Celebrity Skin é o terceiro álbum de estudio da banda estadounidense de rock alternativo Hole, editado o 8 de setembro de 1998 a través do selo DGC Records en Estados Unidos e de Geffen Records internacionalmente. Foi o último álbum lanzado polo grupo antes da súa disolución en 2002.

Hole pretendía que o disco diverxese significativamente do seu son anterior con influencias noise e grunge, como o que tiña Pretty on the Inside (1991) e Live Through This (1994). A banda contratou ao produtor Michael Beinhorn para gravar Celebrity Skin durante un período de nove meses que incluíu sesións nos Ánxeles, Nova York e Londres. Foi o único álbum de estudio do grupo en contar coa baixista Melissa Auf der Maur. A batería Patty Schemel tocou nas demos para o disco pero foi substituída polo batería de sesión Deen Castronovopor suxestión de Beinhorn. Este feito creou unha fenda entre Schemel e a banda, o que provocou que abandonase a xira e se separase do grupo, aínda que se lle seguiu acreditando.

A banda procurou usar Os Ánxeles e o estado de California como tema unificador e comezou a escribir o que concibiron como un "álbum californiano" en 1997. A diferenza dos lanzamentos anteriores de Hole, as cancións finais de Celebrity Skin contaron con contribucións instrumentais de varios músicos alleos á banda, principalmente Billy Corgan, quen coescribiu os arranxos musicais de cinco cancións. O antigo compañeiro de banda de Auf der Maur, Jordon Zadorozny, así como a guitarrista de The Go-Go's, Charlotte Caffey, tamén contribuíron á composición dunha canción. A vocalista Courtney Love, que escribiu todas as letras, puxo o nome do álbum e da canción principal por un poema que ela escribira e que estaba influenciado por "The Waste Land" de T. S. Eliot. Os motivos de auga e afogamento tamén destacan en todo o álbum.

Celebrity Skin é o álbum de maior éxito comercial de Hole. Alcanzou o posto número nove na lista Billboard 200 dos Estados Unidos, o número catro na lista de álbums australianos e o número 11 na lista de álbums do Reino Unido. Ata a data, vendeu máis de 1,4 millóns de copias só nos Estados Unidos, foi certificado como dobre platino en Australia pola Asociación da Industria Gravadora Australiana (ARIA) e platino no Canadá por Music Canada (MC) e nos Estados Unidos pola Asociación da Industria Gravadora de América (RIAA). Deulle a Hole o primeiro posto na lista de Modern Rock Tracks coa canción principal, "Celebrity Skin". A reacción da crítica ao álbum foi moi positiva e apareceu nas listas de fin de ano de varias publicacións en 1998, incluíndo as de Time e The Village Voice. O álbum foi nomeado o 265º mellor álbum de todos os tempos nunha enquisa de 2013 da revista NME e apareceu no libro 1001 Albums You Must Hear Before You Die.

Listaxe de cancións

Cancións extra no Xapón

Notas

Categoría:Álbums de Hole Categoría:Álbums musicais de 1998 Categoría:Álbums producidos por Michael Beinhorn