Antonio Pérez Pérez, nado o 18 de agosto de 1904 na Costa, parroquia de San Miguel de Albarellos (Boborás), e finado en Baiona (Francia) en 1986, foi un deportado galego aos campos de concentración nazis. Na maioría das fontes figura, erroneamente, como nado en Albarellos de Monterrei.

Traxectoria A pobreza na que vivía a súa familia obrigouno a emigrar, primeiro a Asturias, e despois a Baiona (Francia) en 1923. Alí contraeu matrimonio con Escolástica, de orixe navarra. En 1931 naceu a súa única filla, Dominique, á que non bautizou. Traballou facendo estradas e de mineiro, ata asentarse definitivamente como afiador.

Unha vez comezada a II Guerra Mundial integrouse nun grupo comunista da Resistencia contra a ocupación nazi, dentro das Forces Françaises de l'Intérieur (FFI). Ademais de labores de sabotaxe e información, o grupo facilitaba a fuxida de xudeus e pilotos aliados a través dos Pireneos.

En xaneiro de 1943 foi detido pola policía colaboracionista de Petain, na Operación Escuma de Mar. Pasou por distintas prisións, de Baiona a Bordeos, onde sufriu tortura, ata chegar a Compiegne en xuño.

Foi deportado a Buchenwald o 17 de xaneiro de 1944 nun convoi de case 2.000 homes, dos que faleceron a metade. Xunto a el viaxaron, nunhas condicións lamentables, 229 españois máis.

Ingresou no campo co número 40623 e, despois do período de corentena no 'campo pequeno', pasou ao block 40, no campo principal, onde sobreviviu traballando de carpinteiro, aínda que foi rexistrado como afiador. Foi liberado polas tropas de Estados Unidos o 11 de abril de 1945. miniatura|Rexistro de Antonio en Buchenwald coa súa sinatura. Regresou a Baiona, onde volveu traballar como afiador, no seu posto do mercado. Conseguiu a nacionalidade francesa en 1948 , e militou no Partido Comunista de Francia ata o seu falecemento en 1986. Viaxou ata a terra da súa muller, Navarra, pero nunca regresou a Galicia.

Notas

miniatura|Panteón da familia Pérez Zabalza no cemiterio de Baiona.

Véxase tamén

Bibliografía

Amat-Piniella, Joaquim (2014). K. L. Reich. Barcelona: Libros del Asteroide. Bermejo, Benito; Checa, Sandra (2006). Libro memorial: españoles deportados a los campos nazis (1940-1945). Madrid: Ministerio de Cultura. Federación Nacional de Deportados e Internados Resistentes y Patriotas (1969). Deportación. El horror de los campos de concentración. Barcelona. Editorial Petronio. Hernández de Miguel, Carlos (2015). Los últimos españoles de Mauthausen. La historia de nuestros deportados, sus verdugos y sus cómplices. Barcelona. Ediciones B. VV. AA. (2004). Livre-mémorial des déportés de France arrêtés par mesure de répression et dans certains cas per mesure de persécution 1940-1945. París: Éditions Tirésies. Wachsmann, Nikolaus (2015). Historia de los campos de concentración nazis. Barcelona. Crítica.

Ligazóns externas Biografía de Antonio Pérez Pérez

Categoría:Galegos sobreviventes dos campos de concentración nazis Categoría:Nados en Boborás Categoría:Finados en 1986 Categoría:Nados en 1904 Categoría:Membros galegos da Resistencia francesa