Mujaid Sadick Aliu, coñecido como Mujaid, nado en Logroño o 14 de marzo do 2000, é un futbolista español. Xoga como defensa no Rayo Vallecano, da Primeira División, cedido polo KRC Genk belga.

Traxectoria Naceu en Logroño, fillo de inmigrantes de Nixeria e Ghana. Comezou a xogar nas categorías inferiores do Club Valvanera Deportivo da Rioxa e en 2016 incorporouse á canteira do Deportivo da Coruña.

En outubro de 2017 debutou co Fabril na Segunda División B ás ordes de Cristóbal Parralo despois de destacar no Xuvenil A da División de Honra dirixido por Rubén Coméndez. O club blindou ao xogador cun contrato profesional, coa intención de que algún día chegase ao primeiro equipo.

O 12 de maio de 2018 debutou na elite do fútbol español da man do adestrador holandés Clarence Seedorf na segunda metade do partido do Deportivo contra o Villarreal (2-4) no estadio de Riazor. Fíxoo co 34 ás costas e só unhas horas despois volveu xogar, esta vez co número 4 e no centro da zaga, un partido da Copa do Rei Xuvenil, tamén con derrota deportivista (3-4).

En xullo de 2018 renovou o seu contrato co club por catro anos máis cunha cláusula de rescisión de 20 millóns de euros. Despois do descenso á Segunda División do Deportivo, Mujaid, aínda con ficha do Fabril, comezou a xogar de xeito habitual co primeiro equipo, tanto con Luis César Sampedro como con Fernando Vázquez, e converteuse nun dos xogadores máis destacados do equipo galego a pesar da súa xuventude, disputando 28 partidos de liga e gañando en dúas ocasións o premio ao mellor xogador do mes.

Na tempada 2020/21, co Deportivo na Segunda B, foi o xogador con máis minutos disputados do equipo, sendo un fixo na defensa branquiazul, que encaixou só 13 goles durante a campaña.

O 18 de maio de 2021 fíxose oficial o seu traspaso por dous millóns de euros ao KRC Genk, da Primeira división de Bélxica, o traspaso máis caro da historia da Segunda B. Co equipo limburgués disputou a Supercopa de Bélxica ese mesmo ano e na tempada 2022/23 proclamouse subcampión de liga. En febreiro de 2025 acadou os 100 partidos co club.

No verán de 2026 regresou ao fútbol español, sendo cedido ao Rayo Vallecano, da Primeira División.

Palmarés

Trofeos internacionais TítuloClub (*)PaísAnoXogos MediterráneosSelección española sub-182018 (*) Incluíndo a Selección

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en transfermarkt . Ficha en bdfutbol.com .

Categoría:Nados en Logroño Categoría:Nados en 2000 Categoría:Españois de ascendencia nixeriana Categoría:Futbolistas da Rioxa Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do KRC Genk Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano