Alexandria Villaseñor, nada en Davis, California, o 18 de maio de 2005, é unha activista climática estadounidense que vive en Nova York. Seguidora do movemento de Mocidade polo clima e da activista climática Greta Thunberg, Villaseñor é cofundadora de US Youth Climate Strike e fundadora de Earth Uprising.

Traxectoria Villaseñor naceu en 2005 en Davis, California, onde se criou. A familia mudouse do norte de California á cidade de Nova York durante 2018. Villaseñor é latina. O seu obxectivo é traballar algún día para a Organización das Nacións Unidas (ONU).

A loita de Villaseñor pola acción climática desencadeouse cando quedou atrapada nunha nube de fume do grande incendio que se produciu en novembro de 2018 en California durante unha visita familiar. Afectada de asma, enfermou fisicamente e durante a súa convalecencia investigou sobre o cambio climático e os aumentos de temperatura que contribuíron á gravidade do incendio. A súa nai matriculouse en cursos sobre cambio climático na Universidade de Columbia e participou neles, aprendendo sobre a ciencia subxacente. Pouco despois uniuse ao grupo de Nova York de Zero Hour, un grupo de mozos estadounidenses activistas do clima.

Villaseñor levou a cabo unha acción climática similar á de Thunberg, quen a inspirou coa súa charla do 4 de decembro de 2018 na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP24) en Katowice, Polonia. Desde o 14 de decembro de 2018 (mentres aínda se levaba a cabo a COP24), non asistiu ás clases dos venres para protestar fronte á Sede das Nacións Unidas en Nova York contra a falta de acción ante ao cambio climático. Tras abandonar o grupo Youth Climate Strike, fundou o grupo educativo sobre cambio climático Earth Uprising.

Cando Greta Thunberg chegou á cidade de Nova York trala súa viaxe transatlántica en veleiro en agosto de 2019, Villaseñor e algúns outros activistas climáticos saudárona. Para entón, xa estableceran contacto entre eles a través das redes sociais. O 23 de setembro de 2019, Villaseñor, xunto con outros 15 mozos activistas, entre eles Greta Thunberg, Catarina Lorenzo e Carl Smith, presentaron unha queixa legal ante a ONU acusando a cinco países, Francia, Alemaña, Brasil, Arxentina e Turquía, de non cumprir os obxectivos de redución aos que se comprometeron no Acordo de París.

A mediados de outubro de 2019, asistiu ao Cume Mundial de Alcaldes C40 en Copenhague, Dinamarca.

O 19 de agosto de 2020, Alexandria participou na convención do Partido Demócrata Estadounidense dentro das sesións sobre cambio climático.

O 1 de decembro de 2020 foi nomeada pola revista Seventeen como unha das voces do ano 2020.

Recoñecementos En maio de 2019, Villaseñor recibiu o Premio Disruptor dos Tribeca Disruptive Innovation Awards (TDIA), conseguiu unha bolsa da organización de defensa pública The Common Good, e recibiu o premio Youth Climate Leadership do Día da Terra.

Notas

Categoría:Ecoloxistas dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en California Categoría:Nados en 2005