O Rally Rías Baixas de 1990 foi a 26ª edición de dito rally. Foi puntuable para a tempada 1990 do Campionato de Galicia de Rally, así como para a Copa de España de Rallys. Celebrouse o 28 de xullo de 1990 e o vencedor foi Germán Castrillón, a bordo dun Ford Sierra RS Cosworth.
Itinerario O rally constou de tres seccións e 17 treitos cronometrados. A primeira comezou ás 10 da mañá e percorreu os treitos de Vigo, Cillarga (9,4 km), Barbudo (4,4 km), Fornelos - As Quintáns (16,8 km) e Sabaxáns - Barcia de Mera - Covelo (22,9 km). Na segunda sección repetíronse os mesmos treitos, con chegada en Vigo e cunha pasada extra por Cillarga. A terceira e última sección, a nocturna, comezou ás 9 da noite en Vigo e percorreu dúas veces os treitos de Salceda (6,7 km), Chenlo (9,9 km), Vincios - Vilaza (4,6 km) e Camos - Vincios (5,4 km), rematando de madrugada.
Resumo O rally supuxo o regreso de Germán Castrillón e Estrella Castrillón, que tras seren subcampións galegos o ano anterior non participaran aínda en ningún rally desta tempada por falta de patrocinadores. Finalmente inscribíronse cun Ford Sierra Cosworth mercado a Carlos Piñeiro. Tamén reaparecía o vigués Juan Carlos González "Culebra", aos seus 52 anos e despois de máis de dez sen competir. Inscribiuse cun BMW M3 que lle mercou a Pep Bassas, e co que o piloto catalán se proclamara campión de España na tempada anterior.
Ao pouco de comezar o rally tivo que abandonar o campión galego Arturo Rial, con problemas no embrague. Germán Castrillón marcou o mellor tempo nos tres primeiros treitos e mantivo o liderado até o segundo paso por Sabaxáns - Barcia de Mera - Covelo, onde foi superado por "Culebra", que rematou as dúas seccións diúrnas como líder, aínda que con só seis segundos de vantaxe sobre os Castrillón. O canario Pedro Cruz sufriu un accidente no primeiro paso por Fornelos e tivo que ser trasladado en ambulancia, aínda que finalmente o seu estado non revestiu gravidade.
No primeiro treito da sección nocturna, en Salceda, Castrillón recuperou a primeira posición, e aumentou a súa vantaxe nos dous seguintes treitos, Chenlo e Vincios - Vilaza. Na primeira pasada por Camos - Vincios, "Culebra" recortoulle un pouco de tempo ata colocarse a 15 segundos, pero con todo, Castrillón xa non cedeu a primeira posición e chegou como vencedor á meta, tendo como único sobresalto en toda a noite unhas vacas que se lle cruzaron na estrada no treito de Chenlo.
O vascofrancés Marc Etchebers ocupou o terceiro caixón do podio, ao chegar por diante do canario "Carlos" e do Citroën AX Sport de "Peitos", quedando este último en quinto lugar e primeiro da Challenge Citroën.
Clasificación PosPilotoCopilotoVehículoTempo1 Germán Castrillón Estrella CastrillónFord Sierra RS Cosworth1:52:262 "Culebra" Gustavo PiñeiroBMW M3 E301:52:553 Marc Etchebers Humberto GonzálezFord Sierra RS Cosworth1:56:584 "Carlos" Ventura GiménezMercedes-Benz 190E 2.3 16v1:57:365 "Peitos" Francisco Javier SalgueiroCitroën AX Sport1:57:546 Antonio Garrido López CarbajalFord Sierra RS Cosworth1:59:177 Chano Carrera Rodrigo AlonsoCitroën AX Sport2:01:268 Javier Piñeiro Carlos CascallarPeugeot 205 Rallye2:02:049 Antonio Trelles Candú CostasRenault 5 GT Turbo2:02:5010 Lino Otero Diego VallejoRenault 5 GT Turbo2:02:5511 Javier Paz Juan Carlos NovoaCitroën AX Sport2:04:4212 Carlos Iglesias Chelo PrietoCitroën AX GT2:05:0713 Laurent Galiay Thierry GaliayRenault 5 GT Turbo2:05:4114 Christophe Rebière T. LalannePeugeot 205 Rallye2:05:5815 "Solo" Martínez Herminio GonzálezRenault 5 GT Turbo2:07:1416 Manuel AlfaroRocaRenault 5 GT Turbo2:08:2117 Félix Enes Carlos VázquezCitroën AX GT2:10:0218 Manuel Ferreira Miguel RamalhoRenault 11 Turbo2:10:3919 Jesús Campos José Manuel PampínRenault 5 GT Turbo2:11:1320 Álvaro Vila Enrique VelosoCitroën AX GT2:15:52Abandonos- Arturo Rial Mario PazosCitroën AX Sport-- Fernando Brizuela Francisco LópezFord Sierra RS Cosworth-- Pedro Cruz Miguel Ángel DávilaOpel Kadett GSI-- Jean-François Lassalle LassalleVolkswagen Golf G60 Rallye-- Jorge Pérez Luis PérezRenault 5 GT Turbo-- Emilio Barros BargielaRenault 11 Turbo-- José M. López Parada José ValcárcelRenault 5 GT Turbo-- Ricardo Vidal Juan Carlos SoutoPeugeot 205 Rallye-- José María BangaCitroën AX Sport-- Juan Carlos TáboasCitroën AX Sport-- Alberto GonzálezCitroën AX GT-
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Rally Rías Baixas 1990 en ewrc.com .
Categoría:Rally Rías Baixas Categoría:Tempada 1990 do Campionato de Galicia de Rally