Bernardino Graña Villar, nado en Cangas de Morrazo o 27 de setembro de 1932 e finado en Nigrán o 18 de xaneiro de 2025, foi un escritor galego.

Traxectoria Fillo de Bernardino Graña Refojos. Pasou a súa infancia en Cangas e Ribadavia, onde o seu pai dirixía unha academia na que coñeceu a Xesús Alonso Montero.

Aos 17 anos, Bernardino Graña quixo marchar de Galicia como polisón nun barco a Venezuela e meteuse nun bote salvavidas, pero pillárono: «Non sei por que o barco estaba vixiado pola policía, e non me deron permiso. Eu deixara aviso a un amigo para que lle dixese á miña familia que non estaba desaparecido».

Estudou Filoloxía Románica nas universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Madrid, doutorouse cunha tese sobre Miguel Torga.

Foi catedrático de lingua e literatura na educación secundaria en diversos destinos, entre eles Onda, Reus, Guadix, Zaragoza, Padrón, Sarria e Cangas, até a súa xubilación en 1991. Desde moi mozo formou parte do consello de redacción da revista poética Alba.

En Salamanca nos anos 1950, co poeta e profesor Rafael Laínez Alcalá, participou nas revistas poéticas e no faladoiro Marabunta, que organizaba recitais na Universidade salmantina na aula de Salinas e outros foros. Participou tamén como articulista en La Noche e Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta noutras publicacións, como Vieiros, Grial, Ágora, Boletín Galego de Literatura, Dorna: expresión poética galega, Grial: revista galega de cultura, Ínsula: revista de letras y ciencias humanas.

Foi parte da xinea das Festas Minervais (gañador do certame nos anos 1954, 1955, 1959 e 1969) e como tal, en 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid. Tamén foi impulsor e o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade da cal foi nomeado socio de honra no 1996 e Presidente de Honra en 2021. Cofundador do grupo Acia (Associaçao cultural das illhas Atlánticas; fundada en Madeira, Portugal). A finais dos 70, xuntamente con Antón Santamarina, Méndez Ferrín e outros, deu os primeiros pasos para a creación dun Pen Club galego.

É coautor do Apéndice Lexicográfico do Diccionario de D. Eladio Rodríguez González (1961).

Finou na Residencia Stella Maris de Nigrán o 18 de xaneiro de 2025.Falece o poeta e escritor Bernardino Graña aos 92 anosFalece aos 92 anos de idade o poeta e escritor Bernardino Graña

Ingreso na RAG O 12 de xuño de 2010 entrou a formar parte da Real Academia Galega (RAG), nun acto que se celebrou no Auditorio de Cangas e no que foi recibido por Xosé Luís Méndez Ferrín. Os contos populares e Rosalía foron o eixo do discurso de ingreso. Comezou falando da súa infancia e do ser galego, que comparou co mar e cos peixes: “Os galegos somos como os salmóns. Se queremos buscar as nosas augas puras e primixenias e seguirmos sendo como nós mesmos, se queremos sobrevivir, sermos fieis á nosa identidade, temos que deixar o ancho mar castelán e impulsarnos contra corrente”.

A RAG celebrou unha homenaxe na súa honra en marzo de 2022. Falaron Marilar Aleixandre, Víctor Freixanes, o alcalde de Nigrán, Xesús Alonso Montero (laudatio) e recitaron varios poetas.

Traxectoria literaria

Poeta Poesía de protesta civil, ecoloxismo e poemas de circunstancia en homenaxe a amigos ou admirados son temas frecuentes na súa obra. Algúns dos poemas foron convertidos en cancións de músicos como Suso Vaamonde, o dúo Mini e Mero ou o grupo de rock cangués Astarot: “O gato da tasca mariñeira”, “Oda aos mariñeiros de Cangas”, “Quedei no bar seco como un peixe”, “Como hei vivir mañá sen a luz túa?". Ademais de Gelria e O Leo i Arremecághona!.

A paisaxe, a lingua, a experiencia amorosa e os ambientes mariñeiros nos que creceu deixaron unha forte pegada na súa lírica. O seu primeiro libro, Poema do home que quixo vivir (Brais Pinto en 1958) é de marcado carácter existencialista. De 1966 é Profecía do mar, no que o poeta establece un diálogo apaixonado cun mar investido de gran forza telúrica na lingua patrimonial dos mariñeiros de Cangas. De 1980 é Se o noso amor e os peixes..., que inclúe pezas que lindan ás veces co neotrobadorismo e que constitúen algúns dos mellores exemplos de poesía amorosa en lingua galega, como o titulado “Como hei vivir mañá sen a luz túa?” (Case morto vivín sen coñecerte / aló na chaira por absurdas rúas / onde ninguén me soupo dar mornura).

Segundo Méndez Ferrín "Profecía do Mar, un dos esteos sobre os que descansa a nosa poesía do século XX. En libros seguintes, o verso robustécese, amplíase, devece, acompásase aos ritmos sociais, históricos. Confésase próximo a Raimundo Patiño e á pintura expresionista abstracta, digamos Pollock. Vemos un Bernardino lonxe do negativismo e do pesimismo que puido entretelo en días xuvenís".

Narrador En Protoevanxeo do neto de Herodes (2006) transforma a liñaxe canónica de Xesús ao situalo como fillo de María e Antípatro e, por tanto, neto de Herodes. Máis que cuestións de índole teolóxica, a narración desenvolve o conflito político entre Roma e Israel no que Antípatro toma partido polos xudeus. O tema da vida e obra de Xesús sería tratado de novo desde a mesma perspectiva heterodoxa no libro A fuga a Exipto (2016). "Creo que na Biblia hai moitas cousas ocultas e outras que están mal interpretadas, así que eu sigo para esta novela os evanxeos apócrifos e algunhas outras tradicións ocultas e non escritas do cristianismo», explicaba o autor.

Dramaturgo Vinte mil pesos crime (1962) é un clásico da literatura dramática de posguerra no que desenvolve un argumento de violencia e corrupción moral mediado polo diñeiro. Seguiron outras pezas nas que desenvolve con humor, tenrura e sinxeleza cuestións de crítica social e denuncia da mercantilización da vida moderna.

Literatura infanto-xuvenil Foi o público máis o receptor de boa parte das súas obras. Neste xénero Bernardino Graña amosa a influencia da narrativa oral tradicional que coñeceu de neno e celebrou no seu discurso de ingreso na Academia, Contos populares e Rosalía. «Son un neno; eu teño un punto de vista da miña infancia, que perdura en min, son inxenuo», confesaba.

Obras Poesía Poema do home que quixo vivir (1958). Brais Pinto, Madrid. 34 páxs. Profecía do mar (1966). Galaxia. En 1995, edición en Xerais a cargo de Xosé M. Millán Otero, 142 páxs. ISBN 978-84-7507-871-7. Non vexo Vigo nin Cangas (1975). Xistral. 61 páxs. ISBN 8440086172. Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen (1980). Xerais. 76 páxs. ISBN 84-7507-005-1. Sima-cima do voar tolo (1984) Algalia, Col. Ardentia. 82 páxs. Himno verde (1992). Espiral Maior. ISBN 978-8488137029. Ardentía: obra poética completa (1995) Espiral Maior. 211 páxs. ISBN 978-8488137562. Luz de novembro (1997). Espiral Maior. ISBN 978-8489814363. Sen sombra e sen amor (2004) Galaxia. 76 páxs. ISBN 978-84-8288-693-0. Tres vellas fábulas novas (2006) Acendede as almenaras (2008). Xerais. 72 páxs. ISBN 978-84-9782-703-4. Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008 (2011). PEN Clube de Galicia. 224 páxs. Edición de Miro Villar. ISBN 978-84-92764-51-8.

Teatro Vinte mil pesos crime (1962). Galaxia. En Xerais, 2005, 144 páxs. ISBN 978-84-9782-302-9. Sinfarín contra don Perfeuto (1975). Separata de Grial. Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992). Sotelo Blanco). ISBN 978-8478240906.

Literatura infanto-xuvenil O león e o paxaro rebelde (1969). Galaxia. ISBN 978-8471541307. Planeta dos ratos tolos (1990). Ediciones S. M. Col. Montaña Encantada. 120 páxs. ISBN 978-8440304407. Xan Guindán, capitán (1991). Xerais. Col. Vouche contar un conto. Ilustracións Pepe Carreiro. ISBN 4-7507-595-9. Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992). Sotelo Blanco. ISBN 978-8478241583. Oso mimoso (1992). Xerais. Col Merlín. Ilustracións Ánxeles Ferrer. ISBN 978-8475076430. Cristo e San Pedro; Peregrinos: contos populares de Galicia (1994). Xerais. Col. Gran Merlín. 158 páxs. O gaiteiro e o Rato Pérez (1994). Xerais, Col. Merlín. Ilustracións de Mª Fe Quesada. 128 páxs. ISBN 978-84-9782-271-8. Rata linda de Compostela (1994). Xerais, Col Merlín. 64 páxs. Ilustracións de Manuel Uhía. ISBN 978-84-9782-956-4. Xan Guindán, mensaxeiro (1994). Obradoiro. 72 páxs. ISBN 978-8487937910. Contra o león covarde (1995). Edicións do Cumio. 120 páxs. ISBN 978-8482890074. O lobo e o grilo (1995). Sotelo Blanco. Ilustracións de Ana Costas. ISBN 84-7824-229-5.. Son un pasmón peatón (1995). A. C. Monte Branco. Xan Guindán e os Salvaxes (1995). Obradoiro. 104 páxs. ISBN 978-8482240114. Cantigas de Santa María (1996). Xerais. Col. Gran Merlín. 192 páxs. ISBN 978-8483020111. Selección de 50 cantigas en versión actualizada. O quirico lambón (1997). Xerais, Col. Merlín. 56 páxs. Ilustracións de Ánxeles Ferrer. ISBN 978-84-9782-896-3. O gaiteiro e o ratiño (1999). Xunta de Galicia. Ilustracións de María Fe Quesada. No castelo de Marbel (2009). A Nosa Terra. 28 páxs. ISBN 978-8483413814. Un porco con chapeu (2009) A Nosa Terra. 28 páxs. ISBN 978-8483414187. Larpancia saborosa do lobo e a raposa. Farsa de monifates nun lance (2010). Edicións Embora. 56 páxs. ISBN 978-84-92644-28-5. Curros Enríquez e os gansos (2011) Morgante. 80 páxs. ISBN 978-8415166276. Tragaxán e Tragadiño (2016). Galaxia, Árbore. 64 páxs. ISBN 978-84-9865-696-1. Lobísimo do saco. Tres titiritadas (2019). Galaxia, Col. Árbore. 204 páxs. ISBN 978-84-9151-397-1.

Narrativa Fins do mundo (1974). Brais Pinto. 2ª edición de 1989, en Xerais, ISBN 9788475073910. Protoevanxeo do neto de Herodes (2005). La Voz de Galicia. En 2006, Xerais. 304 páxs. ISBN 978-84-9782-511-5. Carmela e os ladróns (2010). Morgante. 70 páxs. ISBN 978-84-15166-00-9. ¡Medre o mar! (2013). Morgante. 116 páxs. ISBN 978-84-15166-4-81. A fuga a Exipto (2016). Galaxia. 228 páxs. ISBN 978-84-9865-689-3. O neno mariñeiro (2017). Xerais. 144 páxs. ISBN 978-84-9121-256-0. ePub: ISBN 978-84-9121-258-4. Os toliños mariñeiros da Costa da Morte (2020). Medulia. Relatos editados por Alexandre Ripoll. 70 páxs. ISBN 978-84-121546-2-7.

Libros de conversas co autor Conversas con Bernardino Graña, de Rafael Fernández Lorenzo e Héitor Mera (2005). Xerais. 104 páxs. ISBN 978-8497823241.

Epistolarios

Cartas de Bernardino Graña (2021). Morgante. 196 páxs. ISBN 978-84-15166-95-5. Edición de Héitor Mera.

Edicións Contos populares da provincia de Lugo (1963) Galaxia. 264 páxs. ISBN 978-84-9151-456-5 (ed. de 2020).

Obras colectivas Homenaxe a Luís Seoane (1977). Antoloxía da poesía galega actual. Nordés (1978, Ediciós do Castro). I Festival de Poesía no Condado (1981, S. C. D. Condado). II Festival da Poesía do Condado (1982, S. C. D. Condado). III Festival da Poesía no Condado (1983, S. C. D. Condado). IV Festival da Poesía no Condado (1984, S. C. D. Condado). VII Festival da Poesia no Condado (1987, S. C. D. Condado). VIII Festival da Poesia no Condado. Escolma Poética (1988, S. C. D. Condado). IX Festival da Poesia no Condado. Escolma Poética (1989, S. C. D. Condado). X Festival da Poesia no Condado. Escolma Poética (1990, S. C. D. Condado). XI Festival da Poesia no Condado (1991, S. C. D. Condado). Os monos contra os paxaros (1992, Xunta de Galicia). XIII Festival da Poesia no Condado (1993, S. C. D. Condado). Desde mil novecentos trinta e seis: homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade (1995, Ediciós do Castro). Relato contemporáneo (1995, Xerais). Unha liña no ceo (58 narradores galegos 1979-1996) (1996, Xerais). E dixo o corvo... (1997, Xunta de Galicia). A poesía é o gran milagre do mundo (2001, PEN Clube de Galicia). Alma de beiramar (2003, Asociación de Escritores en Lingua Galega). Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (2003, Tris Tram). Por Arturo Casas. Homenaxe a don Paco del Riego, fillo adoptivo de Nigrán (2003, Edicións do Cumio). Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003, Fundación Araguaney).