Jesús López Suárez, coñecido como Gazapo, nado en Ansoar (Fornas, Chantada) cara a 1916 e finado en 1942, foi un guerrilleiro antifranquista galego. Traxectoria Fillo de Manuel López e Veneranda Suárez Crespo, veciño de Ansoar. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 desertou do Batallón 353, estivo fuxido e formou parte do grupo de guerrilleiros que actuaba no suroeste da provincia de Lugo, principalmente no concello de Chantada, comandados por Salvador Valcárcel Montenegro. Participou no asalto á sucursal do Banco Pastor en Chantada e ao ómnibus da empresa Montaña. A Garda Civil tamén o acusou de ter participado no asasinato dun garda civil, de dous paisanos e de ferir a un comandante de aviación, un cabo e dous soldados de infantaría e un cabo da Garda Civil. O grupo quedou desfeito trala morte pola Garda Civil de Salvador Valcarcel e outros dous guerrilleiros da partida en Adá o 11 de abril de 1939.

Foi xulgado en Lugo na causa 812/38 e declarado en rebeldía. Foi requirido polo Xulgado Militar de Vigo en decembro de 1939 xunto con Benjamín Argiz Fiunte e Victorino Quintana Vázquez.El Pueblo Gallego, 16-12-1939, p. 2. Cando a Garda Civil rodeou a casa de Vilelos (O Saviñao) na que estaban agochados o 17 de decembro de 1939, logrou fuxir do cerco con Salvador Gil Moure, mentres que Victorino Quintana Vázquez foi morto e Benjamín Argiz Fiunte capturado e asasinado días despois. A súa nai, Veneranda Suárez, foi detida en Chantada o 1 de marzo de 1940 por auxilio a fuxidos, pasando ao Cárcere de Lugo de onde saíu en liberdade o 26 de abril.Ficha de Veneranda Suárez en Represión franquista en Lugo Ese mesmo ano Jesús tomou a decisión de exiliarse, e para facelo entrou en contacto cunha rede de evasión con ánimo de lucro. Desta rede formaba parte Carmen Cervelo Iglesias, que foi procesada en 1941 acusada de auxilio á rebelión por "facilitar o intento de fuga ao estranxeiro de Jesús López Suárez", xulgada en Lugo o 14 de decembro de 1942, foi condenada a 12 anos e un día de prisión. Foi requirido polo xuíz militar de Lugo pola causa 422/41 por atraco a Ricardo Sobrado Fernández, de Sabadelle, e morte do garda civil Rogelio González Coldeiro, xunto con Salvador Gil Moure.El Progreso, 21-6-1941, p. 3. Jesús López foi detido pola Garda Civil de Chantada en xuño de 1942.El Progreso,11-6-1942, p. 2. Morreu en 1942, pois a súa testemuña "antes de su muerte" figura na causa 365/42.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Ficha en Represión franquista en Lugo

Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Chantada Categoría:Finados en 1942 Categoría:Nados en 1916 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes