Linus Okok Okwach, nado o 20 de outubro de 1952 e finado o 12 de setembro de 2020, foi un eclesiástico católico latino kenyano, primeiro bispo da diocese de Homa Bay entre 1993 e 2002.
Traxectoria Primeiros anos e sacerdocio Naceu o 20 de outubro de 1952 en Ojola, no territorio da arquidiocese de Kisumu, e no actual condado de Kisumu. Foi ordenado sacerdote desta arquidiocese o 10 de decembro de 1980, exercendo entre outros cargos o de reitor do seminario menor de San Gabriel. Durante este período cursou un mestrado na Universidade Católica do África Oriental, rematando en 1989 a súa tese de mestrado The Luo Funeral Rite. Its liturgical Inculturation sobre os ritos funeraios do pobo luo. Serviu na arquidiocese até o 18 de outubro de 1993, cando foi nomeado bispo da diocese de Homa Bay por Xoán Paulo II. Bispo de Homa Bay, retiro e morte O bispo Okwach foi o primeiro ordinario da nova diocese, e foi consagrado bispo en Homa Bay o 31 de decembro de 1993 polo cardeal Jozef Tomko, e tendo como co-consagradores a Clemente Faccani, pro-nuncio apostólico no país, e ao arcebispo de Kisumu Zacchaeus Okoth. Durante o seu pontificado apoiou a chegada á súa diocese dos Irmáns de San Carlos Luanga, e impulsou varios proxectos de desenvolvemento e educativos na rexión; caracterizouse por un goberno disciplinado e áxil da diocese, pola súa piedade, e pola súa humildade.
Permaneceu no cargo até a súa renuncia o 20 de febreiro de 2002. Logo da súa renuncia non permaneceu inactivo, axudando na súa arquidiocese natal cos sacramentos das confirmacións e ordenacións sacerdotais, e traballou nunha tradución do Misal Romano á lingua luo, que quedaría inacabada coa súa morte.
Finou no hospital St Monica de Kisumu, logo dunha longa doenza, na noite do 12 ao 13 de setembro de 2020. Foi enterrado na catedral de San Paulo de Homa Bay o 30 de setembro.}
Notas
Categoría:Nados en 1952 Categoría:Nados en Kenya Categoría:Finados en 2020 Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos de Kenya Categoría:Bispos católicos do século XXI Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Alumnos da Universidade Católica do África Oriental