O compositor italiano Claudio Monteverdi (1567–1643), ademais dunha gran produción de música sacra e madrigais, escribiu prolificamente para a escena. As súas obras teatrais foron escritas entre 1604 e 1643 e inclúen óperas, tres das cales—L'Orfeo (1607), Il ritorno d'Ulisse in patria (1640) e L'incoronazione di Poppea (1643)—sobreviviron coa súa música e libreto intactos. No caso doutras sete óperas, a música desapareceu case na súa totalidade, aínda que algúns dos libretos conserváronse. A perda destas obras, escritas durante un período crítico da historia temperá da ópera, foi moi lamentada por comentaristas e musicólogos.
A ópera, como xénero musical e teatral, comezou a emerxer durante a primeira parte da carreira de Monteverdi, inicialmente como unha forma de entretemento cortesán. Con outros compositores, Monteverdi tivo un papel sobranceiro no seu desenvolvemento na forma principal de teatro musical público. A súa primeira ópera, L'Orfeo, escrita en 1607 para a corte de Mantua, que o empregara, foi un grande éxito. Nos anos que seguiron, en Mantua e no seu posterior posto como maestro di cappella (director de música) na Basílica de San Marcos en Venecia, Monteverdi continuou a escribir música teatral en varios xéneros, incluíndo óperas, bailes e intermedi (pequenos interludios musicais inseridos en obras convencionais). Debido a que na época na que viviu Monteverdi a música escénica era raramente considerada de utilidade logo da súa representación inicial, moita desta música desapareceu pouco despois da súa creación.
A maior parte da información dispoñible relacionada coas sete óperas perdidas foi deducida a partir de documentos contemporáneos, incluídas as numerosas cartas que Monteverdi escribiu. Estes papeis proporcionan unha proba irrefutable de que catro destas obras —L'Arianna, Andromeda, Proserpina rapita e Le nozze d'Enea con Lavinia— foron completadas e representadas en vida de Monteverdi, mais da súa música, tan só sobreviviron o famoso lamento de L'Arianna e un trío de Proserpina. As outras tres óperas perdidas —Le nozze di Tetide, La finta pazza Licori e Armida abbandonata— foron abandonadas polo compositor antes de que as finalizara; descoñécese canta da súa música escribiu.
Antecedentes A vida creativa de Monteverdi abrangue máis de 50 anos. Entre 1590 e 1612 exerceu como músico na corte dos Gonzaga en Mantua, seguidos de 30 anos (1613–43) como maestro di capella na basílica de San Marcos en Venecia. Neste período de tempo produciuse o desenvolvemento da ópera, dende os seus inicios como unha forma de entretemento limitada á corte, ata converterse nunha parte habitual e principal dos teatros musicais públicos. Antes de que a palabra italiana "opera" —abreviatura de opera in musica ("obra musical")— adquirise un uso xeral arredor de 1634, as obras escénicas eran denominadas habitualmente favola in musica (fábula musical), dramma in musica (drama musical), ou tragedia in musica ("traxedia musical"); Monteverdi usou estas e outras descricións similares para moitos dos seus primeiros proxectos operísticos.
miniatura|esquerda|O Palazzo del Te, Mantua, sede da dinastía Gonzaga que gobernou a cidade dende 1530 ata 1627. Monteverdi foi o seu músico da corte dende 1590 ata 1612. A primeira obra xeralmente considerada unha ópera é Dafne de Jacopo Peri de 1597, seguida de preto por Euridice (1600), para a que Peri e Giulio Caccini escribiron fragmentos musicais separados. Ottavio Rinuccini foi o libretista tanto de Dafne como de Euridice. No novo xénero contábase un historia completa a través de personaxes, e ademais coros e conxuntos, as partes vocais incluían recitativos, arias e ariosos. Este foi un desenvolvemento de varias formas antigas de teatro musical que existiran dende os primeiros anos do Renacemento Italiano; estas formas incluían a maschera ("mascarada"), o ballo (un espectáculo de danza, frecuentemente con pasaxes cantadas), e particularmente o intermedio ou intermezzo, un pequeno episodio musical dramático inserido como prólogo ou entr'acte situado entre os actos das obras convencionais. Outro formato de finais do período do Renacemento foi o torneo, ou "tournament", un estilizado espectáculo dramático no que o narrador interpretaba o canto principal. As formas suboperísticas de música dramática continuaron a prosperar a medida que a propia ópera ía desenvolvéndose; os límites difusos que existiron durante moitos anos entre estas formas e a "ópera" levaron a debater sobre como categorizar algunhas obras. Por exemplo, o xénero preciso de Il combattimento di Tancredi e Clorinda (1624) de Monteverdi foi especialmente difícil de definir.
A primeira ópera recoñecida de Monteverdi é L'Orfeo (1607). Compuxo, en total, 24 obras para a escena. Destas, dez están xeralmente clasificadas como óperas, das cales a música de sete perdeuse excepto algúns fragmentos. A maior parte do que se coñece sobre as obras perdidas chegou aos nosos días a través dos libretos que sobreviviron e outra documentación, incluída a extensa correspondencia do propio Monteverdi. Tim Carter, un dos principais estudosos de Monteverdi, suxire que a alta proporción de obras perdidas explícase porque, na época de Monteverdi, "os recordos eran escasos e as obras musicais a grande escala frecuentemente tiñan unha vixencia limitada máis aló das súas circunstancias inmediatas".
Para Mantua Monteverdi escribiu seis óperas recoñecidas para a corte de Mantua, das cales só L'orfeo sobreviviu co seu libreto e música intactos. Catro das cinco óperas perdidas de Mantua foron escritas logo de que o compositor deixara de estar ao servizo dos Gonzaga en 1612 e se instalara en Venecia, mais aínda mantiña contactos con Mantua. Completou e representáronse L'Arianna e Andromeda; as outras abandonounas incompletas.
L'Arianna (1607–08)
miniatura|Baco e Ariadna, Tiziano. L'Arianna foi composta como peza festiva para a voda do herdeiro do ducado, Francesco Gonzaga, con Margarida de Savoia, en maio de 1608. Monteverdi recibiu o encargo logo do éxito colleitado pola estrea de L'Orfeo na corte en febreiro de 1607. O libreto de L'Arianna foi escrito por Rinuccini, cuxas habilidades literarias impresionaran o duque Vincenzo I de Mantua logo dunha representación de Euridice. A composición de L'Arianna converteuse nun asunto tenso para Monteverdi, xa que era só unha das tres obras que o duque lle pedira para a voda; tamén tivo que compoñer un prólogo musical para a obra de Giovanni Battista Guarini L'idropica, e escribir a música para unha danza dramática, Il ballo delle ingrate. A súa vida trastornárase a causa da enfermidade fatal da súa muller Claudia, que morreu o 10 de setembro de 1607, pero o duque non permitiu a Monteverdi respiro ningún. Escribiu L'Arianna en gran parte nos dous últimos meses dese mesmo ano, un esforzo que o biógrafo de Monteverdi Hans Redlich describe como "sobrehumano". Monteverdi sentiuse menosprezado pola falta de recoñecemento dos seus esforzos por parte do duque; case 20 anos despois, nunha carta ao secretario da corte de Mantua Alessandro Striggio o Novo, escribiu que case se suicidara ao ter que escribir L'Arianna con tanta presa.
Rinuccini empregou numerosas fontes clásicas como base do seu libreto, en particular obras de Ovidio —as Heroides e as Metamorfoses— e poemas de Catullus. Logo dun prólogo, a acción principal comeza con Venus dicíndolle a Cupido que Ariadna e o seu amante Teseo, que foxen de Creta logo de matar o Minotauro, pronto chegaran a Naxos. Teseo, advirte ela, abandonará a Ariadna, xa que cre que é inaceptable como raíña para o pobo de Atenas. Venus planea emparellala co deus Baco, e pídelle a Cupido que o arranxe. Teseo e Ariadna chegan; Teseo angústiase pola súa decisión de abandonala, mais o seu conselleiro advírtelle de que a súa resolución é sabia, e marcha. Pola mañá Ariadna, sentíndose abandonada, busca sen éxito a Teseo na beira do mar, onde canta o seu lamento. Unha fanfarria indica unha chegada inminente; Ariadna agarda que sexa o regreso de Teseo, mais é Baco e o seu séquito. Xúpiter fala dende os ceos e, no medio de escenas festivas, Baco promételle a Ariadna a inmortalidade cos deuses a cambio do seu amor.
Rinuccini estendeu o libreto durante os ensaios, logo de que a duquesa se queixara de que a peza era "demasiado seca"; como resultado engadíronse as primeiras escenas entre Venus e Cupido, e a bendición de Xúpiter dende o ceo. Os preparativos para a representación da ópera interrompéronse cando, en marzo de 1608, a soprano protagonista Caterina Martinelli morreu de varíola. Axiña se encontrou unha substituta, e o papel principal recaeu en Virginia Andreidi, unha recoñecida actriz-cantante que empregaba o nome artístico de "La Florinda"; segundo consta aprendeu o papel en tan só seis días. Na súa análise das obras teatrais de Monteverdi, Carter suxire que o lamento puido ter sido engadido á obra para aproveitar ao máximo as habilidades vocais de Andreini. A estrea, o 28 de maio de 1608, foi representada nun teatro especial erixido temporalmente, que segundo os relatos dos contemporáneos podía acoller unha audiencia de varios centos de persoas. A produción foi luxosa; aparentemente requiríronse 300 homes para manipular a maquinaria do escenario. Federico Follino, quen preparou o informe oficial da corte de Mantua para a ocasión, eloxiou a belleza da obra, a magnificencia dos vestidos e a maquinaria, e a dozura da música. O compositor e compañeiro de Monteverdi Marco da Gagliano foi igualmente eloxioso, escribindo que a ópera "conmovera visiblemente a toda a audiencia ata as bágoas". É posible que L'Arianna fora representada tamén en Florencia en 1614; unha representación en Mantua para celebrar o aniversario da Duquesa Caterina en maio de 1620 foi cancelada por motivos descoñecidos. Por outra banda, non hai rexistros de representacións da ópera antes do seu renacemento no Teatro San Moisè de Venecia en 1640. No seu estudo sobre a ópera de finais do Renacemento, Gary Tomlinson supón que a recepción entusiasta da obra en Venecia foi un factor significativo na decisión de Monteverdi de retomar a composición de óperas durante os seus últimos anos.
Da música, tan só o «Lamento» sobreviviu. Este foi publicado de xeito independente da ópera en varias formas; no Sexto Libro de Madrigais de Monteverdi en 1614 incluíuse unha adaptación para cinco voces, e en 1623 publicáronse dúas versións do solo orixinal. Outros compositores emularon o formato do lamento; Redlich afirma que iniciou un subxénero musical que durou ata finais do século XVII e máis aló. O libreto conservouse; publicáronse versións en Mantua en 1608, e en Venecia en 1622 e 1639.
Le nozze di Tetide (1616–17) (En galego A voda de Tetis) miniatura|Le nozze di Tedite foi encargada para as celebracións do duque Ferdinando Gonzaga. Logo da morte do duque Vincenzo en febreiro de 1612, Monteverdi sentiuse sen o favor da corte de Mantua. O sucesor de Vincenzo, Francesco, non tiña en grande estima a Monteverdi, e destituíuno. Logo da repentina morte de Francesco en decembro de 1612, o ducado pasou ao seu irmán Ferdinando, mais Monteverdi non foi chamado á corte e foi nomeado maestro di capella en agosto de 1613 na Basílica de San Marcos de Venecia. Con todo, permaneceu en contrato con Striggio e outros cortesáns de Gonzaga de alto grao, a través dos cales puido obter encargos eventuais para compoñer obras teatrais para a corte de Gonzaga. Así, a finais de 1616, Striggio pediulle que puxera música ao libreto de Scipione Agnelli Le nozze di Tetide, como parte das celebracións da futura voda do duque Ferdinando con Caterina de' Medici. Esta historia, baseada na vida do heroe da mitoloxía grega Peleu coa deusa do mar Tetis, ofrecéralla Peri previamente á corte de Mantua, cuxa montaxe a partir dun libreto de Francesco Cini rexeitaran na corte en favor de L'Arianna en 1608.