Carolina Iglesias, tamén coñecida como Percebes y Grelos, nada en Oleiros o 8 de agosto de 1993, é unha humorista, guionista e youtubeira feminista galega. En 2021, foi recoñecida co Premio Marcela e Elisa polo seu traballo en prol dos dereitos LGTBI+, sendo a persoa máis nova en recibir este galardón.
Traxectoria Trasladouse a Madrid para dedicarse aos monólogos e estudar Lingua e literatura española na Universidade Complutense de Madrid (UCM), aínda que non se licenciou. Paralelamente aos seus estudos universitarios, formouse na Escola Superior de Comedia (EOC), na compañía teatral Jamming e en Factoría del Guión.
Iglesias foi a cómica máis nova en gravar un monólogo para o programa ‘Open Mike’ de Paramount Comedy en 2012 cando tiña 18 anos. Actuou en diversos locais de Madrid, entre os que destaca a súa primeira actuación, na sala Galileo Galilei, para a I Gala Solidaria de Cómicos pola Infancia sen Fronteiras. En 2014, Iglesias publicou o relato “Amor de mierda” que se incluíu no libro Vloggers Now! 3. Dirixiu e escribiu a curtametraxe Sólo pienso en ti, protagonizada por Berta Collado e que foi o máis visto da súa categoría no Notodofilmfest. Protagonizou a curtametraxe Prólogo a una primera cita de Jorge López Anaya.
En 2017, comezou a co-presentar Yu: No te pierdas nada, un dos programas estrela de Los 40, e traballou en programas como Zapeando, Lo siguiente (o programa de Televisión Española presentado por Raquel Sánchez Silva), en Operación Triunfo, Hora yutuber ou Youtubers Live. Tamén protagonizou no Palacio de la Prensa un espectáculo teatral sobre a nostalxia dos anos 2000 chamado 'Que vuelva Fotolog''' xunto á tamén youtubeira Esty Quesada (Soy una pringada).
En 2019, Iglesias foi a presentadora da 17ª edición dos Premios Mestre Mateo xunto a Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo e Fernando Epelde.
En 2020, estreou en YouTube xunto a Victoria Martín Válidas, unha webserie sobre dúas cómicas pasando un mal momento e que deciden facerse pasar por parella para conseguir éxito social. Iglesias e Martín escribírona e protagonizárona. En maio dese mesmo ano, presentou Estirando el chicle, un podcast creado novamente xunto a Victoria Martín que se emite en distintas plataformas. Dende o seu lanzamento, en pleno confinamento estrito (marzo-maio) provocado pola pandemia de COVID-19, converteuse nun dos podcast independentes máis escoitados de España.
Recoñecementos En 2009, conseguiu o terceiro premio de fotografía do V Concurso Xurxo Lobato do IES Monelos (A Coruña).
A Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual da Coruña (ALAS) concedeulle o premio Marcela e Elisa de 2021. Este galardón concédeselle anualmente a unha persoa ou entidade implicada na defensa dos dereitos do colectivo LGTBI+.
Obra poética 2018 – El amor, qué movida.'' Edicións Hidroavión. ISBN 978-84-948935-4-4.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Canle de Carolina Iglesias - 'Percebesygrelos' en YouTube. Canle de Carolina Iglesias - 'También te digo' en YouTube. Páxina do podcast Estirando el chicle en Podium Podcast. Páxina web oficial de Carolina Iglesias. Artigos de Carolina Iglesias en 'Cajón de sastre' (2014-2015).
Categoría:Nados en Oleiros Categoría:Nados en 1993 Categoría:Personalidades de YouTube Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Feministas de Galicia Categoría:Guionistas de Galicia Categoría:Humoristas de Galicia