César Carballeira Domínguez, nado na Coruña o 10 de febreiro de 1996 é un xogador galego de hóckey a patíns, que xoga na posición de defensa no FC Porto, da Primeira División de Portugal, Desenvolveu a maior parte da súa carreira no Liceo da Coruña, co que gañou oito títulos. Internacional coa selección española, conquistou con esta o Campionato do Mundo de 2024 e os Campionatos de Europa de 2021 e 2023.
Traxectoria Xogou nas categorías inferiores do HC Liceo da Coruña dende os tres anos. Debutou co primeiro equipo do Liceo en outubro de 2012, aos 16 anos de idade, nun partido da OK Liga fronte ao PAS Alcoi. Xogou varias tempadas co primeiro equipo, gañando unha liga, unha Supercopa, unha Copa Continental e unha Intercontinental.
En 2018, despois de 18 anos no club liceísta, fichou polo Reus Deportiu. Estivo dúas tempadas no club catalán, fracturando na segunda delas a tibia e o peroné, motivo polo que estivo case tres meses de baixa.
En maio de 2020 volveu ao HC Liceo. Marcou 14 goles na liga 2020/21, na que o seu equipo acabou subcampión, e fixo tamén tres goles na Copa do Rei, un deles na final contra o FC Barcelona en Riazor, contribuíndo así de xeito importante a que o Liceo conquistase o título copeiro 17 anos despois.
En xuño de 2022 proclamouse de novo campión de liga, despois de rematar segundo na fase regular e vencer na final ao Reus de forma contundente, en só 3 partidos. Tras disputar unha nova final da Copa do Rei en 2023 en Calafell, caendo ante o Barcelona, o Liceo atravesou unha tempada de transición na 2023/24, na que non conseguiu clasificarse para a Copa do Rei e só puido ser terceiro en liga. Con todo, Carballeira culminou un dos seus mellores anos a nivel individual, liderando o equipo xunto a Dava Torres, e superou a súa marca goleadora (28 goles na liga regular e cinco nos play-offs). Foi elixido no cinco inicial da OK Liga, canda a Sergi Fernández, João Rodrigues, Pau Bargalló e Jordi Bargalló.
Na tempada 2025/26 o Liceo acadou o primeiro posto na liga regular e disputou a final dos playoffs ante o Igualada, caendo no quinto partido. Foi o seu último partido co club verde, fichando a continuación polo FC Porto.
Selección española Xogou en varias categorías inferiores da selección española e liderou en 2018 á selección sub-23 na súa conquista da Copa Latina en Francia. En 2019 debutou coa selección absoluta, coa que participou na 68ª Copa das Nacións. Debutou na derrota por 3-4 fronte á selección de Angola. No 2021 disputou o Campionato de Europa en Paredes, marcando na final contra Francia o gol do empate que forzou a prórroga, na que España acabou proclamándose campioa. Dous anos despois participou no seu segundo Europeo e tivo un destacado papel, proclamándose de novo campión continental tras vencer na final a Portugal.
En 2024 foi convocado por Guillem Cabestany para a disputa do Campionato do Mundo en Novara. Titular en todos os partidos, estreouse como goleador mundialista na ampla vitoria sobre Chile da segunda xornada (12-0), anotando dous tantos, e marcou tamén no seguinte partido ante Italia. Tras eliminar a Suíza en cuartos de final e a Portugal nas semifinais, saíu tamén no cinco inicial na final ante a vixente campioa, a Arxentina, e aos 30 segundos de comezar o partido, marcou o primeiro gol para o combinado español, contribuíndo ao triunfo final por 2-1.
En 2025 xogou o seu terceiro Campionato de Europa, acabando na cuarta posición final, mentres que ao ano seguinte participou na Copa das Nacións, obtendo idéntico resultado.
Palmarés
HC Liceo
OK Liga (2): 2012-13, 2021-22. Copa do Rei (2): 2021, 2026. Supercopa de España (2): 2016-17, 2021-22. Copa Continental (1): 2011-12. Copa Intercontinental (1): 2012.
Reus Deportiu
Supercopa de España (1): 2019-20.
Selección española Campionato do Mundo (1): 2024. Campionato de Europa (2): 2021, 2023. Copa Latina (1): 2018.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador en ceroacero.es
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1996 Categoría:Xogadores de hóckey a patíns de Galicia Categoría:Xogadores do H.C. Liceo