A historia da URSS comezou en decembro de 1922 ao establecerse a Unión das Repúblicas Rusas, Ucraínas, Belarusas e Transcausianas (Xeorxia, Azerbaidján e Armenia) xa cos bolxeviques dirixindo os soviets (asembleas) de cada nación e sendo os vencedores na guerra civil rusa posterior á Revolución de Outubro.

Primeiros anos

Apenas consolidado o poder revolucionario, o II Congreso dos Soviets elixiu un Goberno de comisarios do pobo, presidido por Lenin. O problema da paz coa Alemaña provocou un primeiro enfrontamento de Lenin coa «oposición de esquerdas», que, confiada na extensión da Revolución por Europa, agardaba a transformación das hostilidades coa Alemaña nunha guerra revolucionaria. Prevaleceu a posición de Lenin de paz inmediata, e o 3 de marzo de 1918 Trotski asinou o Tratado de Brest-Litovsk. Rusia perdía Finlandia e parte dos seus territorios occidentais. A estabilización da fronte exterior permitiu a Trotski, ó mando do Exército Vermello, a desorganización dos intentos contrarrevolucionarios das rexións periféricas, fomentados polas potencias estranxeiras.

Trala derrota de Alemaña, invadiu os territorios cedidos con anterioridade e denunciou o Tratado de Brest-Litovsk, pero os países aliados reaccionaron cun incremento da axuda contrarrevolucionaria, e tropas checas, turcas e británicas colaboraron cos rusos brancos e os cosacos nos propósitos da restauración monárquica.

En 1920 o Goberno de Moscova recoñeceu a independencia de Estonia, Lituania, Letonia e Finlandia, e debeu ceder Belarús e Ucraína a Polonia. Ante a imposibilidade dunha derrota bélica do réxime soviético, os países capitalistas decidiron establecer un «cerco sanitario» que paralizara a propagación revolucionaria. A situación da guerra civil e o desmantelamento da industria provocaron as medidas económicas do «comunismo de guerra» (nacionalización das empresas e do comercio interior e exterior), xerando unha caída estrepitosa da produción agrícola. Para recupera-la economía, Lenin tentou corrixi-los desaxustes e palia-lo descontento campesiño mediante a NEP (Nova Política Económica, marzo de 1921), que permitía transitoriamente o mantemento de formas económicas de certo tipo capitalista.

Despois do IV Congreso dos Soviets en 1918, no que o Partido Socialdemócrata (bolxevique) adoptou a denominación de Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS), os socialrevolucionarios e menxeviques foron expulsados das organizacións oficiais e construíuse un ríxido centralismo na organización do Partido e na administración do país. Simultaneamente, unha completa autonomía lingüística e cultural foi acordada nas rexións diferenciadas.

A desaparición de diverxencias políticas exteriores non evitou a existencia de distintas tendencias dentro do Partido. Canalizadas nun principio por Lenin, agudizáronse chegado o momento da súa sucesión (1924).

Stalin e Trotski

A oposición Stalin-Trotski, que transcendía un conflito persoal para reflectir dúas concepcións distintas do desenvolvemento do socialismo, resolveuse en favor de Stalin, co apoio de Zinoviev e Kamenev. Marxinado Trotski (xaneiro de 1925), a «edificación do socialismo nun só país» dirixida por Stalin incluía a eliminación de opoñentes de esquerda e dereita, e a existencia no Komintern dunha estratexia internacional que fixera coincidir os intereses do movemento comunista cos da Unión Soviética.

A industrialización do Estado En 1928, ante o evidente estancamento da NEP, Stalin estableceu o Gosplan (Comisión de Planificación Xeral do Estado), un órgano estatal responsable de dirixi-la economía socialista cara á industrialización acelerada. En abril de 1929, o Gosplan lanzou dous proxectos conxuntos que comezaron o proceso de industrialización do Estado. Baseándose en planos previos de Trotski, o Gosplan fixo o primeiro Plan Quinquenal ou Piatiletka (1928-32), o cal introduciu unha rigorosa planificación que deu preferencia á industria pesada sobre os bens de consumo. O Estado nacionalizou a meirande parte das empresas, poñendo en marcha un extenso programa para lograr unha rápida industrialización, mentres que na agricultura se fixo obrigatoria a colectivización das terras.

O país pasou de ser unha sociedade agraria a unha industrializada nun tempo relativamente curto, mais iso mesmo foi o que a comportou penurias económicas. A colectivización foi altamente rexeitada polos kulaks mentres o Estado se apropiaba das colleitas, particularmente en Ucraína onde aconteceu o xenocidio denominado Holodomor, co obxectivo de evitar que os campesiños as retivesen ilegalmente. Este conflito económico derivou nunha represión estatal sistemática na cal se estima que morreron varios millóns de kulaks, tanto en enfrontamentos armados como en campos de concentración. Pese á forte oposición, para 1936 cerca do 90% da agricultura estaba colectivizada, o que levou a unha caída catastrófica na produtividade gandeira, que non recuperou o nivel da NEP ata 1940.

Para consegui-las metas propostas, someteuse ós obreiros a xornadas de 16 a 18 horas diarias (baixo ameaza de procesamento por traizón) en condicións pésimas. Crese que preto de 127 mil persoas morreron entre 1928 e 1932. A produción de ferro colado, preciso para o desenvolvemento da infraestrutura industrial, ascendeu de 3,3 a 10 millóns de toneladas anuais. O carbón subiu exitosamente de 35,4 a 75 millóns de toneladas, e a produción do ferro aumentou de 5,7 a 19 millóns de toneladas. Baseado amplamente nestas cifras, O Plan Quinquenal cumprírase nun 93,7%, namentres que as partes dedicadas á industria pesada foron cumpridas nun 108%. Stalin declarou que o plan fora un éxito para o Comité Central (decembro de 1932).

A emulación socialista que acompañou ós logros económicos non estivo exenta dun «culto á personalidade» de Stalin —os seus excesos serían denunciados tempo despois— e dunha brutal violencia cara toda oposición aos planos do Réxime. A oposición no interior do Partido considerouse relacionada coas clases hostís ó socialismo. Acusados de supostos contactos con emigrados trotskistas e espías estranxeiros, importantes figuras do Partidos (Zinoviev, Kamenev, Bujarin, Rykov, Yagoda) foron xulgados nos chamados Procesos de Moscova (1936, 1938 e 1939) e executados.

A partir de aquí, a URSS conseguiu un desenvolvemento industrial e económico xusto a tempo para a segunda guerra mundial.

O Exército Vermello e a preguerra

A aceleración do rearmamento, motivada pola crecente agresividade do réxime de Hitler, condicionou a programación dun segundo Plan Quinquenal (1933-37). Simultaneamente, a prevención dun acordo entre a Alemaña nazi e as potencias occidentais fronte á URSS obrigou a Stalin a unha política conciliadora cara ás democracias burguesas (manifestada na súa actitude durante a guerra civil española e na creación das Frontes Populares) e cara a Alemaña (Pacto xermano-soviético de non agresión do 23 de agosto de 1939).

A guerra contra Polonia e Finlandia, complementado co fusilamento ou exilio de moita da xerarquía do Exército Vermello nas purgas políticas (como o caso do mariscal Tujachevski), deixaron a defensa nacional en moi mal estado. Hitler deuse de conta; así a todo, nin el nin Stalin desexaban un enfrontamento inmediato.

Hitler preferiu fundi-la Fronte Occidental antes de atacar á Unión Soviética para evitar unha guerra en dúas frontes simultáneas. Stalin, pola súa parte, tiña que pór a punto ó Exército mediante a leva forzosa e o incremento de material bélico, o que requiría un período de tempo relativamente longo.

Ademais, Stalin pensou que unha alianza coa Alemaña nazi lle daría liberdade para retomar antigas terras rusas (Estonia, Letonia, Lituania, Finlandia e Moldova).

A Grande Guerra Patria

Ao producirse a invasión do exército alemán sen previo aviso en xuño de 1941 o estado fomentou unha exaltación do patriotismo ruso, levando a guerra cara ás portas das principais cidades soviéticas, (Leningrado, Stalingrado e Moscova).

O Exército Vermello, apoiado pola poboación civil, conseguiu dete-lo avance alemán. Coa vitoria sobre a ocupación alemá en Stalingrado (1943), a moral do exército soviético aumentou aínda máis; pouco despois, Minsk e Kursk tamén foron liberadas. Trala ofensiva soviética, conseguiron a expulsión e derrota das forzas alemás e a captura de Berlín (abril de 1945).

Os resultados da guerra foron desastrosos en perdas humanas e materiais. A URSS foi o país que máis homes perdeu durante a segunda guerra mundial (27 millóns aproximadamente). No entanto, tamén anexionou 500.000 Km² de territorio.

A nova relación cos Gobernos aliados —que na Conferencia de Teherán (novembro de 1943) e na Potsdam (xullo de 1945) concederon unha «zona de influencia política» á URSS— aconsellou a Stalin a disolución do Komintern (maio de 1943). O carácter socialista dos réximes que se foron establecendo ao remata-la guerra en Europa Oriental acabou co illamento político-xeográfico da URSS.

A nova inquietude das potencias occidentais expúxose na doutrina Truman do 12 de abril de 1947, que indicaba a necesidade de frea-la «expansión soviética», iniciando a chamada «guerra fría»

A guerra fría miniatura|300px|dereita|Nikita Khrushchev (dereita) acuñou a doutrina da «coexistencia pacífica» co bloque occidental. Nesta foto, estase a entrevistar co presidente estadounidense John F. Kennedy. Stalin reaccionou instituíndo en outubro do mesmo ano o Kominform. A rachadura de relacións con Iugoslavia (1948) viuse equilibrada polo triunfo da Revolución chinesa (1949), que estendeu ó Oriente asiático a influencia soviética.

A canonización oficial das teorías de Lysenko simbolizou a presenza de certo dogmatismo cultural, pero non se repetiron as depuracións dos anos 1930.

O cuarto e o quinto Plan Quinquenal seguiron dando prioridade á industria pesada e ás grandes obras de infraestrutura. O desenvolvemento económico permitiu á URSS converterse nunha potencia nuclear (25 de setembro de 1949), o que rematou co monopolio nuclear estadounidense.

Trala morte de Stalin (5 de marzo de 1953), unha reorganización inmediata do Partido e do Goberno permitiu a reprobación dos abusos autoritarios e a eliminación dos persoeiros máis comprometidos co «culto á personalidade». Beria foi fusilado. Entrementres anunciouse no Soviet Supremo un aumento na produción de bens de consumo e baixou a tensión internacional co armisticio da guerra de Corea (xullo de 1953).

Os países baixo influencia soviética asinaron en 1955 o Pacto de Varsovia, tamén chamado Tratado de Amizade, Colaboración e Asistencia Mutua. A Unión Soviética tamén contribuíu á reconstrución europea, neutralizando o Plan Marshall dos Estados Unidos coa creación do Comecon.

Gueorgui Malenkov, o sucesor de Stalin, foi relevado das súas funcións en febreiro dese mesmo ano. Nikita Khrushchev como primeiro secretario do Partido e Bulganin como xefe do Goberno impuxeron unha nova vía á política soviética. O 2 de xuño anunciouse unha declaración de amizade recíproca entre Iugoslavia e a URSS e uns meses máis tarde disolveuse o Kominform.

A lectura do informe secreto de Jrushchov ante o XX Congreso do PCUS (25 de febreiro de 1956) sobre os erros e crimes de Stalin deu carácter público ás medidas de «desestalinización». A explosión da bomba de hidróxeno concedeu máis poder de persuasión á URSS, que durante a crise do Canal de Suez de novembro de 1956 puido invalida-las manobras colonialistas dos gobernos de Gran Bretaña e Francia. Así a todo, os progresos da «desestalinización» non se realizaron sen graves desaxustes, e os sucesos de Polonia de outubro de 1956 e de Hungría de novembro do mesmo ano provocaron a intervención do Exército Vermello, que rematou con 25-50.000 rebeldes húngaros e 7.000 soviéticos mortos. En 1957 iniciouse unha espectacular serie de experimentos espaciais, co lanzamento dun primeiro satélite artificial.