Rubén Millán Rodríguez, nado en Tomiño o 16 de febreiro de 1992, é un deportista galego que compite en piragüismo na modalidade de augas tranquilas.
Traxectoria
En 2013 participou no Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas celebrado en Montemor-o-Velho, na categoría K-2 500 metros, formando parella co ourensán Gabriel Campo e rematando en sexta posición. Ao ano seguinte competiu no Campionato Mundial de Piragüismo en Augas Tranquilas, en Moscova, xunto ao tudense Diego Piña Esteves e obtendo tamén un sexto posto. En 2015, con Gabriel Campo, participou no seu segundo mundial, en Milán, esta vez no K-2 1000 metros, rematando en novena posición.
En 2016 no Campionato de Europa en Moscova, participou en dúas categorías do K-2, 500 e 1000 metros, obtendo unha prata na primeira e un quinto posto na segunda, ambas con Gabriel Campo como compañeiro. Ao ano seguinte cambiou ao K-1 5000 metros, quedando ás portas das medallas no Europeo celebrado na cidade búlgara de Plovdiv, cun cuarto posto. Ese mesmo ano competiu en dúas categorías do Mundial da República Checa: K-1 5000 metros e K-4 1000 metros (con Óscar Carrera, Javier Cabañín e Javier Hernanz). Obtivo un quinto e un cuarto posto respectivamente.
En xuño de 2018 conseguiu un bronce no Campionato de Europa, en Belgrado, no K-4 1000, xunto a Javier Hernanz, Aitor Gorrotxategi e Pelayo Roza. Pouco despois, en agosto, logrou a súa primeira medalla mundial, no campionato celebrado en Montemor-o-Velho, ao finalizar terceiro na proba de K-4 1000 metros, xunto a Francisco Cubelos, Iñigo Peña e Pelayo Roza.
Palmarés internacional Campionato Mundial Ano Lugar Medalla Competición 2018 Montemor-o-Velho () Bronce K4 1000 mCampionato Europeo Ano Lugar Medalla Competición 2016 Moscova () Prata K2 500 m 2018 Belgrado () Bronce K4 1000 m
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Ficha do deportista na páxina do Comité Olímpico Español.
Categoría:Nados en Tomiño Categoría:Nados en 1992 Categoría:Piragüistas de Galicia