Intelsat é un provedor intergubernamental de servizos por satélite. Posúe unha das frotas de satélites de comunicacións máis grandes, cuns 50 satélites en propiedade. O primeiro satélite comercial de comunicacións, o Early Bird ou Intelsat 1, lanzado en 1965, pertencía a Intelsat. A empresa entrou en bancarrota en maio de 2020.

Intelsat 1 Intelsat 1, coñecido inicialmente como Early Bird, foi o primeiro satélite de comunicacións comercial. Lanzado o 6 de abril de 1965 mediante un foguete Delta D a unha órbita xeosíncrona, tiña unha masa de 68 kg, forma cilíndrica, estaba recuberto de células solares para producir enerxía e estabilizábase mediante xiro. Foi construído por Hughes Aircraft Company co bus HS-303 e foi posto en servizo comercial o 28 de xuño, comunicando ambos lados do Atlántico. Tiña capacidade para 240 circuítos de telefonía ou un de televisión. Foi posto fóra de servizo en 1969 a pesar de que foi deseñado para unha vida útil de 18 meses.

Intelsat 2 Houbo catro satélites da serie Intelsat 2, os tres primeiros coñecidos inicialmente como Blue Bird, Lani Bird e Canary Bird respectivamente. Foron lanzados entre 1966 e 1967, os catro mediante foguetes Delta E1. Foron construídos usando o bus HS-303A e, con 162 kg, eran os satélites de comunicacións máis grandes lanzados ata o momento. Levaban unha antena de deseño avanzado que lles permitía estar en contacto con varias estacións terrestres simultaneamente. Tiñan forma cilíndrica e estabilizábanse mediante xiro

Intelsat 3 Lanzáronse oito satélites da serie Intelsat 3, o primeiro non chegando a órbita por un problema no foguete lanzador. Os oito usaron foguetes Delta M para ser lanzados, entre 1968 e 1970. Tiñan unha masa de 293 kg, forma cilíndrica, estabilización mediante xiro e células solares cubrindo a súa superficie. Cada satélite tiña dous transpondedores que lles daban capacidade para transmitir 1500 circuítos telefónicos ou catro de televisión.

Intelsat 4 Da serie Intelsat 4 houbo outros oito membros, co sexto chegando a órbita por un problema do foguete lanzador, un Atlas SLV-3D. Os oito foron lanzados entre 1971 e 1975, e non en orde secuencial. Usaban o bus HS-312, tiñan unha masa de 1414 kg, forma cilíndrica, estabilización mediante xiro e células solares cubrindo a súa superficie, cunha capacidade para cursar 6000 chamadas de voz bidireccionais ou transmitir 12 canais de televisión en cor de maneira simultánea.

Intelsat 4A Os seis Intelsat 4A eran unha versión mellorada dos Intelsat 4. Tiñan unha masa de 1515 kg, usaban o bus HS-313, forma cilíndrica, estabilización mediante xiro e células solares cubrindo a súa superficie. Tiñan unha altura total de 7,01 m, un diámetro de 2,38 m e levaban 20 transpondendores en banda C a bordo, catro máis que os Intelsat 4. Todos foron lanzados mediante foguetes Atlas SLV-3D entre 1975 e 1978, co quinto non chegando a órbita por culpa dun fallo do foguete.

Intelsat 5 Os nove Intelsat da serie 5 foron os primeiros satélites Intelsat estabilizados nos tres eixos. Para a estabilización usaban volantes de inercia. Tiñan unha masa de 1928 kg e dous paneis solares que xeraban ata 1800 W de potencia. Levaban a bordo 21 transpondedores en banda C e 4 en banda Ku capaces de xestionar 12.000 chamadas e 2 canais de televisión. Foron lanzados entre 1980 e 1984, coa perda da novena unidade por un fallo do foguete lanzador. Con esta serie os satélites tamén empezaron a ser nomeados de maneira alternativa con tres cifras, a primeira sendo a serie e as seguintes o número de satélite dentro da serio, por exemplo Intelsat 501.

Intelsat 5A Os seis Intelsat da serie 5A eran versións melloradas da serie 5 e continuaron a súa numeración. Levaban a bordo máis transpondedores (26 en banda C e 6 en banda Ku), capaces de xestionar 15.000 chamadas e 2 canais de televisión, e tiñan unha masa algo maior (2013 kg). Foron lanzados entre 1985 e 1989, coa perda do Intelsat-5A 14 polo fallo do foguete lanzador. Intelsat-5A 13 acabou sendo coñecido tamén como NSS 513, e o 15 como Columbia 515.

Intelsat 6 miniatura|250px|O Intelsat-6 3 sendo liberado da bodega de carga do transbordador espacial.|esquerda Houbo cinco satélites Intelsat 6, construídos co bus HS-389 e lanzados entre 1989 e 1991. Foron os satélite de comunicacións máis complexos e masivos do seu tempo, rondando as catro toneladas cada un. No seu deseño participaron, á parte da súa construtora, Hughes Aircraft Company, multitude de empresas internacionais, como British Aerospace, Spar Aerospace Ltd., COM DEV, Thomson Tubes Electroniques, Alcatel Espace, Alenia Spazio, NEC, MBB Dasa e AEG-Telefunken. Levaban a bordo 38 transpondendores en banda C e 10 en banda Ku. Tiñan forma cilíndrica, con 5,3 m de alto (coas antenas recollidas) e 3,6 m de diámetro, estabilizábanse mediante xiro e ían recubertos de células solares que proporcionaban ata 2600 W de potencia. Intelsat-6 3 non chegou á súa órbita definitiva por problemas co foguete lanzador, e en 1992 foi recollido polo transbordador espacial Endeavour para colocarlle un novo foguete propulsor e envialo á súa órbita definitiva.

Intelsat K Intelsat K foi o primeiro satélite con unicamente transpondedores (16) en banda Ku de Intelsat. Foi orixinalmente construído para a empresa GE Americom co nome Satcom K4, pero foi adquirido por Intelsat en 1989 e a súa carga útil reacondicionada. Estaba baseado no bus AS-5000, estabilizábase nos tres eixos e tiña unha masa de 2836 kg, cunha potencia de 4800 W. Posteriormente foi cedido á empresa New Skies e renomeado NSS K. Foi lanzado o 10 de xuño de 1992 mediante un foguete Atlas IIAS.

Intelsat 7 Os Intelsat 7 volveron a ser satélites estabilizados nos tres eixos. Usaban o bus SSL-1300, de Space Systems Loral. Tiñan unha masa duns 3600 kg e levaban 26 transpondedores en banda C e 10 en banda Ku. Os seus paneis solares xeraban ata 3600 W de potencia e foron lanzados entre 1993 e 1996.

Intelsat 7A Ao igual que os Intelsat 7, os 7A usaban o bus SSL-1300 pero producían unha maior potencia, ata 4800 W, e tiñan unha masa maior, uns 4180 kg cada unidade. Levaban a bordo catro transpondedores adicionais en banda Ku. Lanzáronse tres unidades entre 1995 e 1996, coa última fallando por un problema co seu foguete lanzador, un Longa Marcha 3B.

Intelsat 8 A serie 8 de Intelsat estaba formada por catro unidades. Usaban o bus AS-7000, estaban estabilizados nos tres eixos e tiñan unha masa de 3245 kg. Deseñados para dar unha cobertura maior en banda C, levaban a bordo 38 transpondedores deste tipo e 6 en banda Ku. Todos foron lanzados durante 1997. Intelsat 804 deixou de funcionar en xaneiro de 2005 debido a un problema grave no seu sistema de enerxía. Intelsat 803 foi cedido á operadora New Skies e renomeado NSS 803 en primeiro lugar e logo NSS 5.

Intelsat 8A Os dous Intelsat 8A lanzados usaban tamén o bus AS-7000, ao igual que os Intelsat 8, pero tiñan unha masa lixeiramente maior (3524 kg) e levaban menor cantidade de transpondedores (28 en banda C e 3 en banda Ku). Intelsat 806 foi cedido á operadora New Skies e renomeado NSS 806.

Intelsat 9 Os sete Intelsat 9 foron deseñados como melloras da serie Intelsat 7. Usan o bus aumentado SSL-1300HL, cunha maior potencia (máis de 8 kW xerados polos seus paneis solares) e máis cantidade de transpondedores (44 en banda C e 12 en banda Ku). Foron lanzados entre 2001 e 2003.

Intelsat 10 Só un dos dous satélites Intelsat 10 planificados (o Intelsat 10-02) chegou a ser lanzado. No seu momento foi o maior satélite de comunicacións lanzado, construído sobre o bus Eurostar-3000 e cunha masa de 5575 kg e 8 kW de potencia proporcionados polos seus paneis solares. Levaba a bordo 45 transpondedores en banda C e 16 en banda Ku. Foi lanzado o 16 de xuño de 2004 mediante un foguete Proton M Briz-M e tamén foi coñecido como Thor 10-02 ao ser a metade dos transpondedores en banda Ky propiedade de Telenor.

Intelsat 11 Intelsat 11 foi un satélite construído inicialmente por Orbital Sciences Corporation para PanAmSat Corporation pero que máis tarde pasou a ser propiedade de Intelsat. Baseado no bus Star-2, tiña unha masa de 2491 kg e levaba 18 transpondedores en banda Ku e 16 en C. Foi lanzado o 5 de outubro de 2007 mediante un foguete Ariane 5.

Intelsat 12 Intelsat 12 comezou sendo propiedade de Europe Star e chamándose Europe Star 1. Despois foi vendido a PanAmSat, que á súa vez foi comprada por Intelsat, co que o satélite adquiríu o seu nome definitivo. Tiña unha masa de 4167 kg, estaba construído sobre o bus SSL-1300 e tiña 30 transpondedores en banda Ku. Daba cobertura a Europa, a parte sur de África, oriente medio e a India. Foi lanzado o 29 de outubro de 2000 mediante un foguete Ariane 4.

Intelsat 13 Intelsat 13, ou Intelsat Americas 13, comezou a súa andaina como EchoStar IX, un satélite pertencente á empresa EchoStar que tamén era coñecido como Telstar 13 por levar parte da carga útil pertencente a Telstar. O satélite foi vendido en xullo de 2003 a Intelsat, que lle cambiou o nome a Intelsat Americas 13 e máis tarde a Galaxy 23. O satélite tiña unha masa de 4737 kg e usaba o bus SSL-1300, con dous transpondedores en banda Ka, 32 en banda Ku e 24 en banda C. Foi lanzado o 8 de agosto de 2003 mediante un foguete Zenit-3SL.

Intelsat 14 Intelsat 14 ten unha masa de 5663 kg e usa o bus SSL-1300, con 22 transpondedores en banda Ku e 40 en banda C. Foi lanzado o 23 de novembro de 2009 mediante un foguete Atlas 5 e ten unha vida esperada de 15 anos.

Intelsat 15 (JCSat 85) e 16 Intelsat 15 foi construído por Orbital Sciences usando o bus Star-2.4, ten unha masa de 2484 kg e leva a bordo 22 transpondedores en banda Ku. Os seus paneis solares xeran 4,6 kW de potencia e foi lanzado para substituír o Intelsat 709. Cinco dos transpondedores comercialízanse a través da empresa JSAT, polo que o satélite tamén se coñece como JSat 85. Foi lanzado o 30 de novembro de 2009 mediante un foguete Zenit-3SLB. Intelsat 16 usa o mesmo bus e leva 24 transpondedores en banda Ku. Foi lanzado o 12 de febreiro de 2010 mediante un Proton M Briz-M.

Intelsat 17 Intelsat 17 ten unha masa de 5540 kg e usa o bus SSL-1300 de Space Systems Loral, con 28 transpondedores en banda C e 46 en banda Ku. Foi lanzado para substituír a Intelsat 702 o 26 de novembro de 2010 mediante un foguete Ariane 5.

Intelsat 18 Intelsat 18 usa o bus Star-2.4 de Orbita Sciences, ten unha masa de 3200 kg, leva 24 transpondedores en banda C e 12 en banda Ku e os seus paneis xeran 4,9 kW de potencia. Foi lanzado para substituír a Intelsat 701 o 5 de outubro de 2011 mediante un foguete Zenit-3SLB.

Intelsat 19 e 20 Intelsat 19 e 20 foron construídos por Space Systems Loral coa súa plataforma SSL-1300. Intelsat 19 ten unha masa de 5600 kg e leva 24 tranpondedores en banda C e 34 en banda Ku, mentres que Intelsat 20 pesa 6094 kg e leva respectivamente 24 e 54 máis un tranpondedor en banda Ka. Foron lanzados respectivamente o 1 de xuño e o 2 de agosto de 2012, o primeiro mediante un Zenit-3SL e o segundo mediante un Ariane 5.

Intelsat 21 Intelsat 21 foi construído por Boeing co seu bus BSS-702MP. Ten unha masa de 5984 kg e leva a bordo 24 transpondedores en banda C e 36 en banda Ku. Foi lanzado o 19 de agosto de 2012 para substituír a Intelsat 9 mediante un foguete Zenit-3SL.

Intelsat 22 Construído tamén por Boeing co bus BSS-702MP, ten unha masa de 6199 kg e leva a bordo 24 transpondedores en banda C, 18 en banda Ku e 18 en UHF. Foi lanzado o 25 de marzo de 2012 mediante un foguete Proton M Briz-M.

Intelsat 23 Intelsat 23 foi encargado a Orbital Sciences en decembro de 2009. Usa o bus Star-2.4E e os seus paneis xeran 4,8 kW de potencia. Ten unha masa de 2730 kg e leva a bordo 24 transpondedores en banda C e 15 en banda Ku. Foi lanzado o 14 de outubro de 2012 mediante un foguete Proton M Briz-M.

Intelsat 24