Giant Bomb é un sitio web de videoxogos e unha wiki estadounidense que inclúe noticias sobre a industria, artigos, comentarios e vídeos. Foi creado polos ex-editores de GameSpot Jeff Gerstmann e Ryan Davis, en colaboración con Whiskey Media. O sitio web foi votado pola revista Time como un dos 50 mellores sitios web do ano 2011. Actualmente é propiedade de CBS Interactive, quen comprou a Giant Bomb en marzo de 2012.

Logo de ser despedido de forma controvertida do seu posto como redactor xefe de GameSpot, Gerstmann comezou a traballar cun equipo de cinco deseñadores web para crear un novo sitio de videoxogos. A súa intención era crear un "sitio web de videoxogos que fose divertido" e que non se enfoque tanto no sector do negocio da industria.

O núcleo do equipo editorial inclúe aos ex-editores de GameSpot Gerstmann, Alex Navarro, Brad Shoemaker e Vinny Caravella, ademais de Patrick Klepek, que anteriormente formaba parte da canle de televisión G4, Drew Scanlon, Dan Ryckert, Jason Oestreicher e Ryan Davis ata a súa morte en 2013. Giant Bomb foi lanzado o 6 de marzo do 2008 como un blog. O sitio completo foi feito público o 21 de xullo do 2008. Nun principio, as oficinas de Giant Bomb estaban situadas en Sausalito, California, pero o 26 de xuño de 2010 foron trasladadas a San Francisco.

O contido en Giant Bomb está, por unha banda, producido polo seu limitado persoal, que prové artigos e vídeos como xornalistas especializados. Por outra banda, a comunidade expande os contidos coa axuda de ferramentas do sitio web (principalmente unha base de datos/wiki pública de videoxogos), de maneira que calquer usuario rexistrado poida editar e crear contido. O equipo de Giant Bomb sobre noticias escribe artigos sobre novos lanzamentos.

O seu podcast semanal, o Giant Bombcast, é publicado os martes. Cobre noticias recentes, lanzamentos na industria dos videoxogos, ou historias da oficina. Giant Bomb produce un número de vídeos regulares, entre eles Quick Looks, 20-60 minutos de vídeo sen editar do persoal xogando con lanzamentos recentes.

Recepción

Cando o sitio web apareceu na lista dos 50 principais da revista Time en 2011, Harry McCracken describiu a Giant Bomb como "noticias, artigos e videos, todo máis solto, máis divertido e máis obstinado que moitas das cousas en sitios de xogos propiedade de grandes compañías de medios". En xaneiro de 2012 anunciouse que Vox Media contratara varios nomes coñecidos do periodismo de xogos para lanzar Polygon, incluídos os editores xefe de Joystiq e Kotaku , Chris Grant e Brian Crecente. Cando se lle preguntou por qué pensaba que había espazo para outro sitio web de videoxogos, Grant dixo que "o único sitio que realmente miraría e diría que ten tecnoloxía envidiable é Giant Bomb; nada máis alá fora ten algo que sexa realmente atractivo".

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial en inglés

Categoría:Sitios web de videoxogos