Soraya Esfandiary-Bakhtiari (en , Sorayâ Esfandiyâri-Baxtiyâri), nada en Isfahán o 22 de xuño de 1932 e finada en París o 26 de outubro de 2001, foi a raíña consorte de Irán como esposa do xa Mohammad Reza Pahlavi, co que casou en 1951.
O matrimonio sufriu moitas presións, en particular cando quedou claro que ela era estéril. Rexeitou a suxestión do xa de tomar unha segunda esposa para producir un herdeiro despois de que el rexeitase a súa idea de abdicar en favor do seu medio irmán. Como filla de nai cristiá, os clérigos xiítas desconfiaban dela, igual que a posesiva nai do xa. En marzo de 1958, o xa chorou mentres anunciaba o divorcio. O embaixador británico afirmou que Soraya foi o único amor verdadeiro do xa. Tras unha breve carreira como actriz e unha relación co director de cinema italiano Franco Indovina, Soraya viviu soa en París ata a súa morte.
Traxectoria Primeiros anos
Soraya era filla de Khalil Khan Esfandiary-Bakhtiari (1901-1983), nobre da etnia bakhtiari do Irán meridional e embaixador de Irán ante Alemaña Occidental, e da súa esposa alemá nada en Rusia, Eva Karl (1906-1994).
Naceu no Hospital Misioneiro Inglés de Isfahán en 1932. Tivo un irmán máis novo, Bijan (1937–2001). A súa familia estivo durante moito tempo involucrada no goberno e no corpo diplomático iraniano. Un tío seu, Sardar Assad, foi un dos líderes da revolución constitucional persa de principios do século XX. Soraya creceu entre Berlín e Isfahán e foi educada en Londres e Suíza.
Reinado En 1948, Soraya foi presentada ao novo xa Mohammed Reza Pahlavi, por Forough Zafar Bakhtiary, parente de Soraya, mediante unha fotografía tomada por Goodarz Bakhtiary, en Londres, a petición de Forough Zafar. Nese momento, Soraya estaba rematando o instituto nunha escola suíza e estaba a estudar inglés en Londres. Comprometéronse deseguido e o xa deulle un anel de compromiso de 22.37 quilates (4.474 g).
Mohammad Reza Pahlevi e Esfandiary casaron o 12 de febreiro de 1951. O matrimonio foi problemático porque a nai e as irmás de Mohammad Reza vían a Soraya como rival polo amor del, igual que a súa primeira esposa, Fawzia, e continuamente a humillaban. Soraya odiaba a Ernest Perron, mellor amigo e secretario privado do xa.Milani, Abbas The Shah, Londres: Macmillan, 2011 pp. 155-60. Como Soraya foi criada en Europa, Irán era un país "estraño" para ela, e tivo actitudes que o historiador irianiano-estadounidense Abbas Milani describiu como próximas ao racismo. Para ela, Europa foi sempre o modelo de excelencia para todo. Unha fotografía da raíña facendo esquí náutico en Miami cun bikini foi moi controvertida en Irán.Milani, Abbas The Shah, Londres: Macmillan, 2011 páxina 199. Soraya foi enormemente condenada pola inmoralidade do seu traxe de baño, considerado impropio dunha musulmá, e a foto moi prohibida en Irán para tratar de silenciar as críticas do ulema.
Aínda que a voda tivera lugar durante unha forte nevarada, que se consideraba bo augurio, o matrimonio da parella imperial desintegrárase a principios de 1958, debido á aparente infertilidade de Soraya. A raíña abandonou Irán en febreiro e marchou á casa dos seus pais en Colonia, onde o xa enviou o tío da súa esposa, o senador Sardar Assad a principios de marzo, nun intento de convencela para regresar. O 21 de marzo de 1958, aninovo iraniano, un choroso xa anunciou o divorcio nun discurso emitido por radio e televisión."Iran Shah Divorces His Childless Queen", The New York Times, 14 de marzo de 1958, p. 2. Recibiu o tratamento e título nobiliario de «A Súa Alteza Imperial a Princesa Soraya do Irán», tralo divorcio.
Exilio Tras divorciarse estableceuse primeiramente en Roma no seu exilio. Intentou unha breve carreira como actriz,"Soraya Taking Screen Role", The New York Times, 8 de outubro de 1963, p. 48. protagonizando o filme I tre volti (1965), dirixido por Franco Indovina (1932–72), con quen mantivo unha relación sentimental. Tamén participou no filme She (1965).
Trala morte de Indovina nun accidente de aviación, a princesa converteuse nunha personaxe asidua da prensa do corazón que a denominou «a princesa dos ollos tristes». A raíz dese falecemento, deixou para sempre Italia para establecerse en Francia.
Dous anos antes de morrer, Soraya revelou nas súas memorias o seu segredo: ela non era estéril como sinalaran os médicos próximos ao xa, senón que manipularon os seus exames médicos para convencer o xa sobre a suposta infertilidade, o que deu lugar ao inesperado divorcio.
A princesa Soraya de Irán faleceu no seu apartamento de París por causas non reveladas con 69 anos. Tras saber do pasamento, o seu irmán comentou con tristura, "despois dela, non teño ninguén con quen falar". Bijan faleceu unha semana despois.Bakhtiari family website - Soraya Esfandiari Bakhtiari
Está enterrada en Westfriedhof, un cemiterio de Múnic, xunto coa súa familia. En 2002, a súa tumba foi profanada por radicais musulmáns con pintadas acusándoa de «parasito social».
Legado miniatura|Tumba de Soraya, os seus pais e o seu irmán. O divorcio de Soraya do xa inspirou a compositora francesa Françoise Mallet-Jorris para escribir "Je veux pleurer comme Soraya" ("Quero chorar como Soraya"). O francés François Meilland cultivou un xirasol en honor á raíña que chamou "Emperatriz Soraya".
Realizouse un telefilme italo-alemán sobre a vida da princesa, titulado Soraya (tamén chamado Sad Princess), que se emitiu en 2003 e foi protagonizada por Anna Valle como Soraya e Erol Sander como o xa. A actriz francesa Mathilda May interpretou a irmá do xa, a princesa Shams Pahlavi.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Princess Soraya, souvenirs about Internet lessons in Paris Photo gallery Another gallery of her Bakhtiari World
Categoría:Nados en Isfahán Categoría:Nados en 1932 Categoría:Finados en 2001 Categoría:Consortes reais