Nintendo Company, Ltd. (en xaponés: 任天堂株式会社, Nintendō Kabushiki-gaisha) é unha compañía de videoxogos xaponesa, fundada por Fusajirō Yamauchi no século XIX en Kyoto. Comezou facendo xogos de cartas, de entre elas as chamadas Hanafuda (carta de flor) que tiveron grande éxito. Máis tarde entraría no mercado dos xoguetes electrónicos, para ser unha das pioneiras do videoxogo nos anos 70, cuxa primeira consola foi creada en 1977. Tivo grande éxito na década dos oitenta coa súa consola Nintendo Entertainment System (NES) e xogos como Super Mario, Zelda ou Donkey Kong, coa Game Boy popularizou o videoxogo portátil, e coa Super Nintendo Entertainment System (SNES) tentou repetir éxitos. Logo chegarían Nintendo 64, GameCube e Wii como consolas domésticas, e Game Boy Color, Game Boy Advance e Nintendo DS como portátiles.

Nintendo ten varias filiais en múltiples localizacións tanto no Xapón como no estranxeiro, nas cales delega a responsabilidade de producir e distribuír os seus produtos, ademais de socios comerciais como The Pokémon Company e Warpstar, Inc..«La historia de Nintendo». Nintendo.es. Consultado o 08 de marzo de 2026.«2018 Nintendo Financial Review» (pdf) (en inglés). Nintendo.co.jp. Consultado o 08 de marzo de 2026. Tanto a organización como o seu persoal recibiron varios premios polos seus logros, entre os cales inclúense recoñecementos Emmy de tecnoloxía e enxeñaría, Game Developers Choice Awards e galardóns BAFTA de videoxogos, entre outros. Ademais, é unha das empresas xaponesas con maior riqueza e valor no mercado, ademais de posuir unha das políticas de responsabilidade social con «mellor reputación» no mundo.

Historia 1889-1929: Antecedentes Os antecedentes de Nintendo remóntanse ao 23 de setembro de 1889 cando o artesán Fusajirō Yamauchi fundou a empresa Nintendo Koppai —en caracteres chineses: 任天堂骨牌— en Kyoto, Xapón, co obxectivo de producir e comercializar o xogo de cartas Hanafuda, cuxa principal característica é que incorporan ilustracións no canto de números. Este trazo permitiulle a Yamauchi comercializar as súas cartas malia que as autoridades do Xapón tiñan prohibidos os xogos de apostas dende 1633. Para a súa fabricación usaba a cortiza de moreiras, que el mesmo pintaba a man. A demanda do produto finalmente incrementouse e Yamauchi debeu contratar asistentes para producir en serie. Aínda que o termo «Koppai» está asociado con «cartas», existe imprecisión na etimoloxía de «Nintendo» —「運を天に任せる」—. Polo xeral considérase que é unha palabra composta cuxo significado é «deixa a sorte ao ceo» ou «deixa a fortuna en mans do destino» (en alusión á prohibición dos xogos de azar no Xapón), aínda que existe a hipótese de que os sinogramas kanjis poderían referirse tamén ao «xogo de azar».

A oferta inicial de Nintendo Koppai viuse completada con outras barallas como a adicada ao Hyakunin Isshu; as Daitoryo — «presidente» — que eran as máis populares en Kyoto e outras de estilo occidental, as primeiras dese tipo no Xapón. Malia un comezo favorábel, a compañía atravesou certas dificultades financeiras por mor do proceso de fabricación das cartas que era lento e custoso, mentres que os prezos fixados por Yamauchi eran elevados. Outros factores de risco eran o limitado nicho de mercado ao que pertencía a empresa, e a ampla durabilidade das cartas, un aspecto que impactaba nas vendas por mor da escasa taxa de reposición do produto. A maneira de solución, o empresario reduciu os prezos, comezou a producir cartas de menor calidade ás cales denominou Tengu e buscou ofrecer os seus produtos noutras cidades como Osaca, onde se movían cantidades considerábeis de diñeiro en partidas de cartas onde se apostaban sumas que podían chegar a ser moi elevadas, ademais de que os empresarios locais do xiro podían estar interesados nunha renovación case continua das súas barallas, evitando así as suspicacias que xeraba reutilizar cartas. Segundo datos da propia compañía, a súa primeira baralla occidental foi posta no mercado en 1902, aínda que outros documentos atrasan a data até 1907, pouco despois da guerra entre o Xapón e Rusia. Este contexto bélico xerou notábeis dificultades ás empresas da época, en especial ás do sector do lecer que estiveron suxeitas a novos gravames como a taxa Karuta Zei. Malia o anterior, a compañía subsistiu e, en 1907, estabeleceu un acordo con Nihon Senbai (máis tarde chamada Japan Tobacco & Salt Corporation) para comercializar as súas cartas en varios locais de cigarros ao longo do país.

A cultura xaponesa estipulaba que, para que Nintendo Koppai continuase como unha empresa familiar tras a xubilación de Yamauchi, este debía adoptar ao seu xenro como fillo propio para que puidese facerse cargo do negocio. Como resultado, Sekiryo Kaneda adoptou o apelido «Yamauchi» en 1907 e, un par de décadas despois, en 1929, converteuse no segundo presidente de Nintendo Koppai. Para entón, era «a compañía máis grande de xogos de cartas» no Xapón.

1929-1968: Expansión e diversificación En 1933, Sekiryo Yamauchi constituíu a empresa como unha sociedade colectiva baixo o nome de Yamauchi Nintendo Co, Ltd. e investiu na construción dunha nova sede corporativa situada á beira do edificio orixinal, preto da estación de tren Toba-kaidō. O seu matrimonio coa filla de Yamauchi tampouco deu lugar a ningún fillo home, polo que tiña pensado adoptar a Shikanojo Inaba, un artista que colaboraba na produción das cartas e que estaba casado coa súa filla Kimi, con quen tivo un fillo chamado Hiroshi, nado en 1927. Porén, Shikanojo Inaba abandonou á súa familia e a empresa, polo que Hiroshi haberíase de converter no sucesor de Sekiryo tras a súa xubilación.

O período da segunda guerra mundial resultou especialmente negativo para a compañía xa que as autoridades xaponesas volveron prohibir a difusión de xogos de cartas estranxeiros, mentres que a sociedade nipoa reduciu o seu interese neste tipo de actividades lúdicas para darlle prioridade a outras necesidades. Aínda así, logrou saír adiante, en parte apoiada pola inxección económica que supuxo a voda do xove Hiroshi con Michiko Inaba, que proviña dunha familia adiñeirada. En 1947 Sekiryo Yamauchi fundou Marufuku Co. Ltd., coa finalidade de producir en cadea as cartas e distribuír xogos de cartas con estilo occidental, tales como o pinochle e o póker. Un par de anos despois cambiouse a razón social por Marufuku Karuta Hanbai Co., Ltd.

En 1949, por mor da deterioración na saúde de Sekiryo, Hiroshi Yamauchi asumiu a presidencia de Nintendo. As súas primeiras accións implicaron varios cambios importantes na operación da compañía: en 1951 cambiou a razón social por Nintendo Playing Card Co. Ltd., mentres que Marufuku Company adoptou a denominación Nintendo Karuta Company, Ltd. e, ao ano seguinte, centralizou a produción de cartas nas fábricas de Kyoto, o que lle levou a expandir as oficinas. Así mesmo, a súa nova liña de cartas de plástico gozou dun considerábel éxito no país. Afeitos a unha dirección máis cautelosa e conservadora, unha parte dos empregados da empresa viu con preocupación as novas medidas e a situación de tensión entre ambas as partes derivou nunha convocatoria de folga. No entanto, a medida non tivo maior impacto debido a que Hiroshi recorreu ao despedimento de varios traballadores desconformes.

En 1959 Nintendo concretou un acordo con Walt Disney para incorporar os seus personaxes animados nas cartas, o cal representou un fito na industria nipoa. Así mesmo, desenvolveu un sistema de distribución que lle permitiu ofrecer os seus produtos en xoguetarías. En 1961 a empresa vendeu máis de 1,5 millóns de cartas e tiña unha elevada cota de mercado, para o que se apoiou en campañas publicitarias para televisión. A necesidade de diversificación levou á empresa a cotizar na segunda sección das bolsas de valores de Osaka e Kyoto a partir de 1962, e en 1964 obtivo ingresos por 150 millóns de iens, ademais de volverse empresa de capital aberto e cambiar a súa razón social a Nintendo Company, Ltd., en outubro de 1963. Aínda que a compañía vivía un momento de prosperidade e bonanza económica, as cartas Disney e produtos derivados facíana moi dependente do mercado infantil. Esta situación agravouse por mor das vendas de Hanafuda, máis enfocadas cara a un público adulto que caeran notabelmente porque a sociedade xaponesa prefería outros pasatempos como o pachinko, os birlos ou as saídas nocturnas. Por iso, cando as vendas de barallas Disney empezaron a amosar signos de esgotamento, Nintendo deuse conta de que non tiña alternativas reais coas cales paliar esa situación. Nin eventos como os Xogos Olímpicos de Tokio e os seus produtos asociados lograron recuperar as vendas, e en 1964 o prezo de mercado da compañía decreceu a 60 iens, o nivel máis baixo en toda a súa historia.

Entre 1963 e 1968 Yamauchi investiu en varias liñas de negocio para Nintendo apartadas do seu mercado tradicional e que, maiormente, resultaron erradas. Entre estes intentos atópanse paquetes de arroz instantáneo, sucursais de hoteis do amor e un servizo de taxis denominado Daiya. Aínda que este último esforzo tivo unha mellor recepción ca os anteriores, Yamauchi desestimou esta iniciativa tras unha serie de desencontros cos sindicatos locais.

1969-1978: Xoguetes electrónicos e primeiros videoxogos As experiencias obtidas coas anteriores iniciativas levaron a Yamauchi a incrementar o investimento de Nintendo nun departamento de investigación e desenvolvemento que deixou a cargo de Hiroshi Imanishi, un empregado cunha extensa traxectoria noutras áreas da organización. Finalmente Gunpei Yokoi sumouse ao equipo en 1969 como responsábel da coordinación dos distintos proxectos dese departamento. A experiencia de Yokoi na manufactura de dispositivos electrónicos levou a Yamauchi a deixalo a cargo do departamento de xogos da compañía, mediante o cal haberían de producirse en serie as súas invencións. Nese período levou a cabo a construción dunha nova planta de produción en Uji, nos arredores de Kyoto, e a empresa distribuíu xogos de mesa clásicos como o xadrez shōgi, o taboleiro go e o mahjong, así como outros estranxeiros baixo a marca Nippon Game. A reestruturación da compañía preservou un par de áreas adicadas á manufactura de cartas xaponesas.

O comezo da década de 1970 representou un momento decisivo na historia de Nintendo debido a que puxo á venda o primeiro xoguete electrónico no Xapón: a pistola optoelectrónica Nintendo Beam Gun, deseñada por Masayuki Uemura. En total vendéronse máis dun millón de unidades a principios dos anos 1970. Igualmente, nese período a empresa comezou a cotizar na sección principal da bolsa de Osaka e inaugurou as súas novas oficinas centrais. Algúns outros xoguetes característicos desta época foron a Ultra Hand, a Ultra Machine, a Ultra Scope e o Love Tester, todos eles deseñados por Gunpei Yokoi. Até 1970 vendéronse máis de 1,2 millóns de unidades do primeiro destes.