de Tampere estaba entre os últimos bastións Vermellos. A batalla finalizou o 6 de abril de 1918 coa rendición das forzas Vermellas nas sección de Pyynikki e Pispala en Tampere.

Os Vermellos, agora á defensiva, amosaron unha motivación maior para loitar durante a batalla. O xeneral Mannerheim viuse obrigado a despregar algúns dos destacamentos Jäger, inicialmente destinados a ser conservados para o seu uso posterior na área de Viipuri. A batalla de Tampere foi a acción máis sanguenta da guerra civil. O Exército Branco perdeu de 700 a 900 combatentes, incluídos 50 Jägers, o maior número de mortes que sufriu o batallón Jäger nunha soa batalla da guerra de 1918. As Gardas Vermellas perderon de 1 000 a 1 500 combatentes, con outros 11 000–12 000 capturados. 71 civís morreron, principalmente a causa do fogo de artillaría. As partes orientais da cidade, que consistían principalmente en edificios de madeira, foron destruídas por completo.

Sitio de Tampere Como as ofensivas vermellas fracasaron a finais de febreiro e principios de marzo, os brancos lanzaron a súa operación contra Tampere o 15 de marzo. O obxectivo era rodear as tropas vermellas na fronte de Tavastia e logo invadir Tampere. Producíronse intensos combates en Jämsä, Orivesi, Ruovesi e Vilppula. Os máis feroces foron a batalla de Länkipohja en Jämsä o 16 de marzo e a batalla de Orivesi dous días despois. A fronte vermella colapsou e as tropas retiráronse a Tampere, Onde os Vermellos contaban entón cuns 15 000 combatentes. En lugar de capitular, os Vermellos decidiron defender a cidade o maior tempo posible. Os Brancos chegaron a Tampere o 23 de marzo e sitiaron a cidade con 17 000 homes na maior operación militar da guerra. Libráronse batallas relacionadas nas áreas de Ylöjärvi, Pirkkala, Messukylä, Aitolahti, Lempäälä, Vesilahti e Tottijärvi, así como máis ao oeste na Fronte de Satakunta en Karkku e Hämeenkyrö.

O 23 de marzo os Brancos aproximáronse a Tampere dende o nordés e enfrontáronse coa defensa Vermella en Vehmainen, 10 quilómetros ao leste da cidade. Durante os seguintes dous días, os Brancos atacaron tamén o suburbio de Messukylä no sueste e a vila de Lempäälä, situada 15 quilómetros ao sur de Tampere, mais foron repelidos. A artillaría Branca comezou a disparar sobre a cidade e os Vermellos foron obrigados a evacuar o distrito traballador de Tammela, ao leste da cidade. Os brancos capturaron a vila de Kangasala, a 15 quilómetros ao leste de Tampere, mais empregando un tren blindado 300 Vermellos conseguiron abrirse paso entre as tropas Brancas que avanzaban e fuxiron a Messukylä. A noite do 24 de marzo os Vermellos perderon finalmente Lempäälä. Os Brancos agora podían cortar a liña ferroviaria Riihimäki–Tampere, a principal liña de subministración Vermella.

Os Brancos completaron o asedio o 26 de marzo tomando a estación ferroviaria de Siuro na liña ferroviaria a Pori, 20 quilómetros ao oeste de Tampere. O mesmo día, os Vermellos deixaron os seus postos defensivos en Messukylä, formando unha nova liña defensiva ao lado do distrito de Kaleva. Os Brancos tamén lograron capturar Ylöjärvi, situado 10 quilómetros ao noroeste de Tampere. Logo de tomar Ylöjärvi, os Brancos inmediatamente continuaron o ataque no lado occidental da cidade en Epilä e no sur en Hatanpää, mais sufriron fortes pierdas e foron rexeitados. Pola súa banda, os Vermellos lanzaron un contraataque de 3 000 homes en Lemäälä, baixo o mando de Eino Rahja. As Gardas Vermellas de Turku e Yläne tentaron un avance simultáneo ao longo da liña ferroviaria que se dirixía a Helsinqui polo sur. Morreron máis de 30 combatentes e o tren blindado tivo que retroceder. O 27 de marzo, a loita continuou na área de Messukylä–Kaleva, así como en Epilä e Lempäälä. miniatura|Soldados vermellos feridos nun hospital.

Xoves Santo Sanguento: 28 de marzo O 28 de marzo, os Brancos sufriron o maior número de Baixas nun día na guerra ata o momento, no que posteriormente foi coñecido como "Xoves Santo Sanguento". Os Brancos completaron unha grande ofensiva para finalmente entrar na cidade. A loita concentrouse nas áreas do Cemiterio de Kalevankangas e o Hipódromo ás aforas do leste de Tampere. O ataque iniciouse ás 9:00 am. Logo de sete horas de loita, os Brancos conseguiron repeler as Vermellos do distrito de Kaleva, mais non puideron chegar á cidade.

En lugar da Garda Branca paramilitar, o Exército Branco agora empregada tropas compostas por recrutas e lideradas por oficiais Jäger. Os recrutas eran máis doados de comandar e enviar a unha dura batalla que os Gardas Brancos voluntarios. En lugar da desobediencia, o problema agora era a falta de experiencia no campo de batalla que á vez significaba grandes perdas. Tres batallóns Brancos tiveron canto menos 200 baixas, as baixas totais foron superiores ao 50% das súas forzas en mortos ou feridos. Tamén a voluntaria Brigada Sueca e as tropas Jäger adestradas en Alemaña sufriron fortes baixas. Os suecos estaban vestidos con trajes brancos de camuflaxe para a neve, o que os convertía nun branco doado, xa que apenas había neve. Os Jägers levaban uniformes verdes que destacaban facilmente entre os soldados vestidos de gris. Como resultado, a forza de 400 efectivos da Brigada Sueca perdeu 20 integrantes e as tropas Jäger 27 oficiais.

Ao longo do día, os Vermellos mataron a entre 50 e 70 combatentes. O líder Vermello Hugo Salmela morreu logo de que unha granada de man estoupara accidentalmente no seu cuartel xeral. Foi sucedido por Verner Lehtimäki. Segundo o xornalista francés Henry Laporte, Lehtimäki conduciu no seu coche dun lado a outro ao longo das liñas Vermellas para alentar aos seus homes. Laporte era un oficial retirado que regresaba dunha misión oficial en Rusia. Máis tarde describiu as súas experiencias na batalla de Tampere no libro de 1929 Le Premier Échec des Rouges.

Logo do ataque frustrado, os Brancos detiveron a súa ofensiva durante os seguintes cinco días. Só a artillaría golpeaba a cidade. O fogo de artillaría matou canto menos a 20 civís, algúns deles neutrais ou simpatizantes dos Brancos, e destruíu os barrios de clase trabalhadora de Tammela e Kyttälä case por completo. Durante este período de cinco días, a loita continuou en Lempäälä, onde os Vermellos aínda tentaban desesperadamente abrirse camiño. miniatura|Voluntarios suecos.

A batalla na cidade