Rairiz de Veiga é un concello da provincia de Ourense, pertence á comarca da Limia. Segundo o padrón municipal, en 2014 tiña 1.456 habitantes (1.767 en 2003).

Demografía

Censo total 1.456 (2014) Menores de 15 anos 80 (5,49 %) Entre 15 e 64 anos 780 (53,57 %) Maiores de 65 anos 596 (40,93 %)

Xeografía O concello ten unha superficie de 72,39 km², e abrangue 8 parroquias. Atópase na Limia Alta, a unha altitude entre 600 e 1000 m. Ocupa parte dos terreos antigamente anegados pola lagoa de Antela, conservándose algunhas charcas, como as Veigas da Ponte Liñares. As Veigas da Saínza, Ordes e Congostro forman unha valgada enchoupada, de pouca drenaxe. A zona está dentro da zona especial de conservación (ZEC) de Veiga de Ponteliñares. Estas veigas adoitan ser zonas húmidas nas tempadas de choiva, permitindo unha grande riqueza biolóxica nos pastos e nas carballeiras. É por iso que está está incluída na Rede Natura 2000. Ademais forma parte da reserva da biosfera Área de Allariz. Alí atópase a carballa da Rocha.

Historia Na zona foron achados restos de palafitas, construcións propias de poboados á beira de lagos e lagoas feitas con madeira e barro, de planta circular e paramentos de cestería. Durante a cultura castrexa houbo asentamentos como o castro de Monte Albán (parroquia de Sabariz), escavado a comezos do s. XX por Florentino López Cuevillas e Vicente Risco, e onde apareceu un enxoval con numerosas pezas de cerámica campaniforme e outros materiais.

Quedou bastante pegada da romanización de Galicia, ao pasar por aquí a Vía Nova ou Vía XVIII do itinerario de Antonino entre Braga e Astorga, que cruzaba o río Limia na Ponte Pedriña.

Na idade media construíuse a Torre de Celme, da que non quedan restos. Xa na idade moderna construíronse o pazo de Santa María de Ordes, un conxunto de casas grandes e capela, na actualidade reformado. respecto á arquitectura relixiosa, a igrexa de Guillamil é de estilo románico. As de Lampaza e Rairiz de Veiga son do s. XVIII con portada renacentista. As de Candás, Congostro, Ordes e Sabariz son barrocas.

Durante o antigo réxime na xurisdición de Rairiz de Veiga impartían xustiza o Conde de Moctezuma (parroquias de Congostro e Ordes) e o Conde de Monterrei. O actual concello constituíuse coa división territorial de España en 1833.

Galería de imaxes

Parroquias

Lugares de Rairiz de Veiga Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Rairiz de Veiga vexa: Lugares de Rairiz de Veiga.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Eleccións municipais en Rairiz de Veiga

Categoría:Rairiz de Veiga