Anxela Caramés Sales, nada en Santiago de Compostela o 23 de abril de 1977, é unha crítica de arte galega que traballa como axente e xestora cultural, especializándose nos estudos de xénero, relacionándoos coas implicacións do social e o político na arte actual.
Traxectoria Filla do fotógrafo Vari Caramés,Ánxela, 1998 Anxela Caramés licenciouse en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela en 1999. Posteriormente complementou os seus estudos coa formación en Realización de Vídeo e Cine pola Escola de Imaxe e Son da Coruña. Acadou o título de doutora en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia en 2016, no programa de doutoramento Artes Visuais e Intermedia.
No seu traballo analiza os procesos de creación, produción, xestión e difusión, concentrándose especialmente na arte emerxente. Aí mesmo, investiga sobre os discursos feministas na arte española contemporánea.
Colabora con artigos en diferentes medios especializados e textos en catálogos de exposicións. Dirixiu e coordinou o especial de Xénero e Arte en Galicia para Nós (suplemento cultural do Xornal de Galicia) en 2009.
Dende o ano 2020 é voceira da Xunta Directiva de Mulleres nas Artes Visuais (MAV).
Xestión cultural Caramés colabora cos principais centros de arte galegos como o Centro de Arte Contemporánea de Galicia (CGAC), o Museo de Arte Contemporánea de Vigo e noutras institucións tanto como guía de exposicións, así como docente en obradoiros didácticos para diferentes espazos artísticos. Desenvolveu os encontros de debate e reflexión crítica sobre Feminismos Subxectividades críticas/narrativas identitarias. Feminismos e creación contemporánea no Estado español (Fundación Luis Seoane, 2006) e Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos (Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, 2009).
Foi comisaria das intervencións artísticas no espazo público Contedor de feminismos de Carme Nogueira e Xogo de Damas de Mónica Cabo en 2009 e participou no congreso Xénero, Museos, Arte e Educación. En 2011 foi comisaria de Muartech. Acciones híbridas desde el género y la tecnología para Espacio Menosuno de Madrid.
Unha das exposicións máis relevantes foi Alén dos xéneros, feminismos e sexualidades en clave de arte Esta exposición realizada en 2016, composta por 50 artistas de ambos os dous sexos, combinou as visións de xénero dende distintas xeracións de artistas. Ademais, expoñía a relación entre os conceptos feminista e feminino e entre os conceptos de masculinidade e feminidade. Inaugurada no Museo Marco de Vigo, posteriormente pasou ao Auditorio de Galicia. Na devandita exposición Caramés fixo un repaso polas expresións artísticas feministas dende os anos noventa até 2016 con artistas históricas como Maruxa Mallo, Ángela de la Cruz etc.
Notas
Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1977 Categoría:Críticos da arte