Liliopsida é o nome dun taxon asignado á categoría taxonómica de Clase, que na clasificación de Cronquist 1981, coincide coa circunscrición das monocotiledóneas, tamén coñecidas como Monocotyledoneae nalgunhas clasificacións como Engler, e monocots (en inglés) nas clasificacións máis modernas e a súa sucesora. As monocotiledóneas forman unha das grandes clases nas que se dividen as anxiospermas, a outra é a das dicotiledóneas.

Chámaselles monocotiledóneas ás plantas que teñen un embrión cun só cotiledón que ó desenvolverse dará lugar a unha folliña. Á particularidade principal de posuír un único cotiledón engádense as seguintes características: Talos: sen formación de madeira secundaria e ausencia dun verdadeiro tronco. En relación con iso, no corte transversal do talo (ronsel) obsérvase aos feixes de xilema e floema dispostos nunha atactostela, en lugar dunha eustela como o resto das espermatófitas.

Aínda que as monocotiledóneas son principalmente de hábito herbáceo, algunhas poden alcanzar grandes alturas e tamaños, particularmente os agaves, as palmeiras e os bambús. Follas: presentando a nervación principal paralela. Flores: fundamentalmente trímeras en 5 verticilos: 3 sépalos, 3 pétalos, 2 verticilos de 3 estames cada un, e 3 carpelos.

As monocotiledóneas recoñecéronse como monofiléticas desde hai moito tempo, tanto debido aos seus caracteres morfolóxicos e anatómicos distintivos como polos seus caracteres nos análises moleculares de ADN.

As monocotiledóneas comprenden ao redor de 56.000 especies, o 22 % de todas as anxiospermas (Soltis et al. 2005). Entre as monocotiledóneas inclúense as ben coñecidas aráceas, os lirios, o xenxibre, as orquídeas, as palmeiras, os pastos e o cereal. A familia dos pastos e os cereais (Poaceae) é quizais o grupo economicamente máis importante de todas as plantas (Soltis et al. 2005), e inclúen cereais como o arroz, o trigo, o millo ou maínzo, a cebada e o centeo. A metade da diversidade de monocotiledóneas pode ser atopada só en dúas familias, Orchidaceae (a familia das orquídeas) e Poaceae (a familia dos pastos e os cereais), que inclúen o 34 % e o 17 % respectivamente de todas as especies de monocotiledóneas (Soltis et al. 2005). Estas dúas familias tamén están entre as familias máis grandes de anxiospermas, e son membros dominantes de moitas comunidades de plantas (Soltis et al. 2005).

Caracteres

miniatura|dereita|170px|Herba brotando na esquerda (unha monocotiledónea), mostrando un só cotiledón. Comparada cunha dicotiledónea (dereita).

Resumidos na táboa 4.1 de Soltis et al. 2005, téñase en conta que aproximadamente a metade dos caracteres especificados nesa táboa non resultaron ser apomorfías, mais si as que se especifican aquí: Todas as monocotiledóneas teñen un só cotiledón, de valor adaptativo descoñecido. Non todas as monocotiledóneas posúen un cotiledón obvio: en Poaceae, por exemplo, o único cotiledón pénsase que foi modificado e volveuse un órgano de absorción dentro da semente. Tipicamente as monocotiledóneas teñen raíces adventicias. Tradicionalmente, as monocotiledóneas foron definidas en parte pola presenza das partes florais en múltiplos de 3. Con todo, actualmente considérase que esta característica é unha condición ancestral, común en moitas liñaxes basais de anxiospermas non monocotiledóneas como Nymphaeaceae e magnólidas como Laurales, Magnoliales e Piperales. Por tanto aínda que é unha característica do grupo, non é unha apomorfía, senón unha condición ancestral retida, condición que naceu cedo entre as anxiospermas, pode ser ancestral para todas as anxiospermas basais por encima de Amborellaceae (ver Soltis et al. 2005 e literatura citada). Con todo, as flores trímeras das monocotiledóneas son altamente estereotipadas, sendo usualmente pentacíclicas. As flores trímeras pentacíclicas son extremadamente pouco comúns en dicotiledóneas e poderían ser unha apomorfía das monocotiledóneas (ver por exemplo Soltis et al. 2005, Bateman et al. 2006b).

Todas as monocotiledóneas teñen no corte transversal do talo (ronsel) unha atactostela, que é a observación dos feixes vasculares de xilema e floema dispersos ao longo do corte transversal, en lugar de dispostos nun anel (eustela) como nas demais espermatofitas. Ademais, ningunha monocotiledónea ten un cámbium vascular verdadeiro que produza verdadeira madeira, esta característica parece estar correlacionada coa evolución da atactostela, xa que esta non permite un crecemento ordenado, bifacial do cámbium vascular. Algunhas monocotiledóneas engrosan o seu talo con parénquima durante o crecemento primario (chamado "xigantismo primario", como nas palmeiras, que logo vanse tornando ríxidas coa idade debido a depósitos de lignina na parede celular, o cal é un proceso completamente diferente do que ocorre nas plantas con cámbium bifacial), ou posúen un crecemento secundario anómalo xerado por un cámbium "anómalo" (por exemplo nas árbores dragón como Dracaena draco, algunhas Agavaceae e Asphodelaceae). A atactostela tamén aparece nas Nymphaeaceae e algunhas Piperaceae. A incapacidade de producir un cámbium bifacial ben organizado limitou a evolución do crecemento en altura das monocotiledóneas, que a pesar diso presentan unha considerable diversidade de hábitos. Comprender como esta reorganización radical do talo das monocotiledóneas ocorreu e de que tipo de estado ancestral evolucionou é unha das grandes preguntas sen resolver na evolución das anxiospermas.

A maioría das monocotiledóneas teñen venación paralela nas follas, outra apomorfía do grupo. As veas son estritamente paralelas (por exemplo en pastos), ou curvadas e aproximadamente paralelas, ou pinadas-paralelas (unha vea principal da que saen veas secundarias que son esencialmente paralelas entre si). As últimas veas da venación paralela son transversas e non forman unha venación reticulada (tipo rede). Algunhas monocotiledóneas teñen venación reticulada que apareceu en forma secundaria á paralela (por exemplo algunhas Araceae, as Dioscoreaceae, Smilacaceae). Moitas monocotiledóneas teñen follas pinadas a palmadas con patróns de venación obviamente reticulados (ver Chase et al. 1995b,). Ademais, as follas da maioría das monocotiledóneas, aínda esas cunha lámina ben desenvolvida e un pecíolo, están formadas case enteiramente da parte basal do primordio foliar, mentres que as follas das demais anxiospermas son principalmente derivadas da punta apical do primordio.

Todas as monocotiledóneas teñen as células cribosas do floema con plastidios de forma triangular e con inclusións proteínicas cuneadas (con forma de cuña) do tipo "P2" (Behnke 1969,). Este tipo de plastidio das células cribosas (que só pode ser visto cun microscopio de transmisión de electróns) foi atopado en todas as monocotiledóneas investigadas, con algunha variación na forma. O valor adaptativo deste tipo de plastidio é descoñecido. Os plastidios das células cribosas con moitos cristais proteínicos tamén existen nalgunhas \Aristolochiaceae (Saruma e Asarum, Dahlgren et al. 198) amosaron unha robusta relación filoxenética entre Aristolochiaceae e outros Piperales dentro do clado das Magnoliidae.

Un carácter moitas veces pasado por alto das monocotiledóneas é o seu crecemento simpodial. Hai outras anxiospermas simpodiais, pero as monocotiledóneas son case exclusivamente simpodiais. Aínda os xéneros arborescentes ramificados, como Aloe, son simpodiais: os novos simpodios medran preto do ápice do anterior e desprazan a inflorescencia terminal nunha posición lateral, mais estas plantas seguen sendo simpodiais. A ramificación nas monocotiledóneas arborescentes acádase pola produción de máis dun simpodio terminal, mais esta ramificación é limitada polas demandas que fai no sistema vascular dos simpodios máis vellos, que non poden expandirse para cumprir cos requirimentos cada vez máis grandes (ver Tomlinson 1995). A maioría das monocotiledóneas forman agrupacións de follas en parte de cada ciclo de crecemento, ou son xeófitas, a elongación internodal neses casos é moi pequena.

En resumo, as monocotiledóneas son consideradas monofiléticas en base ó seu hábito herbáceo, ás súas follas con venación paralela e unha base envaiñadora, ó seu embrión cun único cotiledón, os seus plastidios das células cribosas do floema con moitos cristais proteínicos cuneados, os seus talos coa ronsel que é unha atactostela, as súas numerosas raíces adventicias, o seu crecemento simpodial, e as súas flores trímeras (con tres pezas por verticilo) pentacíclicas (con cinco verticilos).

As monocotiledóneas tipicamente teñen pole monosulcado, probablemente unha retención dunha característica ancestral entre as anxiospermas.

É notable que as monocotiledóneas nunca teñen follas con dentes con glándulas, se hai dentes son máis ou menos espiñentos (como en Ceratophyllaceae).

É notable que as flores monosimétricas das monocotiledóneas preséntanse frecuentemente na mesma forma que en moitas eudicotiledóneas nucleares, é dicir, co sépalo medio adaxial, sendo a principal excepción a maioría dos Zingiberales. Mais non está claro por que debería ser así. De feito, a orientación das flores nas monocotiledóneas é bastante variable, e depende da presenza e orientación do profilo (bractéola), e tamén da existencia doutras estruturas no pedicelo (ver por exemplo Eichler 1875) notaron a variabilidade da posición das bractéolas das monocotiledóneas, eles suxiren que pode ser porque as flores axilares en realidade representan acios reducidos.

O desenvolvemento das follas das monocotiledóneas continua sendo materia de estudo. Un "Vorläuferspitze", unha protrusión abaxial cónica ou cilíndrica usualmente pequena no ápice da folla madura, é moi común en monocotiledóneas. Representa a parte distal (superior) da folla, e en dicotiledóneas é o que desenvolve a lámina. Con todo nalgunhas monocotiledóneas, o pecíolo e a lámina pénsase que se desenvolven da parte proximal (baixa) do primordio foliar, e é o equivalente á base foliar das dicotiledóneas. Noutras monocotiledóneas (en particular Acorales e Alismatales) a lámina parece desenvolverse da parte distal do primordio foliar, e por tanto o seu desenvolvemento é polo menos en parte similar ao das dicotiledóneas. Doutra banda dentro de Araceae, as follas de Scindapsus poden desenvolverse nunha forma "típica" de monocotiledóneas, pero non as de Arisaema, Orontium, nin Zamioculcas. Dado o pouco que aínda se coñece, o desenvolvemento "típico" das follas das monocotiledóneas pode ser unha sinapomorfía de só un subgrupo de monocotiledóneas, é dicir, de todo o grupo salvo Acorales e Alismatales.

Para ver unha lista de todos os caracteres coñecidos de monocotiledóneas e cales deles son posibles apomorfías, ver a páxina do anxiosperm Phylogeny Website.

Ecoloxía

miniatura|dereita|Foto onde se observa que os pastos, que son monocotiledóneas, son o membro dominante. As monocotiledóneas están distribuídas por todo o mundo e algunhas delas convertéronse nos membros dominantes de moitos biomas. Por exemplo os pastos son membros dominantes das pradarías, as sabanas, as estepas herbáceas.

Algúns herbívoros prefiren alimentarse de monocotiledóneas:

Eirugas das couzas Castniidae atópanse nunha variedade de monocotiledóneas (Forbes 1956, para algúns outros grupos que prefiren monocotiledóneas).

As larvas de escaravellos Galerucinae subtribo Diabroticites son aparentemente bastante comúns nas monocotiledóneas, onde se alimentan das raíces (Eben 1999).