A bromodesoxiuridina (5-bromo-2'-desoxiuridina, BrdU, BUdR, BrdUrd, broxuridina) é un nucleósido sintético que é un análogo da timidina. O BrdU utilízase comunmente na detección de células en proliferación en tecidos vivos. A 5-bromodesoxicitidina e desaminada para formar BrdU.
A BrdU pode incorporarse a un ADN acabado de sintetizar de células en replicación (durante a fase S do ciclo celular durante a cal se replica o ADN), substituíndo a timidina durante a replicación do ADN. Despois poden utilizarse anticorpos específicos para a BrdU para detectar o composto químico incorporado (ver inmunohistoquímica), indicando así que células estaban replicando activamente o ADN. A unión do anticorpo require a desnaturalización do ADN, xeralmente ao expoñer as células a ácidos ou á calor.
A BrdU pode trasnmitirse dunha célula á célula filla durante a replicación. Demostrouse que a BrdU é detectable ata dous anos despois da súa infusión.
Como a BrdU pode substituír a timidina durante a replicación do ADN, pode causar mutacións, e o seu uso é, por tanto, un perigo potencial para a sáude. Porén, como non é radioactiva nin mielotóxica ás concentracións estipuladas, é moi utilizada para estudos in vivo da proliferación de células de cancro. Porén, a concentracións radiosensibilizantes, a BrdU compórtase como mielosupresora, o que limita o seu uso para radiosensibilización.
A BrdU diferénciase da timidina en que a BrdU presenta un átomo de bromo en lugar dun grupo CH3 da timidina. A substitución de Br pode utilizarse en experimentos de difracción de raios X en cristais que conteñen ADN ou ARN. O átomo de Br actúa como un dispersador anómalo e o seu gran tmaño afecta a difracción de raios X do cristal o suficiente como para detectar tamén diferenzas isomórficas.
A bromodesoxiuridina libera xenes silenciados por asociación coa histona causada pola metilación do ADN.
A BrdU pode tamén utilizarse para identificar microorganismos que respondan a substratos carbonados específicos en ambientes acuáticos e no solo. Un substrato carbonado engadido ás incubacións de mostras ambientais causa o crecemento de microorganismos que poden utilizar ese substrato. Estes microorganismos incorporarán despois a BrdU no seu ADN a medida que crecen. O ADN da comunidade pode despois ser illado e o ADN etiquetado con BrdU purificado usando unha técnica de inmunocaptura. A posterior secuenciación do ADN etiquetado pode utilizarse para identificar o taxon microbiano que participou na degradación da fonte de carbono engadida.
Porén, non é seguro que todos os microbios presentes nunha mostra ambiental poidan incorporar a BrdU na súa biomasa durante a síntese de ADN de novo. Por tanto, un grupo de microorganismos pode responder a unha fonte de carbono pero non ser detectados usando esta técnica. Ademais, esta técnica está nesgada cara a identificar microorganismos con xenomas ricos en A e T.
Notas
Véxase tamén Outros artigos 5-Bromouracilo 5-Bromouridina 5-Etinil-2'-desoxiuridina Azul Trypan
Ligazóns externas BrdU en OpenWetWare Modificación por BrdU en ADN IDT
Categoría:Nucleósidos Categoría:Tinguiduras Categoría:Organobromuros Categoría:Pirimidinadionas